Os deputados do Grupo Popular María Deza e Raúl Santamaría, acompañados da alcaldesa en funcións de Sanxenxo, Paula Martínez, visitaron a praza de Abastos de Portonovo para animar aos establecementos de venta de peixe e marisco a participar no bono peixe, a campaña impulsada pola Xunta para incentivar o consumo deste produto fresco galego.
María Deza e Raúl Santamaría explicaron que os comercios ou vendedores ambulantes de peixe e marisco fresco que desexen participar nesta campaña da Xunta poderán solicitar a súa inscrición a través da páxina web www.bonopeixe.gal.
PALIAR O DESCENSO DE CONSUMO
Así mesmo, as persoas interesadas en gozar do Bono Peixe poderán descargalo a partir do vindeiro 28 de xullo desde a citada plataforma ou na app móbil, dispoñible tanto para dispositivos Android como iOS. Cada Bono Peixe terá un valor de 50 euros que se irán liberando progresivamente a través do desconto dun 25 por cento na compra realizada ata un máximo de 5 euros por semana, acumulando o importe non gastado nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros, que poderán gastarse ao longo dun total de 10 semanas ou ata que se esgote o crédito.
“Galicia volve impulsar unha iniciativa pioneira para fomentar o consumo de peixe e marisco frescos e galegos, produtos que son sinónimo de excelencia e calidade, ao tempo que se axuda a paliar o preocupante descenso no consumo destes alimentos que se está a rexistrar”, indicaron os deputados populares.