O PPdeG salienta que a Xunta dispón de axudas de ata 200.000 euros para os viticultores afectados polos incendios forestais

Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira, Enrique Barreiro e Raquel Arias, acompañados do alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, visitaron hoxe distintas zonas de viñedo deste concello lucense afectadas polos incendios forestais e salientaron “a axilidade e o forte compromiso da Xunta coa rehabilitación dos espazos que resultaron queimados, que se traduce en que calquera produtor afectado polo lume pode acceder ata un máximo de 200.000 euros de subvención para recuperar a súa explotación, ademais de 12.700 euros por hectárea afectada polos incendios”.

Os deputados populares contrastaron “o importante esforzo económico que realiza a Xunta para paliar as consecuencias dos incendios forestais coas axudas ridículas que o Goberno de Pedro Sánchez porá enriba da mesa: un máximo de 10.000 euros de axuda directa por explotación e o abono dunha parte do seguro agrario”.

“Pero é que seguimos esperando a que o Goberno de España cumpra a súa promesa de actualizar as contías das axudas para, en principio, adecualas aos danos que causaron os incendios, xa que os importes que se concederán son os que aparecen nunha normativa que data de hai 20 anos e nunca se actualizou”, sinalou Nicole Grueira.

DILIXENCIA

Pola súa banda, Raquel Arias agradeceu ao operativo de loita contra os incendios, os veciños e voluntarios que participaron na extinción dos incendios, e lembrou que tanto desde o Concello de Pantón como desde o de Sober se axudará aos afectados na tramitación das axudas.

Así mesmo, manifestou que “esperamos que o Goberno de Pedro Sánchez sexa máis dilixente coas axudas para os afectados polos incendios forestais en Galicia que o está sendo para paliar os danos provocados hai catro anos pola erupción do volcán na illa da Palma: a día de hoxe, milleiros de familias seguen malvivindo en aloxamentos provisionais, pequenos empresarios seguen esperando unha resposta ás súas demandas e os agricultores e gandeiros continúan sen recibir as compensacións polos danos que sufriron as súas explotacións”.

“O mínimo que lle pedimos ao Goberno de Pedro Sánchez é un esforzo económico semellante ao que está a facer o Goberno galego para axudar aos afectados polos incendios, que dispuxo de inmediato dun amplo paquete con oito liñas de axudas destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e apícolas”, dixo o deputado Enrique Barreiro.

O Parlamento de Galicia demanda seguir reforzando o desenvolvemento educativo e persoal do alumnado de etnia xitana

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita á Xunta de Galicia que siga reforzando as liñas de actuación dirixidas a favorecer o desenvolvemento educativo e persoal do alumnado de etnia xitana, promovendo a súa inclusión e loitando contra os prexuízos e estereotipos que aínda poidan existir.

O deputado popular Raúl Santamaría salientou que “Galicia deu pasos firmes, recoñecidos por entidades e pola propia comunidade educativa na inclusión do alumnado de etnia xitana, e queremos que esa senda se consolide e reforce”.

VANGARDA EN INCLUSIÓN

Neste sentido, lembrou a posta en marcha pola Xunta da Estratexia de Inclusión Educativa 2030, “que marca un modelo educativo inclusivo, equitativo e de calidade, e que inclúe iniciativas pioneiras como o proxecto piloto Impulso Mentor dirixido especificamente ao alumnado de etnia xitana”.

“Galicia debe continuar sen vangarda en inclusión, de xeito que ningunha alumna nin alumno quede atrás por cuestións de etnia, orixe ou condición social”, incidiu o deputado popular, quen recordou que “o noso sistema educativo é recoñecido pola súa calidade, pero queremos que tamén o sexa pola súa humanidade e pola súa capacidade de integrar a todos”.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que permita a participación activa das comunidades autónomas na Conferencia Mundial sobre Políticas Culturais que terá lugar en Barcelona

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada polo PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central que reconsidere a participación das comunidades autónomas na Conferencia Mundial sobre Políticas Culturais e Desenvolvemento Sustentable 2025 (Mondiacult), outorgándolles a posibilidade de participar activamente con dereito a voz e voto.

A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Carmen Pomar, manifestou que esta conferencia mundial é “unha ocasión única para facer balance do que se ten logrado a escala nacional, rexional e internacional trala adopción da Declaración de Mondiacult, que veu definir un conxunto de dereitos culturais que deben estar garantidos”.

