O Grupo Popular propón aprobar unha resolución do Parlamento galego pedindo á Mesa e á Presidencia do Congreso o desbloqueo da tramitación da transferencia da AP-9 a Galicia

O Grupo Popular propón a aprobación no Parlamento de Galicia dunha resolución pedindo á Mesa e á Presidencia do Congreso dos Deputados que desbloquee a tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9 a Galicia, acordando de xeito inmediato a finalización do prazo para a presentación de emendas e permitindo que este texto avance cara ao seu debate e aprobación definitiva. O portavoz popular, Alberto Pazos, apuntou que “ademais, recollendo a proposta feita polo Goberno galego, solicitamos ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que avalíe a oportunidade do rescate da AP-9, tendo en conta que esta decisión sería máis económica que o mantemento das bonificacións das peaxes ata o remate da concesión en 2048”.

Alberto Pazos lamentou a nova decisión adoptada esta semana pola Mesa do Congreso de prorrogar, unha vez máis, o debate sobre a transferencia da AP-9 á Comunidade galega. “E van xa 18 prórrogas do prazo de presentación de emendas desde a súa toma en consideración polo Pleno do Congreso alá polo mes de xaneiro de 2024, prórrogas que ascenden a 33 se temos en conta as que sufriu esta solicitude de transferencia desde a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa”, concretou.

“Galicia e os galegos non podemos soportar máis tempo esta tomadura de pelo constante por parte dunha Mesa do Congreso tutelada polos socialistas, que fai caso omiso a unha demanda aprobada por unanimidade neste Parlamento e que tamén contou co voto favorable á súa tramitación no Congreso de todos os grupos parlamentarios, a excepción de VOX”, sinalou.

O portavoz popular demandou aos socialistas galegos que, “por unha vez, velen polos intereses de Galicia e alcen a súa voz ante esta nova burla e desprezo de Pedro Sánchez a todos os galegos”. Neste sentido, amosou a sorpresa porque o PSdeG opte neste momento por priorizar o rescate da AP-9, “aparcando o que ata agora foi o seu obxectivo, remarcado durante a última campaña electoral polo seu candidato: a gratuidade desta autopista”.

OPORTUNIDADE DO RESCATE

Pazos asegurou que o Grupo Popular, como xa propuxo recentemente a conselleira de Planificación de Infraestruturas nunha reunión que mantivo con usuarios da AP-9, “estamos dispostos a que o Ministerio valore a oportunidade do rescate desta autoestrada, tendo en conta que, coas novas bonificacións das peaxes anunciadas polo Goberno central, que esperamos que algún día sexan realidade, tanto as anunciadas para a AP-9 como para a A-53, o custo da indemnización polo rescate e o custo das bonificacións ata o final da concesión supoñen uns importes moi semellantes, o que debería facer reflexionar seriamente aos responsables do Ministerio sobre a posibilidade e oportunidade de proceder ao rescate a curto prazo da AP-9”.

Porén, lembrou que esta proposta de rescate dos socialistas galegos “choca frontalmente coa posición que viu defendendo o ministro Puente nas súas comparecencias públicas, chegando a cualificar esta posible solución como “ “inasubmible para o Estado” ou “tremendamente difícil e custosa”.

“Desde o Grupo Popular imos seguir defendendo os intereses de todos os galegos e o único que pedimos, tanto ao Goberno de España como aos socialistas galegos, é un pouco de seriedade respecto das peaxes da AP-9, a súa transferencia e o seu posible rescate”, manifestou o portavoz popular, quen anotou que “basta xa de que a AP-9 sexa o mellor exemplo dos constantes agravios e desprezos de Pedro Sánchez con Galicia, prexudicando seriamente a súa economía e os petos dos galegos e dos usuarios desta autoestrada”.

NOVA DEPUTADA DO GRUPO POPULAR

Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios informando que no vindeiro Pleno tomará posesión como nova deputada do Grupo Popular Magdalena Pérez, que vén substituír a Pablo Prieto, recentemente elixido Presidente da Federación Galega de Fútbol.

Concelleira delegada de réxime interior, persoal e administración no Concello de Porto do Son, Magdalena Pérez é licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Compostela e conta cun ciclo superior en animación sociocultural e turística, ademais dunha ampla experiencia na xestión de servizos sociais, así como na realización de actividades de tempo libre.

