O Partido Popular reivindica que “Lugo recupere as frecuencias ferroviarias”. Así o manifestou a presidenta provincial e alcaldesa da cidade, Elena Candia, en rolda de prensa acompañada polos deputados populares no Congreso -Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades- e membros do goberno municipal – Antonio Ameijide e Cristina Sanz-.
Candia fixo referencia ao “incumprimento de prazos” anunciados polo propio Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible para a posta en funcionamento da nova estación de tren no mes de xuño. “É innegable que as obras están practicamente rematadas, pero aínda non hai data de apertura”. Con todo, subliñou que “o realmente importante para a cidade de Lugo é que haxa frecuencias, que se recupere o tren-hotel a Barcelona e que teñamos acceso á alta velocidade que nos permita conectarnos coa Meseta en tempos competitivos”.
A popular avanzou que “a nosa reivindicación non vai rematar aí: necesitamos que Lugo non quede desconectada porque a competitividade realmente está nas frecuencias e na alta velocidade e non imos parar ata conseguilo”.
O deputado nacional Francisco Conde advertiu dun “retroceso” en materia ferroviaria na provincia de Lugo co Goberno de Sánchez á vista de que “dispoñemos de menos servizos e peores horarios”. Así, os representantes no Congreso presentaron iniciativas para esixir explicacións ante o deterioro dos servizos ferroviarias da provincia e, máis concretamente, sobre as frecuencias Lugo-Madrid e a desaparición do tren-hotel a Barcelona.
Conde incide en que “a realidade da cidade de Lugo é que, a pesar dun investimento de máis de 600 millóns de euros nunha nova estación, non hai ningunha posibilidade de ter AVE e, aínda por riba, cada vez temos menos frecuencias e menos servizos. Esta falta de conectividade pon aos lucenses en inferioridade de condicións”, subliña. É por iso polo que os populares reclaman máis frecuencias, mellores servizos e a recuperación das conexións perdidas con Madrid e Barcelona.
O popular engade que “imos seguir esixindo que o Goberno de Sánchez, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, volva ao compromiso de conectar a cidade de Lugo co AVE e retorne a oferta de servizos e frecuencias que tiñamos antes da pandemia” cando os servizos nocturnos permitían a conectividade con Madrid e Barcelona. No caso de Madrid, os servizos actuais “impiden que un lucense poida estar máis de oito horas nunha viaxe de ida e volta”.
INCUMPRIMENTOS DO GOBERNO DE SÁNCHEZ
Os deputados censuran “o incumprimento do Goberno de Sánchez” en relación á “progresiva e paulatina recuperación dos servizos” suprimidos durante a pandemia. “A consecuencia é unha provincia cada vez máis illada, con menos alternativas para desprazarse e con horarios que dificultan gravemente a actividade laboral e persoal dos lucenses”.
Lugo contaba, en setembro de 2019, con catro saídas diarias cara a Madrid, incluído un servizo nocturno que saía ás 22:14 horas e chegaba ás 7:08 horas. Esta conexión, que permitía viaxar durante a noite e aproveitar toda a xornada na capital, desapareceu igual que o tren-hotel nocturno a Barcelona.
A alternativa actual para chegar a primeira hora a Madrid, froito dun cambio de horarios non dun incremento de servizos, é que os lucenses madruguen ás 5:18 para dispoñer de menos de 8 horas de tempo útil en Madrid nunha viaxe de ida e volta”, toda vez que o último tren de volta desde Madrid sae ás 18:06 horas. Ademais, o regreso pode alcanzar as 5 horas e 22 minutos, ao incluír unha espera de ata 1 hora e 20 minutos en Ourense.
Lugo tampouco dispón de conexión con Barcelona. O tren-hotel Galicia foi suspendido en 2019 e continúa sen ser recuperado. Máis de seis anos despois, os populares esixen saber que estudos de demanda realizou o Goberno e por que non cumpriu o compromiso de recuperar estas conexións. “Xa non estamos ante unha situación excepcional provocada pola pandemia. Estamos ante anos de incumprimentos”, sinalan.
O deterioro dos servizos é especialmente grave tendo en conta que, a pesar do investimento millonario no corredor Monforte-Sarria-Lugo; as estacións de Sarria e Monforte continúan pendentes de recepción por ADIF e acumulando deficiencias, mentres Lugo segue sen contar con alta velocidade.
Os populares defenden que as infraestruturas teñen que servir para mellorar a vida dos cidadáns e cren que non é razoable investir centos de millóns de euros en infraestruturas e que, ao mesmo tempo, Lugo perda servizos e teña peores horarios. De feito, “a nosa provincia queda sen AVE por decisión do Goberno de Sánchez”, lembran.