O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, avanzou, hoxe, o rexistro dunha pregunta oral para que o Goberno galego dea conta da información da que dispón sobre o estado real da rede ferroviaria galega, tras denunciar a crecente sensación de inseguridade entre os usuarios e “os prexuízos diarios, o caos e as molestias” sufridas.
Neste senso, referiuse a que “Galicia leva moitos meses acumulando incidencias que afectan tanto ás conexións interiores como aos servizos que nos comunican co resto de España”. Avarías continuas nos sistemas de sinalización, problemas estruturais na electrificación, interrupcións constantes da circulación, atrasos e cancelacións inxustificadas de servizos foron algúns dos exemplos aos que o portavoz popular apuntou. “Pedro Sánchez converteu o ferrocarril no símbolo absoluto da súa incompetencia e do seu desinterese pola xestión”, denunciou o portavoz, quen detallou que só nos primeiros oito meses deste ano 2026 xa se superaron as 140 avarías e colapsos nas liñas galegas.
GALICIA, Á COLA DAS PRIORIDADES DE PEDRO SÁNCHEZ
“Galicia segue á cola das prioridades de Pedro Sánchez”, afeou Alberto Pazos, quen lamentou o atraso do AVE para Lugo e Ferrol, os incumprimentos do Corredor Atlántico, a falta de investimento e prazos concretos para a conexión Vigo-Porto e a negativa a modernizar o ancho das novas vías cara ao ancho internacional –urxente no treito Santiago-Ourense-. E incidiu na prioridade absoluta de “garantir que as nosas infraestruturas conten con investimentos, con controis de calidade e co mantemento estrito que esixe un servizo do século XXI”.
Asemade, denunciou a situación “alarmante” da nosa rede de estradas estatal, poñendo o foco na falta de conservación en todo o trazado da A-6, os problemas recorrentes pola néboa na A-8, os atrasos na finalización da A-54 e as importantes deficiencias de conservación da N-120, N-540 ou N-642, entre outras vías: “As deficiencias de conservación e os atrasos nas infraestruturas pendentes son clamorosos”.
A OBRIGADA DIMISIÓN DE ÓSCAR PUENTE
Por outra banda, incidiu en que as traxedias ferroviarias de Adamuz e Urda fixeron que a dimisión de Óscar Puente fose “a única saída digna e inevitable” para un ministro máis centrado en polemizar nas redes que en xestionar as infraestruturas.
Neste sentido, o portavoz popular afeou as palabras do secretario xeral do PSdeG loando o legado de Puente e afirmando que representa “o mellor da política”: “Representar o mellor da política é converter o orgullo da alta velocidade nun pesadelo diario; que 7 de cada 10 trens cheguen tarde en Galicia; que o 59% da rede de estradas da nosa Comunidade estea en estado grave; e é expulsar de ADIF a técnicos que non son amigos para substituílos por amigos que non son técnicos?”. “Con estes antecedentes –continuou- os socialistas galegos non están para presumir de políticas nin de políticos”.
E fixo fincapé en que quedan exactamente 23 días para o 29 de novembro, a data en que os cidadáns teñen nas urnas o poder para “desterrar ao sanchismo da vida pública e para recuperar a confianza nas institucións, o rigor na xestión pública e a decencia na política”.
MÁIS AUTOGOBERNO PARA GALICIA
Para rematar, felicitou ao Executivo de Alfonso Rueda pola consecución de “dous novos e históricos traspasos” de competencias para a Comunidade: a xestión das autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras e as competencias sobre 40 aeródromos e heliportos non cualificados de interese xeral. O portavoz puxo en valor que a Xunta responde con orzamentos en tempo e forma, planificación e compromisos cumpridos.
Do mesmo xeito, censurou que a líder do BNG, Ana Pontón, amose “moito máis entusiasmo” para branquear e apoiar as políticas fracasadas de Pedro Sánchez que para celebrar os avances de autogoberno para Galicia.