O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno de España fondos para poñer en marcha programas específicos de emprego

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable de BNG nin PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno de España os fondos necesarios que permitan poñer en marcha programas específicos de emprego, a raíz do éxito dos proxectos piloto existentes na Comunidade galega.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, lembrou que “Galicia está a afrontar retos en materia laboral, como cubrir as necesidades das empresas coas capacidades das persoas que están buscando activamente emprego, así como reter e atraer talento para seguir sumando capacidades ao noso tecido produtivo”. “E todo isto facéndoo dun xeito ordenado e poñendo un enfoque especial na mocidade”, apuntou.

PROGRAMAS INNOVADORES

Noelia Pérez referiuse aos programas innovadores orientados a conectar a formación coa realidade do mercado laboral que vén desenvolvendo a Xunta, como a estratexia Mocidade Activa, as bolsas de excelencia Mocidade Exterior, os programas Xerme ou Alento, e o proxecto Fixar, “cuxo éxito levou a que Galicia fora recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025”.

“Son accións que non só buscan a xeración de emprego de calidade, senón tamén a fixación de poboación nas nosas vilas e cidades, cuxos resultados evidencian unha tendencia crecente cara o autoemprego, a aposta pola volta ao rural e a consolidación de novos modelos laborais, como os colivings”, indicou a portavoz popular.

Porén, manifestou que estas medidas e estes resultados “certifican que as políticas de emprego desenvolvidas pola Xunta van polo bo camiño, pero precisamos do apoio do Goberno de España a través dunha distribución equitativa dos fondos europeos e estatais, fundamentais para garantir que todas as comunidades autónomas poidan desenvolver programas adaptados á súa realidade socioeconómica, en especial proxectos relacionados coa xeración de emprego”.

O Parlamento galego pide á Xunta un modelo de gobernanza do espazo de datos do sistema sanitario galego para mellorar a asistencia, a investigación e a innovación

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG, a través da que se insta á Xunta a publicar un modelo de gobernanza do espazo de datos do sistema sanitario galego que permita mellorar a prestación de asistencia, investigación e innovación.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, salientou que o servizo galego de saúde “foi pioneiro en incorporar avances tecnolóxicos e dixitais aos seus sistemas”, como a historia clínica electrónica ou as plataformas e-Receita ou e-Saúde.

“Todos estes avances tecnolóxicos derivaron en que o SERGAS almacene na actualidade máis de 3.000 millóns de datos de saúde, o que supoñen arredor de 10 petabytes de almacenamento, unha cantidade inxente de datos en boa parte relacionados con proxectos de medicina xenómica ou procedentes de dispositivos electro-médicos, como os parches de medición de insulina ou dispositivos cardioimplantables”, concretou.

Encarna Amigo afirmou que “esta tecnoloxía vai permitir facer a medicina máis preditiva e máis personalizada”, polo que destacou o feito de “reunir nunha infraestrutura única os datos que permiten a asistencia aos máis de 2,65 millóns de galegos por parte dos máis de 40.000 profesionais sanitarios”.

“Galicia debe ser pioneira en adaptarse ao novo regulamento do espazo europeo de datos sanitarios, que faga posible aproveitar o enorme potencial que Galicia posúe no marco dos datos sanitarios para fomentar a investigación científica, desenvolver mellores tratamentos e optimizar a atención aos pacientes”, concluíu.

O Grupo Popular insistirá no Pleno na solicitude ao Goberno central para que cumpra a Lei de dependencia e salde a débeda de máis de 2.500 millóns de euros con Galicia

O Grupo Popular insistirá no Pleno da vindeira semana na solicitude ao Goberno de España para que cumpra a Lei de dependencia e salde a débeda de máis de 2.500 millóns de euros que ten con Galicia para o cofinanciamento da prestación deste servizo aos dependentes galegos.

Así mesmo, pedirá que axilice os trámites necesarios para a posta en marcha do proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo, nunha sesión plenaria na que se procederá ao debate de totalidade do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia e comparecerá a conselleira de Vivenda para informar sobre as actuacións postas en marcha polo seu departamento neste ámbito.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que “somos conscientes do inxente esforzo económico e humano que precisa a atención aos dependentes, pero lamentablemente atopámonos cun Goberno de España que incumpre sistematicamente a súa obriga de cofinanciar o 50 por cento da prestación da dependencia”. En concreto, indicou que o Goberno central “achega escasamente o 30 por cento do custo da dependencia, o que supón que día a día se incremente a súa débeda coa Comunidade galega neste eido, que nestes momentos xa supera os 2.500 millóns de euros”.

