O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central o mantemento da cidade de Vigo, xunto con Santiago de Compostela, como sede para a realización dos exames de formación sanitaria especializada (MIR) na Comunidade galega. “É unha demanda que nace do sentido común, da evidencia técnica e do recoñecemento á realidade sanitaria e universitaria galega”, indicou a deputada popular Patricia García.
“Eliminar Vigo como sede dos exames MIR non ten sentido e non só é un erro político, senón que é unha decisión incomprensible, sen criterios técnicos coñecidos e tomada sen diálogo coas comunidades autónomas”, manifestou a deputada popular, quen saudou que a ministra de Sanidade se comprometera co conselleiro de Sanidade a revisar esta decisión e estudar a recuperación da sede en Vigo.
PROPOSTA POSITIVA, LEAL E CENTRADA EN VIGO
Patricia García defendeu “unha proposta positiva, leal institucionalmente e centrada no que de verdade importa: a cidade de Vigo, os aspirantes e o sistema sanitario galego”. Porén, lamentou que, “mentres desde o PPdeG propoñemos sumar, os socialistas galegos optan por dividir e buscar un titular contra a Xunta”.
A deputada popular lamentou que os deputados socialistas “non se sumaran á maioría que aprobou esta iniciativa no Parlamento galego, a través da que enviarmos unha mensaxe clara ao Ministerio de Sanidade: que Galicia está unida na defensa de Vigo como sede dos exames MIR”.