O PPdeG pide no Parlamento galego que o Concello de Mondariz-Balneario solicite a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como ben de interese cultural

O Grupo Popular rexistrou a pasada semana no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se pide ao Concello de Mondariz-Balneario que solicite formalmente a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como Ben de Interese Cultural (BIC). “O Concello contará coa total colaboración da Xunta no proceso de tramitación desta solicitude e na elaboración da
documentación necesaria para a incoación do expediente, así como posteriormente para solicitar fondos ao Ministerio de Vivenda, con cargo ao programa do 2% cultural co obxectivo de proceder á recuperación deste ben patrimonial”, asegurou o deputado popular Julio García Comesaña.

A Fonte de Troncoso de Mondariz-Balneario é unha obra singular do arquitecto Antonio Palacios, unha das figuras más recoñecidas da arquitectura galega e autor dalgúns dos edificios máis emblemáticos da Comunidade galega. “Porén, a pesar do seu notable valor histórico, artístico e simbólico, atópase nun preocupante estado de conservación a consecuencia do abandono á que a ten sometida o Concello”, lamentou o deputado popular, quen lembrou que a última intervención de consolidación foi promovida pola Xunta hai dous anos.

García Comesaña avogou por “deixar á marxe as liortas partidistas e poñerse a traballar para a conservación da Fonte de Troncoso, para o que o primeiro paso debe de ser a solicitude desde o Concello de Mondariz-Balneario da súa declaración como ben de interese cultural, o que garantiría a súa protección e posta en valor e facilidades para acceder a axudas para a súa conservación”.

O Parlamento galego esixe ao Concello da Pobra do Caramiñal e á Dirección Xeral de Costas do Estado que adopten medidas urxentes para corrixir os vertidos detectados na zona da Ribeiriña

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Concello da Pobra do Caramiñal e á Dirección Xeral de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a asunción das responsabilidades polos vertidos detectados na Ribeiriña, para o que é necesario a adopción urxente das medidas necesarias para corrixir as deficiencias que os provocan e evitar novos episodios contaminantes. En concreto, pídese ao Goberno central que axilice o plan de investigación e que antes do 18 de xullo presente o seu informe final, xa que a partir dos resultados obtidos, se determinaran as actuacións a seguir.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, afirmou que a responsabilidade das verteduras recorrentes que se están a producir na contorna da Ribeiriña na Pobra do Caramiñal “é do Concello e da Dirección Xeral de Costas do Goberno de España, así como da empresa Tragsa, que foi quen fixo a obra”.

NEFASTOS PARA A XESTIÓN

“O que podía quedar ben, como cando o Partido Popular fixo en Ribeira unha obra de rexeneración na antiga fábrica de salazón en Castiñeiras, o cuatripartito de esquerdas que goberna A Pobra demostrou que son nefastos para a xestión: fixeron a obra sen descontaminar o chan de Onza de Ouro, como era a súa obriga e, nunha obra que custou tres millóns de euros, nin sequera deixaron luces no paseo”, lamentou o portavoz popular.

Así mesmo, afirmou que “o que podía ser unha obra marabillosa, acabou por converterse nun pesadelo, xa que a eliminación de parte do recheo que existía sen a descontaminación do solo, está provocando que as filtracións do gasoil cheguen directamente ao mar”.

Miguel Fidalgo incidiu que “o único que busca o cuatripartito de esquerdas da Pobra é ocultar o abandono no que teñen a zona e tapar a súa lamentable xestión buscando culpables na Xunta, que non tivo nada que ver neste problema pero que abriu de inmediato unha investigación e está a poñer medidas para evitar males maiores”.

O Parlamento galego solicita ao Goberno de España que execute con urxencia as obras de humanización da N-550 ao seu paso pola Ponte en Padrón

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que execute con carácter de urxencia as obras de humanización do tramo da estrada N-550 ao seu paso pola Ponte, en Padrón, revisando e actualizando o proxecto realizado no seu día para, de ser o caso, incorporar todas as obras necesarias para a mellora da seguridade viaria e peonil, renovación da sinalización e mellora da iluminación deste treito.