PLAN DE CHOCE PARA A DEPENDENCIA

“Temos moi presente que os tempos de agarda para a dependencia son superiores aos desexados, polo que desde o Goberno galego xa decidiron poñer en marcha un plan de choque co único obxectivo de reducir os tempos de agarda ata seis meses”, sinalou o portavoz popular. Deste xeito, unha das preguntas que o Grupo Popular formulará ao Goberno galego no Pleno versa sobre as accións que está desenvolvendo para reducir os tempos de agarda da dependencia, que basicamente se centran na desburocratización, xa que só será necesario presentar a solicitude; a creación dunha vía preferente para maiores de 80 anos; a habilitación dun procedemento conxunto para a discapacidade e dependencia; ou os incentivos económicos ao persoal que realiza as valoracións.

A segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno ten como obxectivo que o Goberno de España axilice todos os trámites necesarios para a posta en marcha do proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo. “Logo de 17 anos de espera, o Concello vigués aprobou a finais do pasado ano o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións que permite ceder ao Ministerio de Cultura o chan onde está prevista a construción desta Biblioteca Pública do Estado”, lembrou Alberto Pazos. En concreto, se trata de dúas parcelas, entre as rúas Lalín e A Coruña, cunha extensión de 6.578 metros cadrados.

“Estamos a falar dun paso moi importante, pero non definitivo, xa que este chan deberá ser agora cedido ao Ministerio para licitar o proxecto e posteriormente executar a obra, de cuxa xestión se encargará a Xunta, polo que está claro que o futuro da nova Biblioteca Pública do Estado en Vigo está nas mans do Goberno de Pedro Sánchez e do Concello de Vigo”, indicou,

INTELIXENCIA ARTIFICIAL ÉTICA, SEGURA E FIABLE

A sesión plenaria inclúe o debate de totalidade do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, “unha norma coa que Galicia será a primeira rexión europea que regula por lei o deseño, adquisición e uso desta ferramenta, tanto por parte da Administración como da sociedade en xeral”, salientou Pazos.

Así, apuntou que “o obxectivo principal é garantir unha implantación da intelixencia artificial na Comunidade galega dun xeito ético, seguro, fiable e centrado nas persoas, porque estamos convencidos de que Galicia está en condicións de liderar a nivel español e europeo a implantación das novas tecnoloxías que marcarán o futuro da humanidade”.

A orde do día do Pleno incorpora, ademais, a comparecencia da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, para informar sobre as actuacións postas en marcha polo seu departamento en materia de vivenda. Pazos sinalou que “estamos a falar dun dos ámbitos nos que a Xunta está a facer un esforzo moi especial, co obxectivo de que o acceso en Galicia a unha vivenda digna e a un prezo asequible non sexa un problema”.

O Goberno galego xa ten dado pasos importantes nestes últimos meses para acadar os seus obxectivos de duplicar o parque público residencial, o que supón a construción de 4.000 novas vivendas; ou o desenvolvemento de solo para posibilitar a construción doutras 25.000 vivendas: 20.000 protexidas e 5.000 libres. “Todo iso cunha especial atención a facilitar o acceso á vivenda aos mozos, a través da construción de aloxamentos temporais para alugueiro; a reserva do 40 por cento das vivendas públicas en alugueiro para menores de 36 anos e do 25 por cento das que se poñan á venda; as axudas para a compra de vivenda en municipios de menos de 20.000 habitantes; ou o recentemente coñecido Bono Emancípate”, matizou.

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase sobre o estado da transferencia á Comunidade galega das competencias sobre o litoral galego e a necesaria convocatoria dunha Comisión Mixta de Transferencias para ratificar o pacto e que se traspasen canto antes os medios materiais e humanos precisos para exercer esta competencia clave para Galicia; e sobre a posibilidade de facer un Pacto pola Lingua entre todas as forzas políticas parlamentarias, logo das xuntanzas mantidas polo conselleiro con todos os grupos parlamentarios na procura dos consensos necesarios para impulsar e prestixiar o uso do galego en todos os contextos.

