O PPdeG destaca a resposta “extraordinaria” e “eficaz” que o Goberno galego está ofrecendo logo da vaga de incendios deste verán a través dunhas axudas “completas” e “rápidas” que están a disposición dos afectados e que foron concibidas “desde a ilusión de pensar nun futuro máis próspero”.
Esta mañá a secretaria xeral Paula Prado visitou precisamente un dos concellos máis afectados por eses lumes, Vilariño de Conso, acompañada pola secretaria provincial do PP de Ourense, Sandra Quintas, a alcaldesa Melisa Macía e outros alcaldes e portavoces na comarca. Unha visita na que puido comprobar de primeira man como está sendo o proceso de recuperación.
“Logo de pisar o terreo e estar ao carón de todas as persoas que nese momento extraordinario precisaban unha resposta tamén extraordinaria, o presidente Rueda puxo á súa disposición un abano de axudas completas, rápidas e cuxa eficacia xa se está comprobando estes días”, apuntou salientando que, unha semana despois de que se abrira o prazo, a Xunta xa está a pagar cun anticipo do 100% as primeiras dúas axudas para reconstruír casas.
Unhas axudas que, tal e como recordou, están “exentas de tributación” e para cuxa solicitude e posterior tramitación se optou pola simplificación burocrática e pola posta a disposición dos interesados de 16 oficinas de atención cidadá (11 delas nos concellos ourensáns de Verín, A Gudiña, Xinzo de Limia, Maceda, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Pobra de Trives, Ribadavia, Chandrexa de Queixa e Vilamartín de Valdeorras).
Paula Prado lamentou que, fronte a esta resposta por parte do Goberno galego, os partidos da oposición “seguen instalados no ‘non’, na manifestación, no alboroto e totalmente afastados da realidade e das necesidades dos veciños dos concellos afectados polos incendios”.
“Nós seguiremos movéndonos só polo obxectivo ilusionante de recuperar estas zonas e prepararnos para todo o que teña que vir no futuro”, concluíu facendo fincapé na necesidade de profundar en todas aquelas medidas necesarias para previr os lumes e de condenar a acción dos incendiarios.
O MOMENTO DAS SOLUCIÓNS
Pola súa banda, Melisa Macía quixo agradecer ao PPdeG e nomeadamente ao seu presidente, Alfonso Rueda, o apoio trasladado aos veciños do seu concello durante as últimas semanas: “Mentres outros nin sequera pisan o terreo, el soubo que tiña que estar ao carón dos alcaldes e dos veciños para saber as súas necesidades”.
Nesta liña subliñou que “o que se necesita nestes momentos son solucións” e “non perder o tempo en buscar outros culpables que aqueles que prenden o lume”. Por iso valorou positivamente o anuncio de que a Xunta asumirá a limpeza das faixas secundarias en concellos de menos de 10.000 habitantes.