O deputado popular Ángel Rodríguez manifestou que “estamos a falar dunha actuación necesaria por razóns de seguridade viaria, xa que as estatísticas de mobilidade apuntan que por este treito da N-550 circulan diariamente, de luns a venres, unha media de preto de 14.500 vehículos, entre turismos e camións”. “Estamos, polo tanto, ante unha das principais arterias de Padrón, que canaliza o tráfico rodado desde Pontevedra de todos aqueles usuarios e usuarias que fuximos das peaxes da autoestrada AP-9”, apuntou.

SEGURIDADE VIARIA DEFICITARIA

En concreto, Ángel Rodríguez lamentou “a deficitaria seguridade viaria na zona, con múltiples fochancas, deterioro xeral do pavimento, desgaste da pintura da sinalización horizontal, insuficiente iluminación e graves carencias en materia de accesibilidade e seguridade peonil”. “A esta situación engádese que moitos dos peóns que pasan por esa zona son peregrinos que empregan esta vía para acceder ao centro de Padrón”, manifestou.

Na súa intervención, Rodríguez afirmou que “levar a cabo esta actuación suporía tamén saldar unha débeda histórica con Padrón, xa que pasaron máis de 25 anos desde que se iniciou o expediente de expropiación dos terreos para levar adiante esta obra”. Ademais, lembrou o acordo aprobado en 2017 no Parlamento galego que demandaba ao Goberno de España aprobar o proxecto e execución das obras de humanización da estrada N-550 ao seu paso polo lugar da Ponte en Padrón”.

Ángel Rodríguez subliñou que o Goberno de Mariano Rajoy incorporara nos orzamentos do Estado para o ano 2019 unha partida orzamentaria de 4,05 millóns de euros para a mellora da travesía da N-550 en Padrón, “pero a chegada do Goberno de Pedro Sánchez, co apoio do BNG, supuxo a desaparición desta actuación dos orzamentos xerais do Estado”. “E así chegamos ao día de hoxe, cunha situación desta travesía moito peor debido ao desgaste das infraestruturas e a un mantemento deficiente”, dixo.

O Parlamento de Galicia reclama ao Goberno central o remate inmediato da dragaxe da ría do Burgo, corrixindo todas as deficiencias detectadas pola Confraría de Pescadores de A Coruña

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno de España, en particular ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a finalización inmediata dos traballos de saneamento e recuperación da ría do Burgo, nos termos previstos no proxecto orixinal, e a corrección de todas as deficiencias detectadas pola Confraría de Pescadores de A Coruña na execución dos traballos realizados durante a dragaxe desta ría e que están a xerar un impacto significativo nos bancos marisqueiros reducindo a superficie produtiva e poñendo en risco a sustentabilidade da actividade.

O deputado popular Jesús María Fernández Rosende lembrou que “a ría do Burgo, como fonte de emprego, riqueza e, desde logo, como orixe dun recurso extraordinario e xeralmente apreciado como son os seus moluscos bivalvos, foi obxecto dunha importante actuación de saneamento, iniciada polo Goberno presidido por Mariano Rajoy”.

PRECISIÓN E DILIXENCIA

“Porén, na execución desta dragaxe, o Goberno socialista de Pedro Sánchez desenvolveu unha actuación deficiente, saneando zonas que non o precisaban, deixando sen actuar outros espazos que si o precisaban e facendo unha extracción de lodos irregular e heteroxénea, ata o punto de provocar que se formasen os denominados fochancos e incluso un aumento das profundidades en diversas áreas, deixándoas fóra do alcance e, polo tanto, de explotación para a acción do marisqueo”, explicou Fernández Rosende.

Por este motivo, o deputado popular considerou “imprescindible que os traballo de dragaxe se retomen, se revise a totalidade da zona na que se actuou e se actúe con precisión e dilixencia, porque é incomprensible que de 27 bancos marisqueiros existentes, 24 quedaran reducidos en ata un 40 por cento”.

Así mesmo, Jesús María Fernández Rosende criticou que os mariscadores afectados por esta dragaxe “aínda están esperando as compensacións por inactividade derivada da obra que lles debe o Goberno socialista de Pedro Sánchez, a pesar de que entre o orzamento inicial da dragaxe e o gasto final aforráronse arredor de 14 millóns de euros, que non se utilizaron para indemnizar aos mariscadores”.

