O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclaman ao Goberno de España os fondos necesarios para a posta en marcha de programas específicos en materia de emprendemento, logo de que Galicia fora recoñecida como Rexión Emprendedora Europea.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, sinalou que este premio “recoñece o traballo feito pola Xunta de Galicia e supón unha oportunidade para continuar potenciando o talento, a creatividade e a capacidade emprendedora dos galegos”. “A estratexia que levou a Galicia a conseguir este recoñecemento está dirixida a fomentar o crecemento e a competitividade das áreas rurais, buscando ao mesmo tempo combater retos tan importantes como o envellecemento da poboación e o despoboamento”, apuntou.
CENTROS DE EMPRENDEMENTO SEN AXUDAS
“O talento, os recursos locais e tamén a estabilidade política son factores clave que sitúan a Galicia como unha terra destacada para investir e para emprender”, indicou a portavoz popular.
Noelia Pérez referiuse aos centros de orientación ao emprendemento, impulsados a nivel estatal con fondos europeos e destinados a ofrecer acompañamento personalizado, recursos e formación para impulsar proxectos emprendedores. “Foron entidades que o Goberno de Pedro Sánchez obrigou a crear a todas as comunidades autónomas, transferindo os fondos tanto para a súa construción, a posta en marcha e a realización de actividades ao longo de 2024”, explicou.
Porén, lamentou que “agora o Goberno central desenténdese do mantemento destes centros de emprendemento, xa que se descoñece como ten pensado financialos ao longo deste ano 2025”. Por este motivo, considerou “inaceptable que Galicia, a única comunidade española que recibiu o premio de Rexión Emprendedora Europea sexa abandonada polo Goberno de Pedro Sánchez, máis interesado en regar con cartos a outras comunidades que en apoiar ás que compren e destacan polo seu esforzo”.