Santiago, 7 de setembro de 2017.- A Comisión 2ª do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame do proxecto de lei de protección e benestar dos animais de compañía, co que este texto lexislativo queda listo para a súa aprobación definitiva en Pleno. O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, salientou que se trata da “lei máis ambiciosa e completa do territorio nacional para loitar contra o abandono e o maltrato animal, fomentar a adopción de animais abandonados e concienciar á cidadanía sobre a tenza responsable de animais”.
Trenor destacou “o diálogo frutífero existente” durante o período de exposición pública deste proxecto de lei e na súa tramitación parlamentaria, que permitiu “chegar a acordos que enriquecen o seu texto definitivo”. En concreto, subliñou que “o 80 por cento do articulado sae adiante coa conformidade de todos os grupos parlamentarios”.
PERSEGUIR O MALTRATO
Este novo texto lexislativo “garante, mellora e protexe o benestar dos animais, tanto domésticos, como os salvaxes mantidos en catividade e as coleccións zoolóxicas”, sinalou o portavoz popular. “O seu fin principal é perseguir o maltrato animal en todas as súas manifestacións, establecendo mecanismos para a prevención e, no caso de producirse, endurecendo o procedemento sancionador”, apuntou.
En concreto, Trenor explicou que “se prohibe expresamente calquera conduta que ocasione directa ou indirectamente ao animal dor, sufrimento ou danos evitables”. Ademais, prohíbese empregar animais en atraccións feirais ou similares, así como a utilización de animais silvestres en circos.
En relación coa loita contra o abandono, Gonzalo Trenor indicou que “se impulsa e se facilita a adopción de animais abandonados”. Neste sentido, destacou que “por primeira vez se incorpora o acollemento temporal, creándose a figura dos fogares de acollida, que mellorarán o benestar dos animais e prestarán unha axuda inestimable aos centros de acollida”.