O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, a iniciativa do Grupo Popular na que reclama que o Goberno galego consolide e amplíe a oferta de Formación Profesional acelerada, co obxectivo de que esta modalidade chegue a máis persoas e sectores produtivos con alta demanda de cualificación; ao tempo que continúe desenvolvendo o Plan Conecta.
A deputada popular, Patricia García, recordou que a FP acelerada, “pioneira e única en Galicia”, foi pensada para responder con rapidez ás necesidades reais do mercado laboral e que as formacións de entre catro que seis meses contribúen a elo: “Unha vía rápida cara ao emprego e, ao mesmo tempo, unha porta aberta á formación permanente”.
“O reto é conseguir que a Formación Profesional sexa capaz de seguir o ritmo ao que evoluciona a economía, as empresas e os empregos”, sinalou a deputada popular, quen remarcou o papel desta modalidade na cualificación profesional, na inserción laboral e na cohesión territorial. Neste senso, puxo en valor a súa notable expansión e especialización, con presenza en todo o territorio e especial incidencia no ámbito rural.
O ÉXITO DO PLAN CONECTA
Do mesmo xeito, apuntou que, coincidindo co desenvolvemento do Plan Conecta, a FP incrementou a súa oferta en máis dun 33%, nos últimos catro anos e que a nosas Comunidade ofrece un total de 277 opcións formativas: “Falamos dunha oferta máis ampla, máis especializada e mellor adaptada á realidade económica de Galicia”. E sinalou que o éxito do Plan Conecta reside, precisamente, en “escoitar ás empresas, analizar o territorio, identificar as necesidades e en responder con rapidez”.
A iniciativa do Grupo Popular avoga, neste senso, porque o Goberno galego, a través deste programa, continúe reforzando a colaboración coas empresas e entidades locais para identificar necesidades de cualificación e adaptar a oferta formativa de maneira áxil e flexible ao territorio. E é que, tal e como informou, os convenios asinados coas empresas creceron un 37%, ao pasar das 8.000 empresas colaboradoras ás máis de 10.000.
Para rematar, referiuse ao Plan Conecta FP Galicia para os anos 2026-2030, o cal pon o foco nunha maior especialización, formación modular e acelerada, internacionalización e máis conexión cos sectores produtivos: “Máis FP en global e máis FP no rural”.