“Ante unha oportunidade de gran calado como esta, as comunidades autónomas, como posuidoras das competencias exclusivas nas principais materias culturais, deberían participar activamente, non só formulando achegas senón tamén tomando parte no proceso de toma de decisións”, sinalou Carmen Pomar.

Porén, lamentou que “o Ministerio de Cultura optou unicamente por convidas ás comunidades autónomas a participar sen voz nin voto, e unicamente de xeito indirecto a través dunha caixa de correo electrónica”.

“Os agravios do Goberno central pretenden, unha vez máis, silenciar ás comunidades autónomas impedindo, neste caso, a súa participación activa nunha conferencia mundial sobre políticas culturais que se vai celebrar, mal que lle pese aos independistas cataláns, en Barcelona”, criticou a portavoz popular, quen avanzou que Galicia estará presente coa presenza do conselleiro de Cultura e o director xeral de Cultura.

O Parlamento pide ao Ministerio de Agricultura que suavice os requisitos e tramitación das axudas para a promoción do viño en terceiros países

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que suavice os requisitos e a tramitación das axudas da medida da intervención sectorial do viño na liña de promoción do viño en terceiros países, tanto no ámbito do programa coas actuacións a desenvolver como nas penalizacións sobre os cambios desta previsión de actividade.

O deputado popular Juan Casares destacou “a evidente mellora experimentada durante as últimas décadas polo sector vitivinícola galego, sobre todo no que atinxe aos procesos de elaboración e á calidade do produto final, que, acompañado do dinamismo dos consellos reguladores, posibilitou un crecemento notable das vendas de viños de calidade tanto na Unión Europea como en terceiros países”.

Porén, lamentou “a debilidade da capacidade exportadora do sector vitivinícola galego, con pouco máis de 140.000 hectolitros exportados na campaña 2024-25, o que representa o 2,25 por cento do conxunto de España se falamos de viños con selo de calidade diferenciada”.

CONDICIÓNS ESTRITAS

Juan Casares lembrou que “as políticas agrarias das administracións públicas, nomeadamente a Unión Europea, apoian os investimentos en viñas e adegas con diversas axudas desde hai máis de 20 anos”. En concreto, referiuse á axuda máxima do 50 por cento destinada á intervención nas actividades de promoción e comunicación en terceiros países, que entre os anos 2018 e 2025 supuxeron en Galicia un gasto público total de 9,61 millóns de euros, cun importe medio por beneficiario que pasou dos 39.000 euros en 2018 aos 71.000 en 2025.

“As estritas condicións de concesión destas axudas, xa que os beneficiarios deben presentar un programa coas actuacións a desenvolver, o que esixe un nivel de previsión e de capacidade de xestión que poucas adegas galegas posúen por tamaño e recursos, así como as penalizacións sobre os cambios destes programas aprobados, derivaron nunha tendencia á baixa do número de expedientes aprobados, que pasaron de 25 en 2018 a 18 en 2025, xunto cunha concentración de beneficiarios na denominación de orixe Rías Baixas”, explicou.

Por este motivo, Casares considerou necesario apoiar a demanda que xa trasladou a Consellería do Medio Rural ao Ministerio de Agricultura para que faga a axuda “máis sinxela e accesible, menos esixente e cun orzamento maior, de xeito que poidan acollerse un maior número de adegas e evitar a concentración de beneficiarios que se presentan todos os anos”.

O Parlamento de Galicia demanda incentivar a promoción dos produtos de proximidade nos mercados locais galegos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se demanda incentivar a promoción de produtos de proximidade nos mercados locais dos concellos galegos mediante apoios e subvencións específicas dirixidas a esta finalidade.

A deputada popular Nicole Grueira expresou “o firme compromiso cos produtos de calidade diferenciada e de proximidade, xa que son os mellores embaixadores da Galicia calidade dentro e fora das nosas fronteiras”. “Son símbolos dunha Galicia que conserva, que innova e que comparte, e dunha Galicia que hai que coidar”, indicou.

“É importante mercar e consumir produtos de proximidade polo que representan e polas múltiples vantaxes que ofrecer, tanto para os consumidores; como para a transparencia sobre a súa orixe, prácticas de produción ou trazabilidade; para o medio ambiente; e para o rural galego, porque cada vez que compramos un produto de calidade diferenciada estamos apoiando ás explotacións agrogandeiras, ás pequenas industrias agroalimentarias e aos profesionais que os traballan e manteñen vivos os nosos territorios”, manifestou.

