A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende ao colectivo inmigrante “que se esforza” e que chegou a Galicia para “traballar e integrarse, como fixeron tantos galegos e galegas no seu día”, escoitando as súas necesidades e as súas inquedanzas e pedindo o seu apoio para Alberto Núñez Feijóo como único “garante” do cambio no Goberno, que tamén servirá para impulsar políticas migratorias que beneficien a toda a comunidade que chega a traballar e a integrarse ao noso país.
Así llo trasladou ás persoas que participaron hoxe nunha charla coloquio sobre políticas migratorias celebrada no bar Cuqui de Santiago de Compostela, onde tamén estivo o presidente do PP local e candidato á Alcaldía, Borja Verea. Os populares puxeron en valor a Galicia que emigrou e apostaron polo retorno e a inmigración ordenada, legal e vinculada ao emprego
Prado explicou as políticas migratorias que inclúe o programa electoral da rexeneración nacional do Partido Popular. Neste sentido, lembrou que Feijóo centralizará nun mando único a xestión da inmigración, que agora mesmo está espallada entre sete ministerios de xeito “totalmente caótico”.
Entre outras medidas do programa electoral do PP, destaca a axilización da homologación de títulos estranxeiros, permitindo avances nos trámites para aqueles que chegan a traballar en sectores económicos de alta demanda. Outra das medidas de Feijóo son os cupos anuais de inmigración laboral, apostando por fixar cuotas anuais para axustarse aos sectores de maior demanda, ao desemprego, ás vacantes laborais ou aos servizos públicos, entre outras cuestións.
Ademais, os populares lembraron que a integración e a participación no mercado laboral son “claves” na política migratoria do Partido Popular.
SOLIDARIEDADE COS AFECTADOS POLOS PIQUETES
Por outra banda, a secretaria xeral do PPdeG aproveitou para reiterar a solidariedade e o compromiso con traballadores inmigrantes que residen en Santiago de Compostela e que, hai unhas semanas, sufriron nos seus negocios as consecuencias dos actos violentos dos piquetes da folga xeral, lembrando que foi unha mobilización sustentada pola esquerda e en contra da oposición, algo “insólito” neste país.
Así, os populares reiteraron o seu rexeitamento a calquera acto vandálico, reivindicando Galicia como unha terra de “tranquilidade” e “seguridade” fronte aos que “só saben dividir e enfrontar”.