O Grupo Popular pide que se manteñan as rebaixas do IVE na electricidade e os alimentos, sumando unha baixada deste imposto para a carne e o peixe como produtos de primeira necesidade

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que “solicitaremos ao Goberno central que manteña as rebaixas do IVE para a electricidade e os alimentos, medidas que foron retiradas do novo Decreto-Lei minibús, ao que sumaremos a demanda para que aplique unha rebaixa do IVE, e considere de primeira necesidade, produtos tan significativos para a economía de Galicia como a carne e o peixe”.

Alberto Pazos criticou “o novo sometemento de Pedro Sánchez á chantaxe dos independentistas cataláns, pasando dun decreto-lei omnibús a un minibús de 29 medidas”, e subliñou o apoio do Partido Popular ao novo texto que permitirá sacar adiante a revalorización das pensións, as bonificacións ao transporte ou as axudas para os afectados pola DANA de Valencia e do volcán da Palma.

BOTAR ABAIXO A INQUIOKUPACIÓN

Porén, afirmou que o apoio do PP a estas medidas non suporá que “sigamos traballando ata conseguir botar abaixo outras cuestións que figuran no novo decreto e que para nada estamos de acordo, como a posta en marcha de medidas que facilitan a inquiokupación e defenden a todos aqueles que de maneira ilegal okupan propiedade privada, ante o que seguiremos demandando actuacións que faciliten o desaloxo inmediato destes okupas”.

Ademais, o portavoz popular lamentou que o novo Real-Decreto deixe fóra a mellora do financiamento das comunidades autónomas, xa que as partidas das entregas a conta volverán a niveis de 2023 e suporá unha merma de ingresos e un atraso nos abonos desas transferencias económicas. “E iso tendo en conta ademais que ao longo do pasado ano se rexistrou un incremento dun 8 por cento na recadación de tributos por parte do Estado e que debería traducirse nunha suba de transferencias económicas ás comunidades autónomas e aos concellos”, apuntou.

Unha segunda cuestión que tamén quedou fóra deste Decreto minibús é a referida ao mantemento das rebaixas do IVE para a luz e os alimentos, “unha decisión do Goberno de Pedro Sánchez que xa se está a notar de xeito importante no peto de todos os cidadáns, a través dos recibos da luz que lles están a chegar estes días ou na súa compra diaria no supermercado”, sinalou Alberto Pazos.

REBAIXAR IMPOSTOS E MANTERA RECADACIÓN

“Desde o Grupo Popular seguimos defendendo que é posible rebaixar os impostos e manter unha recadación fiscal suficiente para prestar os mellores servizos aos cidadáns e, por este motivo, imos seguir insistindo, tanto desde Galicia como a nivel nacional, para que o Goberno de Pedro Sánchez manteña un IVE reducido para a electricidade e para os alimentos de primeira necesidade, dando continuidade ás medidas fiscais vixentes ata o pasado mes de decembro e que supoñían aforros importantes para todos os españois”, dixo.

Así mesmo, o portavoz popular engadiu que “non nos imos esquecer de recordar ao Goberno central a necesidade de que tamén aplique unha rebaixa do IVE, e considere de primeira necesidade, produtos tan significativos para a economía de Galicia como a carne e o peixe, de xeito que se estimule a súa demanda e se melloren as previsións de crecemento destes importantes sectores económicos”.

“Non entendemos como o Goberno de Pedro Sánchez mantén inalterado o IVE de produtos do mar e da carne, mentres baixou o doutros produtos alimenticios considerados de primeira necesidade, como o pan, o leite, os ovos, as legumes ou as froitas, sen esquecernos do aceite ou as pastas”, sinalou Pazos, quen anotou que “esta decisión supuxo unha evidente desvantaxe competitiva para os produtores de carne e o sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, e un serio prexuízo para o seu consumo”.

Por este motivo, asegurou que “desde o Grupo Popular seguiremos demandando que o Goberno central atenda esta petición de rebaixa do IVE, non só para a electricidade e os alimentos, senón tamén para os produtos da carne e do peixe, que deberían gozar dun imposto superreducido do 4 por cento, o mesmo que teñen outros alimentos básicos cento, e non do 10 por cento, co que tributan na actualidade”.