FEIRAS TRADICIONAIS

Nicole Grueira considerou “unha prioridade promover a produción e o consumo destes produtos de proximidade e calidade diferenciada” e referiuse, en concreto, ao “compromiso firme da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que traballa para incentivar a súa promoción e divulgación nos mercados locais dos nosos concellos a través de apoios e subvencións específicas, que só neste ano 2025 ascenderon a 1,2 millóns de euros”.

Para rematar, a deputada popular afirmou que “se hai un espazo perfecto para poñer en valor os produtos locais e de proximidade son as feiras tradicionais, que forman parte da nosa vida comercial, cultural e social, e son un escaparate único para promocionar os produtos agroalimentarios galegos”. “Son lugares onde a xente proba, fala cos produtores e coñece a súa historia e comprobade primeira man o que significa Galicia Calidade”, sinalou.

Alberto Pazos denuncia os novos ataques do Goberno central a Galicia deixando a Lugo fora da nova planificación enerxética e con recursos contra a repotenciación eólica e a atención aos dependentes

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, denunciou hoxe os novos ataques realizados polo Goberno central para prexudicar o futuro do sector industrial galego e a atención que reciben as persoas dependentes. En concreto, avanzou que “solicitaremos que a provincia de Lugo non quede fora da nova planificación eléctrica estatal ata 2030”, ao tempo que considerou “incompresible” o recurso de inconstitucionalidade que o Goberno de Pedro Sánchez anunciou para paralizar a repotenciación dos parques eólicos e as homologacións automáticas dos expedientes de dependencia e discapacidade que se realizan en Galicia.

Alberto Pazos lembrou que a nova planificación eléctrica prevista ata 2030 “atende razoablemente as demandas realizadas desde o Goberno galego para as provincias de A Coruña, Pontevedra e Ourense, pero deixa fora e sen a posibilidade de albergar novos proxectos industriais no futuro a toda a provincia de Lugo”.

CASTIGO POLÍTICO A LUGO

“É intolerable que a decisión política e sectaria de vetar a posta en marcha do proxecto de Altri en Palas de Rei, conleve que toda unha provincia como a de Lugo se quede fora do mapa industrial galego, condenándoa a que nos próximos anos non se poida instalar ningunha industria de mediano ou gran tamaño en territorio lucense por falta dun subministro eléctrico axeitado”, manifestou.

Deste xeito, anunciou que desde o Grupo Popular “non imos permanecer parados ante esta situación e desde o Parlamento galego imos solicitar que Lugo non quede á marxe da nova planificación eléctrica estatal”, porque afirmou que esta decisión “só se entende como castigo político a esta provincia, precisamente a provincia á que representa o secretario xeral dos socialistas galegos, que sorprendentemente anunciou a bombo e prato esta decisión do Goberno central como unha gran vitoria para botar abaixo o proxecto de Altri aínda que sexa a costa de enterrar o futuro industrial da súa provincia”.

“Lugo non merece que os seus representantes poñan os seus intereses políticos por enriba dos intereses de todos os lucenses, e o señor Besteiro demostrou o pouco que lle importan os lucenses e o moito que lle debe a Pedro Sánchez para seguir na política galega”, lamentou.

RECURSOS DE INCONSTITUCIONALIDADE

O portavoz popular engadiu que, “se a decisión do Goberno central de deixar a Lugo fóra da planificación eléctrica para os anos 2025-2030 é preocupante, non o é menos o anuncio de que presentará recurso de inconstitucionalidade polos artigos da Lei de acompañamento que aprobamos o pasado ano e que recollen medidas no ámbito da dependencia e do sector eólico”.

Alberto Pazos considerou “incomprensible que o Goberno de Pedro Sánchez vaia presentar un recurso de inconstitucionalidade o proceso de homologacións automáticas dos expedientes de dependencia e discapacidade, unha medida que copiou para implantala a nivel estatal e que nos oito primeiros meses deste ano permitiu que en Galicia se recoñecese o grao de discapacidade sen ter que facer papeleo algún a máis de 9.300 persoas dependentes”.

Neste sentido, criticou que esta medida “non pode paralizarse por unha decisión arbitraria do Goberno de Pedro Sánchez, que parece máis preocupado pola perda de recadación que suporá a implantación destas homologacións automáticas que por axilizar a atención ás persoas dependentes”.

Respecto do recurso de inconstitucionalidade que o Goberno central tamén anunciou contra o proceso de repotenciación dos parques eólicos que está a impulsar a Xunta, Alberto Pazos indicou que esta decisión “paralizará a substitucións dos aeroxeneradores existentes na actualidade por outros de maior potencia, o que permitirá reducir o número de muíños existentes e a conseguinte contaminación visual”.

