O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a iniciar os trámites para reclamar o traspaso das competencias executivas en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes, de xeito que poida habilitar un proceso que reduza os prazos para obter esta documentación. “Non hai argumento técnico algún que xustifique que estas competencias se quedan en Madrid, e moito menos a día de hoxe cun Goberno central que está colapsado, desaparecido ou directamente distraído noutras cuestións máis turbias”, manifestou a portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez.
Na súa intervención, Noelia Pérez lamentou que “un dos síntomas de que o Goberno de España está totalmente desconectado da realidade é o colapso administrativo que existe no acceso aos permisos de residencia e traballo para as persoas migrantes”, que se manifesta a través da “ausencia de reforzo dos servizos públicos e que, deste xeito, as demandas do tecido produtivo estean sen atender”.
NIN MÁIS NIN MENOS
“Mentres os socialistas están á espera a ver quen se salva ou quen máis cae nesta trama de corrupción, nós estamos a ver como cubrir vacantes laborais en sectores estratéxicos como a agricultura, a hostalería, a pesca ou a construción”, indicou a portavoz popular, quen asegurou que “hai empresas que se están vendo obrigadas a rexeitar contratos porque non atopan traballadores”.
Noelia Pérez afirmou que “Galicia non pide nin máis nin menos que o que xa se lles deu a outras comunidades, porque Cataluña ten estas competencias en materia de permisos de traballo das persoas migrantes e Euskadi tamén as terá a partir do 1 de xullo”. “E esta proposta permítenos xestionar directamente as autorizacións iniciais de traballo desde Galicia, sen colapsos, sen atrasos e sen o Goberno de Pedro Sánchez polo medio, acreditando a experiencia profesional de quen ven, deseñando formacións a medida e facendo contratacións en orixe con garantías”, anotou.