Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro visitaron hoxe en Ribadavia, en compañía do alcalde, César Fernández, o Museo do Viño de Galicia e salientaron a importancia que está a ter este centro como polo de atracción de visitantes á comarca do Ribeiro e no impulso do turismo enolóxico en Galicia.
O Museo do Viño de Galicia abriu as súas portas en 2019 nun edificio singular construído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago, que logo da desamortización de Mendizábal converteuse na casa reitoral de Santo André de Camporredondo.
ATRACTIVO TURÍSTICO
Trátase do único museo de Galicia dedicado á historia da creación das paisaxes do viño desde unha vertente historia, no que os visitantes poden coñecer ao longo das súas oito salas pezas significativas relacionadas con cada denominación de orixe do viño na Comunidade galega, cunha sala dedicada en particular á comarca do Ribeiro, así como instrumental utilizado no proceso de elaboración do viño, desde que chega a uva á adega ata a súa conversión en zume.
“Representa unha infraestrutura pública galega cuxa finalidade é recuperar, documentar, conservar e difundir todo o patrimonio vitivinícola de Galicia”, destacou José Luís Ferro.
Ademais da actividade puramente museística, o Museo do Viño de Galicia desenvolve outra serie de actividades e eventos complementarios que lle dan un valor engadido como centro público, e que se traduce nos máis de 30.000 visitantes que xa pasaron polas súas dependencias.
“A través da súa actividade, este centro museístico aporta un valor engadido ao territorio histórico do Ribeiro a través do enoturismo, cunha oferta extraordinaria que é reclamo de visitantes chegados desde moi diversos lugares e que redunda na xeración de riqueza para toda a comarca”, incidiu Juan Casares.