O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, animou hoxe os seus a seguir traballando con ganas, entusiasmo e ilusión para acadar o obxectivo de gobernar a capital de Galicia e canalizar a forza de cambio que comezou nas eleccións municipais.
Ante preto de medio millar de afiliados e simpatizantes, o líder dos populares composteláns márcase como obxectivo para o próximo ano “seguir traballando para ser aínda mellores e estar preparados cando chegue o momento de gobernar”.
“Nós temos claro o noso obxectivo. Xa gañamos as eleccións e agora queremos gobernar porque estamos convencidos de que imos facelo mellor”, engadiu explicando que, con paciencia, este obxectivo está cada vez máis preto.
Verea agradeceu a confianza “masiva” que os veciños de Santiago depositaron nel e no seu equipo: “Cada día somos máis e a forza de cambio que comezou nas eleccións municipais é xa imparable”.
PAULA PRADO: “NÓS, E NON OUTROS, SOMOS MAIORÍA”
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quixo destacar a achega de Borja Verea e o seu equipo aos dous grandes éxitos do partido este ano. Referíndose así ao máis de 45% de apoio recibido por Alfonso Rueda na cidade de Santiago nas autonómicas e aos case 18.000 votos ao PP nas eleccións europeas.
Como resultado deste apoio, explicou, os intereses dos composteláns son defendidos nos lugares onde se toman as decisións e son tidos en conta á hora de levalas a cabo. Algo do que puxo como exemplo os Orzamentos aprobados esta mesma semana e nos que Santiago e o seu futuro están moi presentes.
“Grazas ao PP de Santiago por ser a mellor oposición posible e por demostrar que somos nós, e non outros, os que somos maioría”, concluíu recordando a vitoria electoral de Borja Verea nas eleccións municipais.
DIEGO CALVO FAI BALANCE DUN GRAN ANO PARA O PARTIDO
O presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo fixo balance dun ano no que en Galicia “revalidamos unha maioría absoluta que avala o gran traballo do Goberno galego” e en España “gañamos as eleccións e demostramos que somos a única alternativa seria para sacar a este país do caos no que o meteron os socialistas e os seus socios”.
De cara ao novo ano, o líder popular pediulle aos seus “seguir traballando para que Galicia siga sendo un exemplo de boa xestión e un ‘oasis de tranquilidade’ no medio do clima de tensión que se instaurou no resto do territorio español”.