Santiago, 29 de xuño de 2021.- A Comisión de estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19 aprobou esta mañá o ditame, coa incorporación de 46 emendas dos grupos da oposición. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou que “seguiremos coa man tendida para chegar a acordos ata a votación definitiva en sesión plenaria” e salientou que o fondo de consenso de 115 millóns de euros “permitirá reforzar as conclusións do propio ditame, permitindo que o 24 por cento do mesmo sexa administrado polos propios concellos”.
?O ditame recolle o millor da experiencia,é coherente coas políticas da UE, e mesmo en España pese ao descoñecemento do plan de recuperación estatal feito sen consultar ás CCAA,e é un bo documento para o traballo do Goberno nos próximos anos, Puy na C. Reactivación @ppdegalicia pic.twitter.com/Lqcu9iu2kU
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 29, 2021
O ditame aprobado pola Comisión de estudo para a reactivación inclúe máis de 400 medidas, divididas en dous grandes apartados: un dirixido á transformación económica e outro á cohesión social, o benestar e os servizos públicos. Neste sentido, Pedro Puy apuntou que o ditame recolle aspectos como a transparencia na rendición de contas dos fondos europeos; a axilidade na tramitación destes fondos para que teñan efectos rápidos; a realización dunha política fiscal contracíclica, non subindo os impostos; potenciar o emprego, cun novo Servizo de Emprego e Formación; reforzando a economía social; e unha proposta de impulso aos sectores tradicionais de Galicia, cun apoio a curto prazo e a proxección ao futuro coa transformación dixital.
As CCAA teñen que recibir fondos atendendo o principio de cohesión social,fixemos un ditame con 400 medidas, 200 na parte de transformación económica e as outras chamadas a mellorar benestar,servizos públicos e a cohesión social, Pedro Puy na Comisión de Reactivación no @Par_Gal pic.twitter.com/jzjpoedzzi
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 29, 2021
“Queremos mellorar os servizos públicos, cun novo modelo de residencias, a ampliación do servizo de axuda no fogar, a atención á dependencia e a optimización da inclusión social; desenvolvendo a reforma da atención primaria; a modernización, dixitalización e innovación da educación; o apoio aos sectores cultural e deportivo; e fomentando a plena igualdade de sexos”, engadiu.
Puy explicou que a pandemia da Covid-19 “está acelerando os cambios, o que conleva apoiar a transformación do sistema produtivo, emprego de calidade e traballo relacionado coa transformación dixital”. Neste sentido, sinalou a “importancia de manter a cohesión social e a equidade, manter e facer sostible o Estado do Benestar, o respecto ao medio ambiente e uns servizos públicos que teñen que aproveitar as novas tecnoloxías”.
SEN PROPOSTAS DA OPOSICIÓN
A Comisión de estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola Covid-19 incluíu a comparecencia de 50 expertos e 155 informes. O portavoz popular afirmou que “estamos en mellor disposición de facer proxectos porque contamos coa experiencia da xestión e os seus resultados, así como o coñecemento das circunstancias económicas e sanitarias”.
Pedro Puy salientou “o clima de diálogo” que existiu na ponencia desta Comisión de estudo, na que “desde o Grupo Popular propuxemos máis dun cento de transaccións aos grupos da oposición, das que 16 eran para a incorporación directa das súas iniciativas e as restantes para atopar unha resolución conxunta cun novo texto que lles remitimos”. “Finalmente, chegamos a 46 resolucións transaccionadas, das que 17 foron co BNG e 28 co PSdeG, ademais doutra conxunta con ambos grupos parlamentarios”, engadiu.
Porén, Puy lamentou que por parte dos grupos da oposición “non recibimos ningunha proposta de transacción sobre o noso ditame, agás dúas por parte do BNG”, polo que amosou a disposición do Grupo Popular de estudar todas as propostas que tanto BNG como PSdeG queiran facer ata o debate do ditame en sesión plenaria para a súa posible incorporación no ditame definitivo.
CONSULTA AS VOTACIÓNS DAS TRANSACCIÓNS: https://ppdegalicia.com/wp-content/uploads/2021/06/RESUMO-VOTACION-TRANSACCIONS-COMISION-REACTIVACION.pdf