O Partido Popular de Galicia demanda ao Goberno central que amose o seu compromiso co Xacobeo 2027 habilitando os procedementos necesarios para que as empresas que desexen patrocinar actividades vinculadas á súa celebración poidan facelo acolléndose aos beneficios fiscais aportados pola declaración de Acontecemento de Excepcional Interese Público.
Faino a través dunha Proposición non de Lei rexistrada polos seus deputados no Congreso e na que recordan que o Ministerio de Cultura contemplaba a inclusión desta declaración, que permitiría a posta en marcha dun programa de beneficios fiscais co obxectivo de ampliar e favorecer a implicación da sociedade civil no evento, no anteproxecto de Presupostos Xerais do Estado de 2025.
Ante a falta de Presupostos estatais para este ano, os populares expresan a súa preocupación ao considerar que “existe o risco de que a declaración do próximo Ano Santo como Acontecemento de Excepcional Interese Público non sexa unha realidade co tempo necesario para alcanzar os obxectivos que con dita declaración se pretenden conseguir”.
Insisten así na necesidade de que todas as administracións contribúan ao éxito do fenómeno xacobeo na medida en que se trata de algo que vai máis alá da súa vertente relixiosa e espiritual orixinaria: “O Xacobeo representa unha forma de turismo sostible e respectuosa co medio ambiente que non só contribúe a dinamizar e promocionar os históricos camiños a Compostela, senón tamén a vertebrar a súa contorna cun amplo conxunto de actividades relixiosas, culturais e económicas cun impacto moi positivo no ámbito social e territorial”.
“Con independencia das motivacións que motiven aos peregrinos a emprender as diferentes rutas xacobeas, trátase dunha experiencia que cada ano atrae a máis persoas tanto de toda España como de diferentes partes do mundo”, engaden para reafirmar o “carácter excepcionalmente internacional do Camiño” e a súa capacidade de “establecer conexións entre persoas de diferentes procedencias e culturas”.