O PPdeG pon en valor as axudas da Xunta para a compra de vivenda no centro histórico de Lugo, que poden ascender ata un máximo de 12.800€

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Cristina Sanz e José Manuel Mato, destacaron, hoxe, o compromiso do Goberno galego coa revitalización dos conxuntos históricos.

Durante unha visita ao centro histórico de Lugo, aproveitaron para poñer en valor as axudas da Xunta para a adquisición de vivenda nestas contornas, cuxo investimento total ascende aos 500.000€. Salientaron que as achegas ascenden, con carácter xeral, ata os 10.800€; pero que, nos supostos de que os compradores sexan menores de 36 anos, esta contía aumenta ata os 12.800€; e nos que o ámbito estea declarado como Área Rexurbe, ata os 15.000€.

E explicaron que poden solicitar estas axudas as persoas con ingresos iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem; e que teñan adquirido a súa vivenda entre o 15 de outubro de 2025 e o 15 de outubro de 2026.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 15 de outubro.

11 CENTROS HISTÓRICOS DA PROVINCIA
Ademais de Lugo, na provincia hai outros 10 centros históricos –Castro de Rei, Chantada, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribadeo e Viveiro- que optan a estas axudas. No caso de Mondoñedo, Monforte de Lemos e Ribadeo, declarados como Área Rexurbe, as axudas poden ascender ata un máximo de 15.000€.

Asemade, José Manuel Mato subliñou a boa acollida que esta liña de axudas tivo o pasado ano, ao resultar beneficiaras 21 persoas –15 en Viveiro, 5 en Lugo e 1 en Ribadeo-.

“Son achegas –dixo Cristina Sanz- que, ademais de ir dirixidas a mitigar a crise da vivenda, fomentan o asentamento de poboación nos cascos históricos, ao tempo, que impulsan a recuperación do patrimonio construído”.

FACILIDADES DE ACCESO PARA A MOCIDADE
Por outra banda, fixeron fincapé no apoio económico que lle brinda a Xunta aos menores de 36 anos para a adquisición da primeira vivenda. E é que, tal e como apuntaron, o programa de avais pode sufragar ata o 20% do custe.

Segundo indicaron, o prezo máximo de adquisición na cidade de Lugo será de 260.000€. O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o 30 de outubro.

O PPdeG insta ao Goberno a que cumpra o acordo do Parlamento e exonere das cotas á Seguridade Social ás mariscadoras

O PPdeG urxiu ao Goberno central a que cumpra co acordo acadado, esta mesma semana, no Parlamento de Galicia, relativo a exonerar das cotas á Seguridade Social ás profesionais do marisqueo.

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Nazareth Cendán e Jesús Fernández, reclamaron que, de xeito inmediato, o Executivo de Pedro Sánchez asuma as súas obrigas e rache a situación de inxustiza na que se atopan estas traballadoras, respecto a outros sectores que contan con mecanismos de protección antes causas de parálise de actividade.

Os populares consideran que o Goberno central, “aínda que chega tarde”, está a tempo de emendar o desleixo amosado cara as profesionais do mar, ao non ter mobilizado nin un só euro, a diferenza da Xunta, dixeron, que destina 23M€ a un plan de recuperación do sector.

OBRAS NO PORTO DE MIÑO
Durante unha xuntanza coa Confraría de pescadores de Miño, e acompañados pola portavoz do PPdeG local, Fátima Blanco, abordaron o inicio, previsto para este mes de maio, das obras de dragaxe que se levarán a cabo no porto de Miño.

Uns traballos, salientaron, de grande importancia para a actividade da zona, xa que, ao recuperar os calados, mellorarán a operatividade da dársena. Actuarase nunha superficie de 8.000 metros cadrados e o volume estimado de dragado é de 15.000 metros cúbicos.

Explicaron que os traballos de dragado tamén se estenderán aos portos de Barallobre e Pontedeume. O investimento total nos tres portos ascende a 1,3M€.

Paula Prado reivindica as xornadas de “formación” e de “diálogo” en política fronte aos partidos que optan polo “conflito” e o “ruído”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou hoxe as xornadas de “formación, diálogo, debate e aprendizaxe” en política, fronte aos partidos que “optan polo conflito e o ruído”. Así o sinalou durante a inauguración do I Torneo de Debate da Fundación Alfredo Brañas, na que tamén participou o presidente da Fundación e deputado nacional, Juan Bayón. Agradeceu á Fundación o seu traballo por manter viva a figura de Alfredo Brañas e sinalou este tipo de encontros como “fundamentais para traballar por Galicia” e facelo da man da xuventude.

Neste sentido, Prado puxo en valor á mocidade e o seu “compromiso con Galicia, a súa xente e o seu futuro”. “O PPdeG pon a xente moza no centro, porque somos o partido do ‘si’ e o que máis se parece a maioría de galegos e galegas e a súa xuventude”, engadiu ante a forma de facer política do PSOE e BNG: “Eles prefiren promover o odio, radicalizar e levar o ‘non’ e o desgoberno por bandeira”.

