O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Estratexia galega no aeroespazo, a seguridade e a defensa aprobada pola Xunta “mobilizará ata o ano 2030 arredor de 900 millóns de euros e permitirá a creación ou transformación substancial dun cento de empresas en Galicia”.
“Estamos a falar dunha estratexia que permitirá aproveitar unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade, así como a transformación dun sector como o aeroespacial que a Xunta vén impulsando desde o 2015”, subliñou. En concreto, esta estratexia apoiarase no desenvolvemento de cinco grandes obxectivos, tres grandes programas de investimento e 21 actuacións específicas.
APOIO DECIDIDO, ESTABLE E A LONGO PRAZO
Rubén Lorenzo manifestou que “a Xunta da un paso adiante e compromete un apoio decidido, estable e a longo prazo para que o tecido produtivo desta industria, e doutros sectores que estean interesados en ampliar ou reorientar a súa actividade, poidan desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servizos de alto valor en Galicia”.
“Todo isto farase a través dun diálogo estratéxico coa industria do aeroespazo, da seguridade e da defensa que o Goberno galego abrirá nos vindeiros meses para coñecer as súas necesidades e os seus plans de investimento a curto, medio e longo prazo, e que será o punto de partida da execución da nova iniciativa”, indicou.
Por outra banda, o portavoz popular criticou “o trilerismo e a mentira dos socialistas galegos ao afirmar na súa iniciativa que Airbus se vai do polo aeronáutico de Rozas”. “Airbus segue a ser un socio estratéxico deste polo aeronáutico lucense, plenamente operativo e plenamente comprometido”, asegurou Rubén Lorenzo.
“Se alguén está escatimando o posible en investimento en defensa é o Goberno socialista de Pedro Sánchez, porque xa explicarán como se avanza en industria de defensa se o propio país non compromete investimentos que axuden a fixar en Galicia os proxectos industriais en materia de defensa”, manifestou o portavoz popular, quen lembrou que “son vostedes cativos dos que non queren nin oír falar de investir nin un euro en defensa, porque dependen deles para seguir ocupando o Goberno de España”.