O Grupo Popular reitera no Parlamento galego o seu apoio á declaración de 2025 como Ano Castelao

O Grupo Popular reiterou hoxe o seu apoio á declaración do 2025 como Ano Castelao, con motivo do 75 aniversario do seu pasamento, pero rexeitou recoñecer a este insigne galego como o primeiro Presidente de Galicia porque nunca foi elixido. “O recoñecemento dos méritos de Castelao non pode implicar o demérito do primeiro Presidente democrático de Galicia: un galeguista íntegro e exemplar chamado Xerardo Fernández Albor”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos.

“Non debería existir dúbida algunha sobre que a figura de Castelao pertence ao pobo galego no seu conxunto, e os intentos duns poucos por denostalo ou doutros por apropiarse del minusvaloran a figura deste rianxeiro universal”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, apuntou que “os que renegan del por non compartir o seu pensamento político minusvaloran a capacidade do pobo galego de recoñecer a un dos seus máis aló de matices ideolóxicos, e os que se queren apropiar del o minusvaloran ao restrinxir o seu recoñecemento á escasa representación que lles deron os galegos”. “Nin Castelo nin Galicia caben nas estreituras ideolóxicas do BNG”, dixo.

O BNG IMPEDIU A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Alberto Pazos asegurou que o PPdeG “comparte a conveniencia de que o Parlamento de Galicia apoie a declaración do 2025 como ano Castelao” e lembrou que “tanto é así que xa o propuxemos a través dunha declaración institucional que o BNG non aceptou”. Por este motivo, cualificou de “sorprendente que hoxe, despois de impedir esa declaración institucional, validada pola Fundación Castelao, nos pidan que apoiemos a que aprobou o Consello da Xunta, idéntica á que rexeitaron con anterioridade neste Parlamento”.

Porén, manifestou que “non podemos recoñecer a Castelao como primeiro Presidente de Galicia porque nunca foi elixido Presidente de Galicia”, porque “os galegos elixen aos seus presidentes de xeito democrático, mediante sufraxio libre e universal, e en cada ocasión na que foron consultados rexeitaron elixir a un Presidente nacionalista”. “O primeiro Presidente de Galicia foi un galeguista íntegro e exemplar chamado Xerardo Fernández Albor, ese Presidente de todos que fixo canto foi posible por recuperar os símbolos de todos, como a bandeira ou o himno galegos”, destacou o portavoz popular.

“O labor de Castelao é impagable porque acelerou o proceso autonómico ao permitirnos como nacionalidade histórica acollernos ao réxime especial previsto na disposición transitoria segunda da Constitución Española, feito de enorme relevancia que xustifica o recoñecemento como precursor do autogoberno galego que lle fixo este Parlamento”, salientou Alberto Pazos.

O Parlamento de Galicia reitera ao Goberno de España a solicitude de transferencia da AP-9 e a liberación da peaxe entre Vigo e Porriño, para mellorar a seguridade na autovía A-55

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera a demanda ao Goberno central para que proceda á transferencia a Galicia da titularidade da AP-9 e inicie á maior brevidade negociacións coa concesionaria desta autoestrada a fin de liberar de peaxe o tramo Vigo-Porriño, para abordar de xeito urxente a mellora da seguridade da autovía A-55.

Así mesmo, pídese ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que, con carácter urxente, propoña novas alternativas ao novo trazado proposto da A-52 pola grave afección que provoca tanto no concello de Mos como a parroquias dos concellos de Vigo e Porriño, a efectos de buscar unha solución definitiva e a longo prazo, ao tempo que se esixe a inmediata apertura dun período de interlocución, institucional e técnica, con todos os concellos afectados para definir a actuación, de modo que sexa respectuosa co territorio, socialmente viable e supoña unha infraestrutura axeitada e segura para a mobilidade da zona.

A deputada popular Felisa Rodríguez explicou que o pasado 18 de decembro “recibiuse no Concello de Mos o proxecto medioambiental e construtivo da nova autovía A-52, que racha varias parroquias de Mos e de Vigo, xa que contempla un trazado devastador que nace sen consenso, sen consulta previa, sen transparencia e ás agachadas”. En concreto, dixo que este proxecto “se leva por diante directamente máis de 50 vivendas e deixa unha importante afección a preto de 400 inmobles máis, ademais de afectar gravemente a solo urbanizable e industrial, naves industriais e multitude de camiños veciñais”.