“É intolerable que se lle dea preferencia ao ornamental e aos paseos marítimos sobre o vital, que é o sustento das máis de 60 familias dependentes do marisqueo na ría do Burgo, que se manteñen firmes na súa pretensión de volver aos arenais, para o que terán todo o apoio da Xunta de Galicia e do Partido Popular”, rematou o deputado popular.

O Grupo Popular demanda ao Goberno central un sistema de protección ao consumidor coa incorporación de novas prácticas comerciais

O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que se pide ao Goberno de España que regule un sistema de protección ao consumidor baseado na incorporación de novas prácticas comerciais, principalmente nos eidos da contratación e na baixa de servizos, a responsabilidade pola información que se ofrece aos consumidores e na comunicación anticipada das variacións que se vaian a producir nas primas ou no alcance das coberturas no ámbito do seguros.

Os deputados populares Jesús María Fernández Rosende e Felisa Rodríguez reuníronse coa presidenta e vicepresidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de A Coruña, Rosa Celia Otero Raña e Margarita del Castillo Guzmán, respectivamente, a quen avanzaron o contido desta iniciativa parlamentaria coa que o Grupo Popular pretende avanzar nos dereitos e n a protección dos consumidores nas súas relacións coas entidades prestadoras de servizos.

BOAS PRÁCTICAS COMERCIAIS

“Consideramos que as prácticas abusivas coas persoas consumidoras poden corrixirse incorporando boas prácticas comerciais, como é o feito de que a empresa, por propia iniciativa, aplique aos seus clientes consolidados os servizos e tarifas vixentes máis baixas que ofrecen a potenciais novos clientes”, sinalaron os deputados populares.

En concreto, a proposta do Grupo Popular solicita que se estableza a obriga de que todas as compañías de servizos comuniquen aos seus clientes e, no seu caso, apliquen por defecto, as tarifas vixentes máis baixas polos servizos xa contratados ou que contraten, sen necesidade de ter que facer unha solicitude previa en ámbitos tan variados como a telefonía, os seguros, a electricidade ou o subministro de gas, entre outras.

Tamén se pide que exista un procedemento de baixa dos servizos contratados como mínimo tan áxil como o previsto para as altas, sen dilacións e atrancos indebidos que van en contra dos dereitos das persoas consumidoras.

No eido da contratación electrónica, a iniciativa do Grupo Popular demanda que se estableza un réxime de responsabilidade pola información que se ofrece ás persoas consumidoras cando se opera a través de intermediarios e non se corresponde co prezo final ou co contido e características do servizo ofertado.

Por último, no ámbito específico dos seguros, solicítase ao Goberno central que reforce a obriga de información das compañías cara aos seus clientes respecto da comunicación anticipada das variacións que se vaian a producir nas primas e os motivos que xustifican os posibles incrementos, así como unha maior flexibilidade para definir o alcance das coberturas para poder prescindir de prestacións innecesarias cando non so obrigatorias.

O PPdeG salienta que máis de 81.000 maiores da provincia de Lugo xa se poden beneficiar dos descontos e facilidades do Carné +65

Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato salientaron hoxe que máis de 81.000 maiores da provincia de Lugo (8.000 na comarca de Lemos) xa se poden beneficiar dos descontos e as facilidades para o acceso a servizos culturais, de ocio ou sanitarios que ofrece o Carné +65. Neste momento, preto de 800 establecementos de toda Galicia, dos que máis dun cento atópanse na provincia de Lugo (13 na comarca de Lemos), xa están adheridos a esta iniciativa da Xunta.

Raquel Arias e José Manuel Mato reuníronse co director do Hotel-Balneario Augas Santas de Pantón, Santiago Villanueva, e animaron a todos os maiores da provincia de Lugo a beneficiarse das vantaxes do Carne +65, que ofrece descontos directos de ata un 30 por cento nunha ampla variedade de servizos e establecementos turísticos, comerciais e de ocio de toda Galicia.