A número dous dos populares galegos tamén enxalzou o papel das Novas Xeracións, a organización máis importante de Galicia, composta por “mozos e mozas capaces de gobernar o seu futuro”, sen deixar que ninguén lles diga como teñen que pensar e actuar, “con liberdade e reivindicándoa todos os días”. Prado animou aos participantes a seguir coa mesma forza traballando pola Galicia Calidade, “o futuro e, como fixo Alfredo Brañas, para que a nosa terra e a nosa voz sexa escoitada no resto de España”, fronte a un centralismo que busca diluíla e un independentismo que pretende encerrala.

“A PALABRA QUE TRANSFORMA”

A Fundación Alfredo Brañas, que leva o nome do escritor e político galego, nace para reivindicar os valores do diálogo e a reflexión. Así, 12 equipos de toda Galicia reuníronse, baixo o lema “A palabra que transforma”, en Santiago de Compostela para abordar a cuestión da transmisión de ideas políticas na educación pública.

O presidente da Fundación e deputado nacional, Juan Bayón, agradeceu a participación de todos os equipos e, parafraseando a Manuel Fraga, lembrou que “as sociedades necesitan profetas e indubidablemente Brañas foi un deles, con visión longa e actitude heroica, entre as incomprensións duns e doutros”.

A través deste torneo, a Fundación continúa o seu labor de recuperar e proxectar a figura de Alfredo Brañas como “referente intelectual do pensamento galego, apostando polo diálogo e a cultura do debate como ferramentas fundamentais para a cidadanía”, remarcou Bayón.

UNHA CITA QUE SE PROLONGARÁ ATA A TARDE

Tras a inauguración do I Torneo de Debate, a xornada matinal transcorreu coa celebración dos debates entre os participantes. Xa pola tarde celebrase a semifinal e a final do debate para dar conta do equipo gañador do evento.

A clausura da cita correrá a cargo da presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, e do responsable de Educación, Ciencia, Universidades e FP do Goberno galego, Román Rodríguez. Ao longo do día, os equipos foron avaliados polo grupo de xuíces, conformado por técnicos e por políticos. Entre estes últimos atopábase o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, e outros deputados autonómicos e nacionais como Roberto Rodríguez, Rosa Quintana e Tristana Moraleja.

Paula Prado sinala como «antidemocrática» a actitude de PSOE e BNG ante a moción de Lugo

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, sinala como “antidemocrática” a actitude tomada polo PSOE e BNG ante a moción de “impulso” do PP de Lugo. “Continúan na escalada de insultos, de odio e manipulación dun proceso democrático”, denuncia tras o acontecido onte na cidade: “Cruzaron unha liña vermella ao tratar de facer todo o posible por boicotear o pleno municipal”, remarcou sobre o cambio de hora, a convocatoria da manifestación e “poñéndose do lado de quen insulta e agride a representantes municipais democraticamente elixidos”.

Así o afirmou na súa visita a XXXV Festa da Filloa de Muimenta, xunto ao alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e os responsables de Cultura e de Facenda do Goberno galego, José López e Miguel Corgos, respectivamente, así como por outros representantes políticos. Na cita, a número dous do PPdeG volveu condenar a “escalada de odio” e lamentou que PSOE e BNG se centren en “frear un proceso absolutamente legal, sen ser capaces de defender a súa xestión no goberno bipartito”. Cando o Partido Popular trata de traballar pola cidadanía e Lugo, socialistas e nacionalistas “só teñen interese en frear a moción, un proceso que validaron cando se tratou de que Pedro Sánchez chegase a Moncloa”.

Prado remarcou o apoio do PPdeG a Elena Candia e a todos os compañeiros e compañeiras de Lugo, que contan cun “proxecto para Lugo, pensado en resolver os problemas dos veciños”. “Elena Candia será alcaldesa e reactivara a cidade, porque merece un goberno mellor e saír da inacción”, engadiu.

FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

Paula Prado tamén puxo en valor as políticas de promoción turística e gastronómica de gobernos populares como o de Cospeito, na celebración desta cita gastronómica consolidada no calendario festivo da provincia de Lugo e declarada de Interese Turístico de Galicia.

Alí comprobou de primeira man a vontade e o esforzo da veciñanza implicada na festa. “Esta celebración é mostra do poder da xente do rural e o PPdeG sempre vai estar ao seu carón, apoiándoos e impulsando políticas útiles”, sinalou.

A numero dous dos populares galegos aproveitou para felicitar ao rexedor pola acollida deste evento senlleiro, así como por xerar “estabilidade” e “boa xestión” nun concello no que leva gobernando dende 1991. Así, puxo en valor iniciativas xa consolidadas como esta Festa da Filloa de Muimenta ou a Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), celebrada hai apenas unhas semanas e na que se reafirmou o sector gandeiro como motor do rural galego.