O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou de “paradoxo que a organización política que máis se ten esforzado por bloquear a implantación da industria en Galicia, hoxe pretenda ilustrarnos sobre como evitar a deslocalización da mesma industria que bloquea”, no debate esta mañá no Pleno do Parlamento galego da proposición de Lei do BNG para a consolidación, afianzamento e radicación empresarial en Galicia. “O primeiro paso para evitar a deslocalización de empresas, que non está contido nesta proposta nacionalista, é permitir que estas se instalen en Galicia sen atravesar un calvario de bulos e manipulacións”, indicou.
Alberto Pazos asegurou que, “fronte ao pomposo título da proposición de lei do BNG, non contempla nin unha soa medida para a consolidación, afianzamento ou radicación de empresas en Galicia, nin propón unha soa media para evitar a deslocalización empresarial”.
ESTRATEXIA CLARA EN MARCHA
“O Goberno galego xa ten impulsado un amplo abano de medidas enfocadas a favorecer a implantación de iniciativas empresariais e industriais en Galicia, a través dunha estratexia de política industrial baseada na planificación e alonxada do populismo, do alarmismo e da xenofobia empresarial”, afirmou o portavoz popular. En concreto, explicou que esta estratexia “está sustentada en principios claros, como a estabilidade económica e política, garantías de seguridade xurídica e respecto á liberdade de empresa e establecemento”.
Porén, lamentou que “a alternativa xa é coñecida: ruído, algarada, mobilización social, descualificación ao traballos dos técnicos, un compendio de hipocrisía e arbitrariedade no que un mesmo grupo político pode afirmar unha cousa e a súa contraria sen inmutarse”. “Un día aplaude o respaldo dos técnicos a un proxecto industrial e outro descualifica o respaldo deses mesmos técnicos a outro proxecto; un día négase apoio a un proxecto que non pecha o ciclo produtivo e ao seguinte se veta outro que si o pecha; ou aplauden a unha industria por instalarse nun concello ao mesmo tempo que tentan expulsala doutro concello”, indicou.
“É unha mostra máis da constante contradición na que vive a esquerda galega: ecoloxistas que vetan permanentemente calquera proxecto de enerxía verde, garantes do emprego industrial que vetan calquera iniciativa industrial en Galicia e, agora, combatentes da deslocalización empresarial que vetan a chegada de calquera proxecto á nosa terra”, manifestou o portavoz popular, quen rematou sinalando que “Galicia merece unha política industrial coherente, sostible e que redunde en beneficios para o conxunto dos galegos, e se o BNG quere contribuír a esta aspiración compartida pola inmensa maioría dos galegos bastaría con que deixaran de poñer paos nas rodas”.