“Resulta lamentable que, unha vez superadas as trabas xudiciais que bloqueaban o desenvolvemento do sector eólico en Galicia, sexa agora o Goberno de Pedro Sánchez o que torpedee o futuro deste sector ao recorrer unha medida que só busca reducir o impacto ambiental e aumentar os beneficios económicos e sociais na contorna dos parques eólicos”, manifestou.

O portavoz popular anotou que esta decisión demostra que o Goberno central “está máis do lado dos intereses de determinadas promotoras que non estaban de acordo coa decisión da Xunta respecto da repotenciación dos parques eólicos, que do lado dos cidadáns e do coidado do medio ambiente”.

EXPEDIENTE EUROPEO DA AP-9

Alberto Pazos sinalou que estas medidas adoptadas esta semana polo Goberno de Pedro Sánchez coñecéronse “cando aínda estamos asumindo o seu desinterese para rescatar e facer gratuíta a AP-9, aproveitando o ditame da Unión Europea sobre a nulidade das ampliacións das concesións feitas desta autoestrada”. Así, considerou esta decisión “inexplicable cando, segundo o estudo elaborado pola Xunta, o custo do rescate da autoestrada é semellante ao que se deberá abonar polas peaxes na sombra ata o remate da concesión, co agravante de que cada día que pasa o lucro da concesionaria se incrementa, na mesma medida que se incrementa o prexuízo para os galegos e os seus usuarios”.

Diante desta situación, Pazos criticou que o Goberno de España siga sen facer público o expediente aberto pola Comisión Europea en relación á xestión da AP-9. “Estamos a falar dun expediente que se iniciou hai máis de seis anos e do que non sabemos absolutamente nada, a pesar de que Galicia é parte afectada e temos todo o dereito a coñecer todo o relacionado con este expediente”, manifestou, para demandar que traslade á Xunta toda a información sobre este expediente aberto pola Comisión Europea, de xeito que o Goberno galego poida adoptar as medidas oportunas e poder comprobar, ao mesmo tempo, se as medidas adoptadas polo Goberno de España foron as correctas e en beneficio de todos os galegos”.

O Parlamento de Galicia rexeita o acordo do Goberno central co Goberno de Cataluña que condiciona calquera sistema de financiamento das comunidades autónomas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se rexeita o acordo bilateral do Goberno de España co Goberno autonómico de Cataluña, pactado ao marxe do Consello de Política Fiscal e Financeira, e que condiciona de inicio calquera sistema de financiación das comunidades autónomas de réxime xeral. Neste sentido, demándase o impulso dun diálogo construtivo e multilateral no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira para abordar, entre todas as comunidades, a reforma do sistema de financiamento autonómico, buscando unha repartición equitativa e xusta dos recursos, que preserve a autonomía fiscal, a solidariedade e o equilibrio interterritorial, e que garanta que todos os cidadáns accedan en condicións de igualdade aos servizos públicos con independencia do territorio no que residan.

O deputado popular Gonzalo Trenor asegurou que “Galicia sae perdendo como consecuencia da cesión do Goberno de Pedro Sánchez en favor dos intereses dos independentistas cataláns, coa creación dun cupo separatista e un novo sistema fiscal propio non previsto na Constitución”. En concreto, lembrou que unha primeira aproximación realizada polo Goberno galego estimou en 627 millóns de euros ao ano o que perdería a Comunidade galega polo financiamento singular de Cataluña, chegando aos 2.000 millóns de euros se este modelo se estende ao resto de comunidades autónomas.

NOVO AGRAVIO PARA GALICIA

“A inconcreta vontade do Goberno de España de tentar compensar ao resto de comunidades autónomas, lonxe de corrixir esta situación, permite adiviñar un novo agravio para Galicia, xa que nos veriamos prexudicados por facer nestes anos o que se espera dunha Administración responsable: limitar o nivel de endebedamento que, no caso de Galicia, foi o que menos creceu de toda España, e que foi todo o contrario do que fixo o independentismo catalán”, sinalou.

Deste xeito, considerou “imprescindible reafirmar o compromiso de todas as institucións públicas coa igualdade de todos os cidadáns e co exercicio do autogoberno en condicións de equidade, evitando calquera disposición lexislativa que beneficie de maneira singular a unha comunidade autónoma en detrimento das demais ou calquera pretensión de negociar o sistema de financiamento fóra do marco multilateral”.

