O PPdeG vén de enxalzar o compromiso firme do Goberno galego coas políticas de inclusión e de atención á diversidade, despois de que o Consello da Xunta dese luz verde á renovación dos convenios con 15 entidades especializadas neste eido, as cales prestan o servizo de comedor escolar.
Durante unha visita a Amicos, unha das asociacións beneficiarias destas axudas, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, salientaron que un total de 585 alumnos galegos con discapacidade contarán con este servizo o vindeiro curso, para o que o Goberno galego fai unha achega de máis de 300.000€. No encontro, os populares puideron comprobar de primeira man o labor pedagóxico e de coidado que realizan neste centro, no que se atende a 21 alumnos de Educación Especial, nas modalidades combinada, segundo as súas necesidades. Isto é, dividindo o seu tempo entre centros ordinarios e específicos ou asistindo a tempo completo.
Para Magdalena Pérez, estas axudas supoñen “un investimento directo na igualdade de oportunidades”, xa que este servizo permite que o alumnado aprenda habilidades clave para a súa autonomía persoal e inclusión social. E lembrou que este apoio demostra o cumprimento estrito da Estratexia de inclusión educativa. Unha folla de ruta, apuntou, que garante “unha atención específica e preferente a quen máis o precisa”, facilitando, así, ao mesmo tempo, a conciliación das súas familias.
CALIDADE, COIDADO E EQUIDADE
Pola súa banda, Ángel Rodríguez puxo en valor o esforzo global do Executivo autonómico para manter o sistema público de comedores, que dá servizo a 85.000 alumnos en toda a comunidade.
Así, incidiu en que, con preto do 80% das prazas xestionadas directamente, a Xunta consolídase como a administración que sostén o groso deste servizo fundamental. E é que, tal e como informou, o investimento supera os 360.000€ diarios (máis de 63,5M€ por curso) para servir uns 11 millóns de menús ao ano, garantindo a calidade, o coidado e a equidade en todo o territorio.
Os parlamentarios populares estiveron acompañados do concelleiro do Goberno local, Eladio Muñiz, e os representantes da entidade Xoán España, Nuria Fernández e Estela Silvestre.