O PPdeG enxalza o labor da Unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar (UDIAF) de Bergantiños.
A poucos días da celebración do Día da atención temperá, que se celebra o 16 de xuño, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar e Rubén Lorenzo, visitaron, en Carballo, as instalacións desta unidade, que conta cun equipo interdisciplinar de seis profesionais especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá, ademais dunha administrativa. O servizo, público e gratuíto, acolle ás familias dos concellos de Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso.
Durante a xuntanza mantida coa coordinadora da unidade, Yaiza Antelo, e a coordinadora xeral, María García, ademais de coñecer o funcionamento e as necesidades actuais da UDIAF, recibiron a memoria anual de actividades, onde se recolle o traballo desenvolvido pola entidade na comarca ao longo de todo o ano. Así, no 2025, esta unidade atendeu a 155 familias, cuxo grado de satisfacción global é dun 4,86 puntos dun total de 5. Asemade, realizouse un total de 4.493 prestacións individuais, entre elas: 122 consultas de acollida, 190 sesións de valoración, 3.229 sesións de apoio directo a menores e familias e 863 actuacións de coordinación con profesionais dos ámbitos sanitario, educativo e social.
Tras poñer en valor o labor realizado nos seis concellos da comarca, amosaron o seu compromiso de trasladar as necesidades do centro e as demandas dos profesionais ao Parlamento de Galicia, co fin de garantir que o servizo se preste coa mellor calidade e nas mellores condicións posibles, tanto para as nenas e nenos como para as súas familias.
Este servizo, que abriu as súas portas en 2014, forma parte dun proxecto impulsado pola Asociación Galega de Atención Temperá e está financiado integramente pola Xunta de Galicia. Presta asesoramento, orientación e apoio ao desenvolvemento de nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, seguindo o modelo da Rede Galega de Atención Temperá. A intervención baséase nun enfoque integral que inclúe tanto ao menor como ao seu entorno familiar e social.