O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Concello de Mondariz-Balneario que leve a cabo os trámites necesarios para solicitar formalmente a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como Ben de Interese Cultural (BIC). Neste sentido, pídese que a Xunta preste apoio técnico e institucional durante o proceso de tramitación desta solicitude e na elaboración da documentación necesaria para a incoación do expediente, así como que, unha vez declarada a Fonte de Troncoso como BIC, promova a solicitude de fondos no marco do Programa do Ministerio de Vivenda denominado 2% cultural co obxectivo de recuperar un ben patrimonial de gran valor para Galicia e reforzar a identidade cultural deste municipio pontevedrés.
O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, lembrou que a Fonte de Troncoso é “un lugar cunha fonda vinculación á historia do termalismo galego, unha mostra destacada da arquitectura de Antonio Palacios e un símbolo da identidade local e da memoria cultural de Galicia”.
Porén, lamentou que “nos últimos anos sufriu un deterioro progresivo, agravado polas inundacións recorrentes”, polo que sinalou que “desde o Grupo Popular propoñemos unha folla de ruta clara, viable e coordinada onde cada administración faga o que lle corresponde, co obxectivo común de recuperar este ben patrimonial con todas as garantías legais, técnicas e financeiras”.
ACTUACIÓNS DA XUNTA
En primeiro lugar, García Comesaña recordou que a Fonte de Troncoso é propiedade do Concello de Mondariz-Balneario, polo que, “para que a Xunta poida incoar o expediente de declaración de ben de interese cultural, é imprescindible que o Concello solicite formalmente a súa apertura e achegue a documentación necesaria”.
“Ao mesmo tempo que se respecta o papel do Concello como titular do ben, tamén se reforza a implicación da Xunta, sen esquecer a necesaria actuación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para resolver o problema estrutural das continuas inundacións que sufre esta fonte provocadas polo desbordamento do río Tea”, indicou.
Julio García Comesaña explicou que “só se a Fonte de Troncoso é declarada BIC poderá optar ás axudas do programa do 2% cultural, coas que se poderá complementar o investimento xa iniciado pola Xunta neste ben”. En concreto, dixo que a Xunta xa ten encargada a redacción dun proxecto técnico integral de rehabilitación da fonte, asinado polo prestixioso arquitecto César Portela, que prevé unha intervención global sobre os dous pavillóns existentes e no seu contorno inmediato, coa intención de dotalos dun novo uso turístico e divulgativo compatible coa protección patrimonial.
Ademais, apuntou que a Xunta xa actuou para garantir a consolidación estrutural do conxunto e a protección do inmoble fronte ao seu progresivo deterioro, con actuacións como o apuntalamento e tapiado dos ocos con risco de derrumbe; a instalación de valado perimetral e lona decorativa para garantir a seguridade e evitar o vandalismo; e a reconstrución parcial de muros e a execución dun zuncho de formigón armado no pavillón de embotellado, que permitirá no futuro a instalación da nova cuberta.