TOTALMENTE GRATUÍTO

O Carne +65 é totalmente gratuíto e os usuarios poden acollerse ás vantaxes que neste momento xa ofrecen arredor de 700 establecementos de toda Galicia, unha cifra que está previsto se achegue ao milleiro ao remate do presente ano.

Os deputados populares explicaron que “todas persoas de 65 ou máis, que estean empadroados en Galicia, están a recibir ou xa recibiron o Carné +65 nos seus domicilios”. “No caso de non ser así, poden solicitalo a través da dirección de correo electrónico xestion.carne65.maiores@xunta.gal, e seralles remitido á dirección que o soliciten”, indicaron.

Así mesmo, os establecementos que desexen adherirse a esta campaña poden facelo directamente a través da páxina web habilitada pola Consellería de Política Social para coñecer todo sobre o Carné +65 (https://politicasocial.xunta.gal/sites/w_polso/files/carne65/), espazo dixital no que tamén se pode consultar os establecementos participantes e os descontos que ofrecen aos usuarios. Todos eles disporán dun distintivo para que os clientes coñezan que participan nesta iniciativa.

O PPdeG contrapón as axudas da Xunta para os gandeiros afectados polos ataques do lobo co desinterese amosado polo Goberno central

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, e a tamén deputada popular Magdalena Pérez salientaron as axudas dispostas pola Xunta para os gandeiros afectados polos ataques do lobo, que este ano se incrementaron nun 49 por cento. Porén, lamentaron “o desinterese do Goberno central na protección e apoio destes gandeiros, desde a súa defensa par o mantemento do lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial ata o castigo á Comunidade galega ao negarlle o abono de 8 millóns de euros por non ter asinado a Estratexia Nacional do Lobo”.

Nunha visita á explotación gandeira Nuveira no concello coruñés de Mazaricos, acompañados do portavoz do PP neste concello, José Manuel Caamaño, Gonzalo Trenor lembrou que o Goberno galego destinará este ano unha partida de 5,9 millóns de euros a paliar e prever os danos ocasionados pola fauna silvestre e para garantir a súa convivencia coas actividades do medio rural.

BO ESTADO DE CONSERVACIÓN

Respecto das axudas para compensar os danos do lobo, as axudas incrementáronse este ano un 49 por cento, ata superar os 910.000 euros. En concreto, os afectados poderán acollerse a estas axudas para afrontar os gastos veterinarios da eutanasia dos animais atacados como para posibles abortos derivados do acto de depredación.

“Os gandeiros e agricultores tamén dispoñen de axudas da Xunta para implantar medidas de prevención que eviten o ataque do lobo ou doutras especies silvestres, para o que existe unha partida orzamentaria superior aos 2,5 millóns de euros”, apuntou o portavoz de Medio Ambiente. Con esta liña de subvencións finánciase desde a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, ata pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada.

Gonzalo Trenor e Magdalena Pérez lamentaron “o escaso apoio que desde o Goberno central recibiron os gandeiros ante os ataques do lobo, incluíndo esta especie no listado do Lespre e que supuxo un incremento do número de manadas nestes últimos anos”. No caso de Galicia, o aumento foi dun 37 por cento e que o lobo se estendera pola práctica totalidade da xeografía galega, o que trouxo aparellado unha suba do 77 por cento do número de avisos por danos e un 57 por cento do número de reses afectadas.

“Felizmente, a situación variou totalmente coa aprobación no Congreso da rebaixa da protección do lobo ao norte do río Douro, unha decisión que corrixía a errada decisión adoptada polo Goberno de Pedro Sánchez en 2021 e que mantivo todo este tempo malia que a Comisión Europea e o Convenio de Berna se mostraron favorables a rebaixar a protección desta especie, ao entender que se atopaba nun bo estado de conservación”, explicou Gonzalo Trenor.

O PPdeG pide aos concellos aplicar os contratos reservados a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción

Os deputados do Grupo Popular Noelia Pérez e Argimiro Marnotes pediron hoxe aos concellos aplicar os contratos reservados a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, reforzando o compromiso municipal coa igualdade de oportunidades e coa integración laboral das persoas con diversidade funcional. Ademais, demandaron ao Goberno central un esforzo adicional para compensar o impacto da recente suba do salario mínimo interprofesional no financiamento dos custos salariais destes centros de emprego.

