Santiago, 28 de xuño de 2019.- A Comisión 1ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame da proposición de lei orgánica para presentar perante o Congreso para a transferencia a Galicia en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguranza viaria, que agora queda pendente da súa aprobación definitiva en Pleno.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou que “non nos opoñemos ao traspaso desta competencia a Galicia pero non é a nosa prioridade, porque a nosa prioridade é que o Goberno socialista de Pedro Sánchez pague a Galicia os 700 millóns de pufo que lle adebeda das transferencias a conta, o IVE de 2017 e o incentivo ás comunidades cumpridoras”.
Paula Prado lembrou que o PPdeG “avoga por conseguir máis transferencias para Galicia e por aceptar todas aquelas que lle outorgue o Goberno central, porque queremos para Galicia as mesmas competencias que teñen outras comunidades, como o País Vasco ou Cataluña”. “Queremos que Galicia sexa unha comunidade de primeira, non de segunda ou de terceira como pretenden desde o Goberno socialista”, apuntou.
“Non nos opoñemos ao traspaso das competencias de tráfico e seguridade viaria, pero non é a nosa prioridade”, asegurou a viceportavoz popular, que explicou “a nosa prioridade é que o Goberno socialista de Pedro Sánchez cumpra con Galicia e pague o pufo de 700 millóns de euros que lle adebeda”. En concreto, Prado considerou necesario que o Goberno central pague a actualización das entregas a conta co exercicio de 2019, que ascende a 330 millóns de euros; a devolución do IVE de 2017, outros 200 millóns de euros; e o incentivo ás comunidades autónomas cumpridoras, que supón 170 millóns de euros.
EQUILIBRIO FINANCEIRO EN RISCO
Neste sentido, manifestou que “son 700 millóns de euros dos que 530 millóns están incluídos nos orzamentos da Xunta para 2019, e que a súa falta de ingreso podería poñer en risco o equilibrio financeiro das contas da Xunta”. “É unha prioridade fundamental para poder prestar aos galegos os servizos públicos esenciais de sanidade, educación e benestar social, que é o que outorga autonomía e autogoberno”.
A viceportavoz popular afirmou que “está moi ben pedir o traspaso das competencias de tráfico para Galicia, pero neste momento o que se necesita máis urxente, ademais do abono desta débeda económica, é un estatuto para as empresas electrointensivas, que garanta o emprego industrial das empresas instaladas na nosa comunidade; que se remate o AVE a Galicia; e que se transfira a AP-9”.