A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Parlamento galego que os catro novos centros de información á muller móbiles que porá en marcha a Xunta proximamente “permitirán achegar este recurso ás zonas rurais que carecen desta atención, así como aos sete campus universitarios galegos”.
Raquel Arias explicou que estes novos CIM móbiles “percorrerán os concellos rurais que na actualidade non contan con este servizo co obxectivo de identificar os posibles casos de violencia de xénero ocultos, así como outras casuísticas que afectan ás mulleres que residen lonxe dos centros urbanos”.
“Así mesmo, estes CIM móbiles tamén estarán presentes nos sete campus universitarios galegos, prestando asesoramento e información ás vítimas de agresións sexuais, informando á poboación universitaria sobre os servizos e recursos da Xunta para este fin e, sobre todo, coordinando as peticións das estudantes cos centros de crises, os CIM municipais e os centros de recuperación integral”, indicou.
A portavoz popular sinalou que estes CIM móbiles sumaranse aos 84 centros de información á muller que xa existen en Galicia e dan servizo a cerca de 200 concellos galegos, proporcionando unha atención integral e de proximidade a máis de 17.000 persoas cada ano.
Neste sentido, Raquel Arias manifestou que “a colaboración e coordinación interinstitucional é fundamental para poder prestar unha axeitada atención ás vítimas de violencia de xénero, polo que estes CIM móbiles estarán coordinados cos CIM físicos xa existentes e cos centros de crise, co obxectivo de atender todas aquelas necesidades que as vítimas precisen, priorizando sempre a súa vontade e o principio de proximidade”.