No transcurso dunha visita ao centro especial de emprego Aspamadis de Ourense, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes agradeceron o labor que desenvolven estas entidades sociais, “que cada día demostran que outra forma de facer empresa é posible”.

Os deputados popular lembraron que a lexislación vixente establece a posibilidade de que os concellos reserven contratos ou determinados lotes dos mesmos a centros especiais de emprego de iniciativa social ou a empresas de inserción. Deste xeito, afirmaron que “a reserva de contratos constitúe unha ferramenta esencial para avanzar na integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, garantindo oportunidades reais de acceso ao emprego para estes colectivos que atopan maiores barreiras no mercado laboral ordinario”.

OPORTUNIDADE FUNDAMENTAL

“Poren, ben sexa por descoñecemento, por falta de vontade política ou pola ausencia de directrices claras, moitos concellos están a deixar pasar unha oportunidade fundamental para promover a inclusión social desde a contratación pública”, sinalaron os deputados populares, polo que consideraron “necesario que a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias colaboren para informar e incentivar aos concellos ofrecéndolles ferramentas útiles e apoio técnico para aplicar os contratos reservados dun xeito eficaz, garantindo a legalidade e cumprindo que os dereitos de as persoas máis vulnerables sexa unha prioridade real”.

Durante a visita, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes tamén analizaron o impacto que terá sobre a competitividade dos centros especiais de emprego o incremento do salario mínimo interprofesional aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez fóra do diálogo social e sen unha avaliación previa do seu efecto nos diferentes axentes do mercado laboral.

“Non se pode esixir ás entidades sociais que sigan facendo un traballo esencial sen garantirlles os recursos necesarios para soster os seus custos”, afirmaron. Así, demandaron ao Goberno central “un esforzo adicional par compensar o impacto da recente suba do salario mínimo interprofesional no financiamento dos custos salariais dos centros especiais de emprego e das empresas de inserción”.

O Parlamento galego solicita a posta en marcha do Plan Estratéxico do Comercio

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a posta en marcha o antes posible do Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 co fin de abordar os principais desafíos aos que se enfronta o sector, en coordinación coas administracións e da man do sector.

A deputada popular Felisa Rodríguez explicou que o sector do comercio galego abrangue máis de 32.000 establecementos comerciais, un feito que sitúa a Galicia na quinta posición entre as comunidades autónomas con maior número de empresas de comercio retallistas, empregando a preto de 107.000 persoas.

“O Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 é unha folla de ruta que naceu do consenso colectivo e da escoita e as achegas do sector”, salientou a deputada popular, que apuntou que “se vertebra en 16 medidas que se concretan en 74 accións específicas, para as que se destinarán nos vindeiros seis anos 320 millóns de euros”.

En concreto, un primeiro eixo deste plan vai dirixido á mellora da competitividade, co impulso da dixitalización, a modernización dos espazos comerciais, o incremento da capacitación profesional, o impulso do emprendemento e a continuidade dos negocios viables ou a remuda xeracional.

En segundo lugar, fomentarase unha maior visibilización do comercio, a través de figuras clave como os centros comerciais abertos, as prazas de abastos, o comercio ambulante ou os obradoiros artesanais.

Por último, en terceiro lugar, potenciarase a colaboración institucional e a gobernanza, coa creación da nova Mesa do Comercio Galego; a cooperación con entidades como a Federación Galega de Municipios e Provincias, as cámaras de comercio e os recintos feirais; ou o reforzo do labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a favor dos dereitos das persoas consumidoras.

Alberto Pazos cualifica de “nova aldraxe” do Goberno central a redución do 25% do financiamento do Plan Corresponsables, que se suma aos 2.500 millóns que debe a Galicia polos servizos da dependencia

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe a decisión do Goberno central de reducir un 25 por cento o seu financiamento do Plan Corresponsables, “unha nova aldraxe ás políticas sociais que prestan as comunidades autónomas e que no caso de Galicia se suma aos máis de 2.500 millóns de euros que o Estado nos debe pola prestación dos servizos da dependencia”.

