Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez consideraron hoxe “indignante que a división existente no seo do Goberno de Pedro Sánchez estea a retrasar sine die o financiamento con 200 millóns de euros da Lei ELA, limitándose oito meses despois da súa aprobación a un plan de choque de 10 millóns de euros para as persoas que padecen esta enfermidade en idade avanzada”.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez visitaron na Praza do Obradoiro de Santiago o stand que Asociación Galega de ELA instalou para visibilizar esta enfermidade e as necesidades das persoas que a padecen.
“É intolerable que o ministro de Dereitos Sociais, da rama de Sumar, dixera con todo o seu orgullo esta semana que xa remitiran ao Ministerio de Facenda, da rama do PSOE, a proposta para financiar con 200 millóns de euros o que se recolle na Lei ELA, cando os enfermos e os seus familiares levan moitos meses esperando polas axudas que se recollen nesta norma, aprobada despois de que o Goberno de Pedro Sánchez a tivera paralizada dous anos e medio no Congreso”, lamentaron.
COMPROMISO DA XUNTA
Por este motivo, os deputados populares esixiron ao Goberno de España que “cumpra coa súa responsabilidade institucional e orzamente de inmediato unha partida económica suficiente para facer realidade a Lei ELA, xa que ata o momento os enfermos máis avanzados e as súas familias só poideron acceder a unha mínima partida extraordinaria para poder facer fronte ás súas necesidades máis urxentes”.
Fronte a esta situación, salientaron o compromiso da Xunta cos enfermos de ELA e os seus familiares, que se traduce nunha partida orzamentaria anual de tres millóns de euros, que se traduce en 12.000 euros para cada enfermo, para que poidan facer fronte aos custos derivados da enfermidade, como coidados persoais, adaptación de vivendas e vehículos, fisioterapia, produtos de apoio ou alimentación asistida, entre outros.
“A este compromiso sumouse este ano a concesión pola Xunta da Medalla Castelo á Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, un dos máximos galardóns que concede a Comunidade galega e que vén recoñecer o compromiso, a loita e a dignidade coa que esta entidade traballa desde hai moitos anos por mellorar a vida das persoas afectadas por esta enfermidade en Galicia”, salientaron os deputados populares.