Felisa Rodríguez asegurou que o trazado proposto é indefendible e explicou que “va a ceo aberto, rebenta e divide o concello de Mos, métese en túnel baixo o monte de Pereiras e Tameiga, cunha pendente dun 5 por cento, sigue polo monte de Bembrive e sae a ceo aberto nesta parroquia viguesa”. Ademais, dixo que “é unha autovía insuficiente e incompleta, porque “non contempla o tan demandado enlace co polígono industrial de Veigadaña en Mos, ao tempo que só permite entrar ou saír dela en Vigo ou no límite de Porriño”.

“Unha nova autovía que non vai solucionar o problema da saturación de tráfico na A-55, porque, como é sabido, a maior carga de tráfico vai desde Porriño a Puxeiros, e pasado este punto cara a Vigo a intensidade do tráfico diminúe dunha forma considerable”, afirmou.

SOLUCIÓN SINXELA, RÁPIDA, EFICAZ E ECONÓMICA

A deputada popular manifestou que “a solución sinxela, rápida, eficaz e máis económica é a liberación da peaxe da AP-9 entre Puxeiros e Porriño, que ten todas as conexións posibles para canalizar por distintos accesos a entrada á cidade de Vigo e a todos os polígonos industriais, zonas portuarias ou ao Hospital Público Álvaro Cunqueiro”. “Se se libera esa peaxe acabarían co problema da A-55, sen destruír, sen devastar e sen rachar co noso territorio”, dixo.

Por último, Felisa Rodríguez reclamou “a apertura dun proceso de diálogo e de interlocución institucional e técnica con todos os afectados”. “Teñan a valentía de poñer en primeiro lugar os intereses de Vigo e de Mos e rexeiten o trazado dunha autovía manifestamente errado e que supón toda unha condena para esta comarca”, rematou.

O PPdeG garante que o novo CAPD de Ourense será “público, de vangarda, cos mellores servizos e coa mellor atención da man de quen máis sabe”

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, garantiu hoxe no Pleno do Parlamento galego que o novo Centro de atención a persoas con discapacidade de Ourense será “público, de vangarda, cos mellores servizos e coa mellor atención da man de quen máis sabe: as asociacións que traballan coa discapacidade e que son entidades sen ánimo de lucro”.

Raquel Arias apuntou que o novo CAPD de Ourense, que abrirá as súas portas o vindeiro mes de abril logo dun investimento de máis de 10 millóns de euros, porá a disposición das familias 110 novas prazas, todas elas públicas, das que 30 serán de atención diúrna e 80 residenciais. Ademais, ofrecerá prazas específicas para autismo, discapacidade intelectual, parálise cerebral e dano cerebral, “para que cada discapacidade teña a atención adecuada no entorno que máis lle convén”.

“Será unha entidade social a que se encargue do seu funcionamento”, indicou a portavoz popular, quen explicou que “a Xunta xa publicou unha contratación reservada, única e exclusivamente, para entidades sociais sen ánimo de lucro, porque é a mellor maneira de dar resposta ás necesidades dos usuarios e porque se garante unha atención de calidade”. “Unha atención que estará supervisada en todo momento pola Consellería de Política Social, para a que a Xunta xa asignou un orzamento de 14 millóns de euros para dous anos”, anotou.

Neste sentido, dixo que “resulta moi difícil entender a oposición frontal de BNG e PSdeG a que sexan entidades sociais sen ánimo de lucro as que xestionen o novo CAPD de Ourense, se non é desde unha perspectiva única e exclusivamente partidista”.

“Se a xestión dun centro de discapacidade faise por entidades sociais, consideran que a Xunta fai negocio cos usuarios e que van estar mal atendidos; mentres que nos concellos e deputacións onde gobernan BNG e PSdeG externalizan por norma todo o que ten que ver coa dependencia e a atención ás persoas, e non o fan con entidades sen ánimo de lucro, senón con empresas multinacionais”, subliñou.

O Parlamento galego demanda á Xunta información sobre a creación da Fundación Pública para o impulso da ciencia en Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a trasladar á Cámara a proposta de creación da Fundación Pública para o impulso da ciencia en Galicia, incluíndo toda a información sobre a súa estrutura, competencias, funcións e financiamento.

