Santiago, 26 de setembro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe que a modificación da Lei de saúde “sitúa ás persoas no centro do sistema sanitario, por diante doutros intereses”. “Pensen algo nos enfermos e menos en facer política de desgaste do Goberno do Partido Popular”, demandou aos grupos da oposición.
Aurelio Núñez criticou que “parece que para os grupos da esquerda os pacientes non son importantes nin significativos”, porque “soamente admiten como representación popular a organizacións político-sindicais, agora mesmo chamadas plataformas”. “Gustaríame coñecer o número real de pacientes, de persoas da rúa, de xente do común que forman parte de todo ese conglomerado que, casualmente, soamente protesta e aparece cando goberna o Partido Popular”, apuntou.
CALIDADE NO TRABALLO E FORMACIÓN
Respecto do anteproxecto de reforma da Lei de saúde, o portavoz popular asegurou que “blinda a existencia dos hospitais comarcais e da cobertura legal aos desprazamentos de especialistas entre hospitais”. Así mesmo, engadiu que mellora a calidade do traballo e a formación continuada para os profesionais dos hospitais comarcais, favorecendo e facilitando a incorporación, sobre todo de facultativos, a ditos hospitais.
O borrador do texto lexislativo tamén contempla o recoñecemento por lei do Consello Asesor de Pacientes; a creación dunha comisión interdepartamental entre sanidade e educación; os itinerarios profesionais; ou o recoñecemento da autoridade sanitaria dos inspectores de saúde pública.
Aurelio Núñez concretou que ao borrador do anteproxecto de lei presentáronse máis de 1.500 alegacións, das que máis de 1.300 están realizadas polos sindicatos e pouco máis de 30 propoñen modificacións ao articulado. Neste sentido, avogou porque o Goberno galego “acepte as alegacións que considere que poden mellorar o texto e remita a este Parlamento o proxecto de lei definitivo, para que poida ser debatido en comisión, ponencia e pleno, e entre todos podamos axeitar esta nova lei á realidade social actual e ás distintas normas estatais, básicas e sectoriais que se foron aprobando”.