O Grupo Popular impulsará no Parlamento de Galicia unha proposición de lei a través da que se reforma a Lei do deporte de Galicia para implementar tres medidas importantes: que a Administración poida exercer a acción popular nos procedementos que se sigan por delitos e actos de violencia perpetrados no ámbito deportivo; para clarificar o réxime de prescricións das infraccións e das sancións no ámbito deportivo; e para afondar no bo goberno no deporte nas organizacións e federacións galegas.
O portavoz popular Alberto Pazos informou do rexistro esta mañá desta proposición de lei a través da que se introducen “importantes cambios na Lei do deporte que aprobamos hai máis de 13 anos e que nos van permitir adaptala á realidade da sociedade actual, porque non podemos consentir e debemos poñer fin aos actos de violencia deportiva que cada vez están a manchar máis a boa práctica do deporte en Galicia”.
FOMENTAR VALORES
“O deporte e as competicións deportivas deben fomentar os valores deportivos, a socialización dos participantes e un intercambio de experiencias positivas, e todo iso velando pola seguridade e a protección de deportistas e espectadores, para que a práctica deportiva sexa libre de violencia en calquera das súas formas, tanto física como verbal”, indicou.
Porén, lamentou que “estamos comprobando como a violencia no deporte comeza a ser algo habitual, polo que consideramos urxente que se adopten as medidas oportunas para poñer fin a estas prácticas violentas que afectan tanto a deportistas, como árbitros e xuíces, e incluso o público asistente aos acontecementos deportivos”.
Alberto Pazos explicou que a través desta proposición de lei “abrimos a posibilidade para que a Xunta poida exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia no deporte”. “Queremos facer realidade un deporte libre de calquera forma de violencia, porque é a mellor representación do respecto, a tolerancia, a inclusión e a participación cívica, polo que cada acto violento que se produce contravén estes valores e a propia esencia deportiva”, manifestou.
En segundo lugar, a iniciativa lexislativa modifica a Lei do deporte existente para clarificar o réxime de prescrición das infraccións e as sancións. Así, fixa tres anos para as infraccións ou sancións por faltas moi graves; dous anos para as infraccións ou sancións por faltas graves; e seis meses para as infraccións leves e un ano para as sancións por faltas leves.
En último lugar, a través desta proposición de lei elévase o nivel de esixencia das súas normas de bo goberno para as organizacións e federacións deportivas, “a través tanto do respecto da súa democracia interna, a transparencia, a integridade, a solidariedade, a igualdade de xénero, a apertura, a rendición de contas ou a responsabilidade social; como tamén dunha xestión irreprochable dos seus recursos financeiros, con controis para previr os conflitos de intereses ou a duración limitada ata un máximo de tres anos dos seus cargos electos”, apuntou Alberto Pazos.
“Con este fin, propoñemos que as federacións deportivas aproben un Código de Bo Goberno no que se establezan todas estas prácticas de boa gobernanza e integridade, as regras en materia de transparencia, o código de conduta para os seus órganos de goberno ou as normas relativas á xestión e control de todas as transaccións económicas que efectúe a entidade deportiva”, concretou.
INCREMENTO DA PRESENZA DO LOBO
Por outra banda, o portavoz popular referiuse ao auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que suspende cautelarmente ata o vindeiro 31 de xullo a posibilidade para que en Galicia se adopten medidas de control do lobo cando haxa danos acreditados en explotacións gandeiras, unha decisión que cualificou de “totalmente sorprendente, porque en Galicia só se tiñan autorizado dúas solicitudes e aínda non se tiña abatido ningún animal, algo que si ten acontecido noutras comunidades como Asturias ou Cantabria; e porque é contraria ao criterio empregado polos mesmos tribunais en comunidades como Cantabria ou Castela e León”.
“Os principais prexudicados deste auto xudicial son os gandeiros galegos, que ven como o lobo vai continuar campando ás súas anchas por toda Galicia atacando aos seus rebaños e provocándolles considerables perdas económicas” sinalou Alberto Pazos, quen avogou porque a Xunta “defenda, ante quen sexa necesario, o mantemento da biodiversidade e as accións de control sobre esta especie tendo en conta o estado favorable das súas poboacións”.
Neste sentido, lembrou que o numero de manadas na Comunidade galega incrementouse das 84 existentes en 2014 ás 93 contabilizadas na actualidade, estando presente en máis do 90 por cento do noso territorio, unha situación que veu aparellada a un aumento dun 77 por cento dos ataques do lobo e que o número de reses afectadas subira tamén un 55 por cento.