O deputado popular incidiu que “Galicia nin pode, nin debe, asistir con resignación e en silencio á substitución do Estado das Autonomías, tal e como o coñecemos hoxe, por un réxime de intereses ideolóxicos, partidistas e persoais”, polo que reclamou “un trato autenticamente equitativo e un sistema de financiamento que garanta que os servizos públicos e as infraestruturas cumpran cos mesmos estándares de calidade en todas as autonomías e no conxunto do territorio”.

O Grupo Popular salienta que o 93,3% do alumnado con necesidades educativas especiais de Galicia está matriculado en centros ordinarios, a cifra máis alta entre as comunidades españolas

O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia é a comunidade máis inclusiva de España co 93,3 por cento do alumnado con necesidades educativas especiais matriculado en centros ordinarios”. “Esta situación anima a seguir incorporando melloras, como ser desde o pasado curso a única comunidade autónoma que pondera ao alumnado que presenta necesidades educativas especiais contabilizándoo por dous ou por tres dentro da aula, tanto en educación infantil como en primaria; e desde o pasado 1 de setembro está en marcha a Estratexia de Inclusión, aprobada hai uns meses no Consello da Xunta”, indicou.

Julio García Comesaña afirmou que “no sistema educativo desenvolven actualmente a súa labor máis de 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade, logo de que nos últimos 15 anos se duplicara o número de especialistas tanto de pedagoxía terapéutica como de audición e linguaxe”. “O sistema conta actualmente con máis de 700 profesionais por riba do catálogo aprobado para os centros”, destacou.

MELLORAS PARA O PROFESORADO

Respecto da Estratexia Galega de Inclusión, García Comesaña lembrou que está dotada con 116 millóns de euros ata o 2030 para avanzar en propostas como a creación de ciclos de formación profesional adaptada, en colaboración cos centros de educación especial; a posta en marcha de medidas e programas de acompañamento ao alumnado con necesidades específicas; a mellora da formación do profesorado en activo e do futuro, en coordinación coas facultades; e o impulso de itinerarios formativos adaptados aos ritmos e necesidades do alumnado en risco de abandono.

Por último, o viceportavoz popular asegurou que “o profesorado goza en Galicia de melloras acordadas cos sindicatos que as quixeron” e explicou que “o horario do profesorado de primaria xa se reduciu en Galicia de 25 a 23 horas no curso 2024-25, e o paso de 20 a 18 horas en secundaria tamén está previsto no acordo acadado cos sindicatos”.

O Parlamento pide ao Goberno central que convoque con urxencia o Comité de Coordinación para analizar a repercusión da decisión de Ryanair de reducir a súa actividade en Galicia

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que convoque urxentemente o Comité de Coordinación Aeroportuaria para analizar a repercusión da decisión de Ryanair de reducir a súa actividade en Galicia e buscar solucións ao prexuízo que esta situación causará aos galegos. Así mesmo, pídese que elabore un plan estratéxico dos aeroportos de Santiago, A Coruña e Vigo, que asegure a súa operatividade, a súa viabilidade económica e unha oferta de servizos axeitada ás necesidades de mobilidade dos usuarios; ao tempo que revise as taxas aeroportuarias aplicadas por AENA co fin de favorecer a competitividade dos aeroportos galegos.

Así mesmo, a través desta proposición non de lei manifestouse o apoio aos traballadores e traballadoras obxecto do ERE anunciado por Ryanair para o persoal do aeroporto de Santiago de Compostela, por considerar o devandito ERE como totalmente inxustificado, demandando que se realicen as xestións que sexan necesarias ante a compañía aérea para a súa retirada.

O portavoz popular de Turismo, Borja Verea, lembrou que a Administración Xeral do Estado ten a titularidade e as competencias sobre os aeroportos de España, “e quen ten toda a información, todos os recursos humanos, todos os recursos económicos” sobre estas infraestruturas.

PRIMAR O INTERESE PÚBLICO

Por este motivo, afirmou que “AENA e Ryanair terán que solucionar canto antes un conflito económico, no que os prexudicados son todos os galegos”. “Como empresa pública, AENA ten que primar o interese público por enriba do beneficio empresarial, contribuíndo ao equilibrio territorial e potenciando os pequenos e medianos aeroportos”, manifestou.

“Queremos unha Galicia aberta ao mundo e máis universal, polo que non caben discursos irresponsables que levan á confusión”, sinalou o portavoz popular, quen dirixíndose aos deputados do BNG apuntou que “falar de turismo depredador, de masificación ou de saturación e despois enfadarse porque desaparecen conexións aéreas non é coherente nin responsable”.

