A deputada do Grupo Popular Paula Mouzo demandará mañá na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia que o Goberno de España estableza unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na ría de Camariñas, co fin de reforzar a loita contra o narcotráfico. Así mesmo, pedirá que se modernicen e reforcen os medios materiais e tecnolóxicos do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia; ampliar a dotación de medios persoais e materiais empregados polo Goberno de España na loita contra o narcotráfico na provincia de A Coruña; e garantir a plena operatividade horaria do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia para que non se comprometa a execución de operacións contra o narcotráfico ou outras actividades.
A iniciativa que mañá defenderá a deputada popular na Comisión 1ª recolle as demandas e suxerencias realizadas polo responsable autonómico de CSIF-Galicia na Axencia Tributaria, Pablo Burgos, nunha reunión que mantivo co portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, a viceportavoz Paula Prado e a deputada Paula Mouzo.
Neste encontro os deputados populares amosaron todo o seu apoio aos traballadores do Servizo de Vixilancia Aduaneira ante o abandono ao que os ten sometidos o Goberno de Pedro Sánchez, o que implica unha preocupante desprotección das costas galegas pola insuficiente dotación tanto de medios materiais como humanos cos que opera este servizo.
A deputada Paula Mouzo lamentou que “actualmente non existe unha soa base do Servizo de Vixilancia Aduaneira nin un só destacamento da Garda Civil en toda a Costa da Morte, o que converte a este área nun auténtico punto cego na loita contra o narcotráfico e que as mafias operen con total impunidade”.