Alberto Pazos informou que o Grupo Popular presentou unha iniciativa no Parlamento galego a través da que se esixe ao Goberno central, e máis en concreto ao Ministerio de Igualdade, que manteña o financiamento íntegro e estable da totalidade do Plan Corresponsables, sen recortes ni demoras para que as comunidades poidan continuar prestando os mesmos servizos de conciliación familiar que viñan facilitando desde a súa posta en marcha no ano 2021.

XA SE VÍA VIR

“Estamos a falar dunha decisión que xa se vía vir desde que o Goberno de Pedro Sánchez anunciou o pasado ano que o financiamento deste plan, que ía ser bianual, so cubría o 2024, deixando as posibles aportacións para presente ano 2025 no aire”, lembrou o portavoz popular, quen lamentou que “as sospeitas convertéronse en realidade hai poucos días cando na Comisión Sectorial de Igualdade se comunicou aos representantes das comunidades autónomas que o Plan Corresponsables ía contar cun 25 por cento menos de orzamento”.

Ademais, Pazos considerou “máis grave que teñan que ser as propias comunidades autónomas as que asuman este recorte, poñendo do seu peto ese 25 por cento que nos quitan, coa ameaza de que, de non facelo, as comunidades non recibirán carto algún do goberno para a realización deste programa”. “Esta decisión adóptase cando os orzamentos autonómicos, como é o caso de Galicia, xa están executados nunha porcentaxe moi importante ou, na maioría dos casos, xa comprometidos noutras actuacións sociais, o que complica, aínda máis, a dotación dos fondos necesarios desde a Xunta para a realización deste Plan Corresponsables”, explicou.

UN AGRAVIO MÁIS CON GALICIA

O portavoz popular manifestou que esta decisión “supón un agravio máis e un novo prexuízo para as políticas sociais das que gozan todos os galegos, que se suma ao incumprimento da Lei de dependencia e á débeda de máis de 2.500 millóns de euros que xa ten con Galicia pola atención ás persoas dependentes”.

Neste sentido, asegurou que “imos seguir demandando ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra con Galicia e lle outorgue un trato semellante ao das demais comunidades autónomas, especialmente no caso dos máis de 2.500 millóns de euros que nos debe pola prestación dos servizos de dependencia, porque a súa submisión aos deputados vascos para manterse na Moncloa derivou esta mesma semana noutro novo desprezo a Galicia, ao facerse público que o Goberno de Pedro Sánchez comprometeuse, nun acordo bilateral asinado para manterse no Goberno, a achegar ao País Vasco o 50 por cento do financiamento dos servizos da dependencia”.

Alberto Pazos engadiu que, fronte a este trato de privilexio ao País Vasco, “en Galicia sufrimos o pasado ano unha nova rebaixa da aportación do Goberno central para a prestación dos servizos da dependencia, ao pasar dunha achega do 40 por cento no ano 2023 ao 34,9 por cento do pasado ano 2024”. “Son máis de 5 puntos que o Goberno de Pedro Sánchez lle restou ao financiamento da atención aos dependentes galegos, unha nova burla para todas estas persoas que precisan destes servizos e que non se merecen que o Goberno de España os trate como cidadáns de segunda”, lamentou.

Por último, e referíndose á sesión plenaria celebrada esta semana no Parlamento de Galicia, Pazos recordou que “asistimos, unha vez máis, ao teatro ao que nos teñen acostumados os socialistas galegos: votando en Galicia, unha e outra vez, a favor de solicitar a transferencia da AP-9 á nosa Comunidade pero boicoteando, semana tras semana, e xa van 48 prórrogas, a tramitación no Congreso da proposición de Lei que faría realidade este traspaso”.

“Hai que ter moi pouca vergoña para non poñerse colorados cando os socialistas pulsan no Parlamento galego o botón a favor da transferencia ou para pedir á Mesa do Congreso que facilite a tramitación da proposición non de lei, sabendo de antemán que a situación non vai mudar porque a Presidenta socialista do Congreso vai seguir aprazando sine die a tramitación do traspaso da AP-9 a Galicia porque o Goberno de Pedro Sánchez non está pola labor de levala adiante”, afirmou.