José Manuel Barreiro.
A comparecencia de Pedro Sánchez no Senado foi un claro retrato do seu Goberno: arrogancia, propaganda e cero rendición de contas. Máis de cinco horas de intervención para non dicir nada, para esconderse detrás dun «non me consta» que xa simboliza toda una forma de gobernar: negar a realidade e seguir aferrado ao poder.
O Senado esperaba explicacións sobre o caso Koldo, pero Sánchez decidiu non dar a cara ante un escándalo que salpica directamente ao corazón do PSOE. A verdade é que mentres milleiros de cidadáns sufrían as consecuencias da pandemia, o seu Goberno adxudicaba máis de 50 millóns de euros a unha trama de corrupción ligada a persoas do seu entorno máis próximo e Pedro Sánchez pretende convencernos de que non sabía nada.
O presidente do Goberno converteu o Senado nun circo. Coas gafas na man e un discurso cheo de evasivas, intentou distraer a atención da opinión pública. O seu obxectivo era claro: agochar a verdade e gañar tempo, pero o tempo xa non xoga ao seu favor. A xa mermada credibilidade do presidente Sánchez quedou polo chan.
O único que recoñeceu foi que recibiu pagos en metálico do PSOE e fíxoo unhas horas antes de que a Audiencia Nacional decidira investigar se houbo financiamento ilegal no seo do Partido Socialista. Pedro Sánchez non pode esconderse tralo «non me consta» cando a Garda Civil, os tribunais e os medios de comunicación están destapando unha rede de corrupción que operaba ás portas da Moncloa.
O Senado non viu a un líder sereno nin a un estadista comprometido, senón a un presidente á defensiva, superado polos acontecementos e sen argumentos para xustificar o inxustificable. A transparencia non é unha opción para quen goberna, é unha obriga democrática. Cando un presidente prefire o silencio á explicación, a sombra á luz, está a recoñecer que algo ten que agochar. Por iso hoxe Pedro Sánchez é un presidente debilitado, con escaso apoio parlamentario e cada vez menos crédito moral ante a cidadanía.
Sánchez tivo a oportunidade de demostrar que aínda quedaba nel un mínimo de decencia pero preferiu volver mirar cara outro lado. E cando un presidente deixa de enfrontar a verdade, deixa tamén de merecer o respecto do seu pobo. España necesita un goberno que respecte as institucións e fale con claridade. España non merece un presidente do «non me consta» senón un Goberno do si me fago responsable.