O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor que Galicia conta cun goberno estable e dedicado a traballar por e para a xente, co único obxectivo de mellorar a vida dos galegos, e que por iso a nosa Comunidade é a día de hoxe unha “illa de estabilidade” dentro do conxunto de España.
Facendo un paralelismo co que ocorre no Concello de Vilanova de Arousa, onde a boa xestión de Gonzalo Durán fíxoo merecedor da confianza dos seus veciños ano tras ano ao longo de oito lexislaturas, o líder dos populares galegos ten claros os motivos polos que a cidadanía confía na forma de facer política do seu partido.
Neste sentido explicou que o Goberno galego baixa os impostos a todos os galegos, redobra o seu apoio aos autónomos coa cota cero, conxela os prezos das autoestradas autonómicas, coida dos maiores ofrecéndolles autobús gratis e descontos en establecementos e viaxes, e a partir do próximo ano ofrecerá un bono de 5.000 euros ás familias que coidan a persoas dependentes no seu fogar.
Algo que acontece mentres outros só están dedicados a colmar as súas ambicións persoais, prometer os cartos de todos ao independentismo para poder pagar a súa investidura ou subir as peaxes e negarse a transferir a AP-9 a Galicia.
Fronte a todo isto, asegurou, Galicia non se pode render nin deixarse contaxiar das incertezas dun Goberno socialista liderado por Pedro Sánchez e disposto a traspasar todas as liñas vermellas. Reivindicando neste sentido que os galegos saben ben que o que algúns queren vender como normal non o é e teñen claro que o PPdeG é a constatación de que hai outra forma de facer política.
UN REFERENTE DAS CELEBRACIÓNS DO NADAL NO PARTIDO POPULAR
O presidente provincial indicou que esta cea de Nadal en Vilanova sempre é un punto de encontro das agrupacións da bisbarra do Salnés que ano tras ano reúne a preto de 1.000 persoas que se converteu xa nun referente das celebración do Nadal no Partido Popular.
López felicitou á agrupación local polo traballo levado a cabo nas eleccións municipais na que o PP de Vilanova revalidou, de xeito rotundo e cun forte incremento, a maioría absoluta e axudou tamén a recuperar a Deputación de Pontevedra. Animounos a seguir traballando na mesma liña cara as autonómicas.