O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por incentivar a participación voluntaria da cidadanía nas comunidades enerxéticas para impulsar as vantaxes do autoconsumo compartido, ao tempo que demandou ao Goberno de España a creación, de xeito coordinado coas comunidades autónomas, un marco lexislativo común e un rexistro de comunidades enerxéticas para coñecer a súa natureza e o impacto positivo de cada unha delas onde operan.
Rubén Lorenzo asegurou que “compartimos plenamente os beneficios e vantaxes das comunidades enerxéticas e, por este motivo, o PPdeG levaba no seu programa electoral o impulso destas figuras que permiten acadar un aforro enerxético á cidadanía”. “Debemos seguir avanzando na transición enerxética cara un modelo descarbonizado e dixitalizado”, manifestou o portavoz popular, quen apuntou que “cómpre seguir avanzando nunha maior presenza de enerxías renovables no mix enerxético, e facer un maior esforzo neses obxectivos de descarbonización a través tanto da autosuficiencia enerxética como no aforro enerxético”.
DOUS ANOS ESPERANDO POLO REAL-DECRETO
Porén, criticou que o Goberno central “ten pendente desde hai case dous anos aprobar un proxecto de Real-Decreto polo que se desenvolvan as figuras das comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadáns de enerxía”.
“Resulta fundamental dotar dun marco lexislativo claro ás comunidades enerxéticas, pero sempre tendo en conta as aportacións que se fagan desde as comunidades autónomas”, indicou Rubén Lorenzo. En concreto, esta norma aportaría un marco lexislativo común, ao tempo que contemplaría un rexistro de comunidades enerxéticas compartido para todo o territorio español. “Se falamos das comunidades enerxéticas, a normativa ten que evolucionar e atender a clara evolución na normativa relacionada co autoconsumo, democratizando a súa implantación”, dixo.
Rubén Lorenzo salientou o apoio da Xunta de Galicia ás comunidades enerxéticas e “xa vai pola terceira convocatoria de axudas” para estas iniciativas, a través da que se complementa as liñas de axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) cos programas CE Implementa e CE Oficinas.