O viceportavoz popular Julio García Comesaña lembrou que a creación desta Fundación Pública “foi avanzada polo Presidente Rueda na súa comparecencia no Parlamento galego do pasado mes de outubro, seis meses despois de anunciar no seu discurso de investidura a aposta do Goberno galego para a promoción da I+D+i en Galicia”.

“A ciencia é unha prioridade para Galicia e esta aposta levounos a ser a comunidade autónoma onde máis sobre o investimento en I+D+i, o 28,2 por cento fronte ao 16 por cento da media nacional, chegando a cifras récord de 963 millóns de euros”, subliñou o viceportavoz popular. Neste sentido, apuntou que a porcentaxe de investimento en I+D+i en relación co PIB incrementouse nun 20 por cento nos últimos dez anos, “o que nos permitiu escalar do duodécimo posto entre as comunidades autónomas ata o sétimo na actualidade”.

Para rematar, Julio García Comesaña considerou “esencial situar ás persoas no centro desta estratexia e fomentar o talento”, para o que lembrou que a Xunta aprobou o pasado 16 de decembro unha convocatoria de axudas, por importe de 61 millóns de euros, para grupos de investigación, investigadores predoutorais e postdoutorais, que se suman a outras iniciativas como os programas Oportunius ou Ignis.

O Parlamento galego insta á Xunta e ao Goberno central a adoptar medidas de repotenciación de parques eólicos que supoñan mellora medioambiental e un uso eficiente dos recursos

O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se insta a Xunta e ao Goberno de España a comprometerse con todas aquelas medidas, especialmente as orientadas á repotenciación dos parques eólicos antigos, que supoñan unha mellora medioambiental ao mesmo tempo que garanten un uso eficiente dos nosos recursos. “Debemos seguir avanzando para continuar sendo referentes en xeración de renovables imprescindibles para acadar unha Galicia máis verde, sen esquecer ese binomio enerxía-industria ao que non podemos renunciar”, sinalou o portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo.

“A repotenciación de plantas de enerxía renovable existentes ten un potencial significativo para contribuír á consecución dos obxectivos en materia de enerxías renovables”, manifestou o deputado popular, quen apuntou que “para aproveitar ao máximo o noso recurso co máximo respecto polo medio cómpre apostar pola eficiencia”.

SITUACIÓN ACTUAL

Neste sentido, explicou que “o feito de ser un territorio pioneiro na instalación de parques eólicos motivou un importante desenvolvemento do sector nun primeiro momento, que derivou nunha situación actual na que as zonas con mellor recurso eólico xa están ocupadas, que estas zonas teñen parques antigos que non resultan o máis eficientes a día de hoxe e que moitos parques estean próximos ao fin da súa vida útil”.

Para afrontar esta situación, Rubén Lorenzo avogou por adoptar medidas “dun xeito ordenado e sen improvisacións”. Así, concretou accións como a repotenciación dos parques eólicos cunha antigüidade superior aos 25 anos, excepto que nos proxectos autorizados se fixase unha vida útil superior para os aeroxeneradores; dar un prazo de 18 meses para comezar a tramitación desde que chega a esa antigüidade; garantir a seguridade xurídica, de xeito que a autorización inicial permanecerá vixente ata que a nova autorización para a repotenciación adquira firmeza en vía xudicial; ou garantir a viabilidade técnica e económica da actuación.

“Todas estas medidas permitirán a Galicia seguir avanzando para aumentar a seguridade industrial das instalacións, conseguir unha maior produción de enerxía coa mesma potencia instalada gracias ás novas tecnoloxías, reducir significativamente o número de aeroxeradores no territorio e, todo isto, no novo marco enerxético definido pola Lei de recursos naturais”, afirmou.

O portavoz popular engadiu que estas repotenciacións dos parques eólicos “teñen por obxecto reducir o seu impacto no territorio e no medio ambiente, procurando, como mínimo, unha redución á cuarta parte dos aeroxeneradores existentes, chegando a unha redución dun 80 por cento dos muíños de vento existentes nos vindeiros oito anos”. Así mesmo, apuntou que as repotenciacións “aumentarán a súa produción entre un 20 e un 40 por cento con respecto á actual”.