UNHA GALICIA MÁIS ABERTA AO MUNDO

Neste sentido, cuestionou aos nacionalistas galegos se “queren vostedes máis conexións aéreas e que veña máis xente a Galicia, porque se é que si pidan desculpas polo dito ata agora sobre masificación e saturación; pero se é que non, aplaudan a perda de conexións aéreas e o peche do billa a un exceso de visitantes”.

“A resposta do PPdeG é clara: si a unha Galicia máis aberta ao mundo, máis universal e máis conexións aéreas, porque a perda de conexións aéreas de Ryanair é unha malísima noticia para Galicia e hai que traballar para recuperar esas conexións e conseguir abrir máis”, sinalou Borja Verea.

Para rematar, asegurou que “necesitamos tres aeroportos en Galicia que funcionen, para o que é imprescindible unha planificación eficiente de rutas, mellorando a súa viabilidade e competitividade e, en definitiva, sendo máis útiles e mellores”.

O Parlamento galego condena de forma unánime o ataque ás instalacións do futuro centro de acollida de menores estranxeiros de Monforte

O Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha proposición non de lei, amosar a máis firme e rotunda condena do ataque que sufriron as instalacións do futuro centro de acollida de menores estranxeiros de Monforte. Así mesmo, demándase ao Goberno de España que abandone a súa política de imposición sobre un reparto de menores inxusto e arbitrario, que só beneficia aos seus socios parlamentarios, ao tempo que dote ás comunidades autónomas do financiamento necesario para manter a estes menores migrantes e cumpra de xeito inmediato a orde do Tribunal Supremo de acoller a 1.000 menores solicitantes de asilo que se atopan en Canarias.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, cualificou de “intolerable” o ataque que sufriu en Monforte o centro da Asociación Prodeme que vai acoller migrantes menores e asegurou que “Galicia non vai tolerar actitudes de racismo ou xenofobia”. Así, criticou que “o primeiro que a nivel local amosou a súa incomodidade con que os menores migrantes fosen a Monforte foi o seu alcalde socialista, moi solidario e a favor de que veñan 317 menores a Galicia, pero se algún deles ten que ir para Monforte entón xa hai problemas, a pesar de que a decisión e o reparto vén imposto polo Goberno socialista de Pedro Sánchez”.

“Galicia foi e é unha terra acolledora, e a Xunta e o Partido Popular tamén, como o demostra o feito de que esta Comunidade autónoma teña acollido ata o momento, de forma voluntaria, o 16 por cento dos menores non acompañados, cando por poboación nos correspondería o 6 por cento”, sinalou.

Raquel Arias lembrou que o sistema de reparto dos menores migrantes “funcionaba ata que a principios de 2025 o Goberno de Pedro Sánchez, a través de decretos e logo dun acordo cos independentistas cataláns, aplaudido polo BNG, modificou a Lei de estranxeiría para que o reparto o fixera o goberno e as comunidades o tivesen que aceptar forzosamente”. “Ademais, o PSOE creou un sistema de cálculo para que fosen as comunidades gobernadas polo PP as que acollesen o maior número de menores, deixando tanto a Cataluña como ao País Vasco fora deste reparto”, apuntou.

FINANCIAMENTO E NEGOCIACIÓN

“Deste xeito, será a Comunidade galega a que terá que facerse cargo de absolutamente todos os gastos de vivenda, manutención, roupa, sanidade e educación sen que o Estado nos dea financiamento algún, o que suporá un desembolso para Galicia de 30 millóns de euros ao ano”, indicou.

A portavoz popular incidiu que “a Xunta está a favor de acoller inmigrantes e inmigrantes menores, como veu facendo sempre, pero ese acollemento ten que facerse non pola imposición, senón logo dunha negociación co Goberno; con financiamento por parte do Goberno central; e nun número adecuado ás nosas posibilidades de acollida”.

Neste sentido, explicou que “o noso sistema de acollemento consiste en pequenas residencias repartidas por toda Galicia e na que conviven menores de España e de calquera outra nacionalidade, o que o converte nun dos modelos máis inclusivos e integradores de España”.

Raquel Arias lamentou que “neste momento estas residencias están xa ao 108 por cento de ocupación, polo que a imposición de acollida sen previsión de 317 menores máis irremediablemente nos leva a ter que habilitar residencias con máis capacidade”.