O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que inicie a negociación do novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que solicita ao Goberno central que inicie a negociación do novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, ao tempo que convoque a Conferencia Sectorial de Vivenda, que leva desde o mes de outubro sen reunirse, como foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao autogoberno e a diversidade.

A iniciativa tamén incorpora a solicitude ao Goberno de España para que aumente o orzamento destinado ao Plan Estatal de Vivenda para Galicia en, cando menos, os 380 millóns de euros propostos na Conferencia de Presidentes, asumindo a Xunta a súa parte de cofinanciamento.

A portavoz popular de Vivenda, María Deza, manifestou que “a falta de información respecto do novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 pon en risco as necesarias actuacións que, no seu caso, deben levar a cabo as comunidades autónomas”, polo que afirmou que “ten todo o sentido reiterar a petición de información detallada sobre os diferentes aspectos do futuro plan de vivenda, que a Xunta aceptaría cofinanciar nun 40 por cento, tal e como propón o Goberno de España”.

PROPOSTAS REMITIDAS AO GOBERNO CENTRAL

“Diante desta situación, a Xunta non permanece de mans cruzadas e xa remitiu ao Goberno central as súas propostas para o novo plan estatal, entre as que figuran a demanda dun marco común e flexible; financiamento acorde co esforzo inversor de cada comunidade; cofinanciamento de vivendas de promoción pública en réxime de venda ou alugueiro; axudas á rehabilitación e conservación, á accesibilidade e á mellora da eficiencia enerxética; subvencións para vivenda protexida, para promotores e cooperativistas, tanto en alugueiro como en ventas; mobilización de vivendas baleiras; cesión gratuíta de vivendas e solos da Sareb; ou a revisión da Lei polo dereito á vivenda e da normativa fiscal”, concretou.

María Deza lamentou que as consecuencias da normativa intervencionista implantada polo Goberno de Pedro Sánchez en materia de vivenda están a provocar que unha escalada de prezos, que se traduce nunha suba do 12,7 por cento interanual no prezo da vivenda libre no segundo trimestre de 2025; un déficit acumulado de 515.000 vivendas en catro anos; o descenso da oferta de vivenda en alugueiro de longa estancia nun 36,3 por cento en 2024, mentres a demanda se incrementaba un 26,28 por cento; a redución de máis de 120.000 vivendas comercializadas en dous anos; ou a suba dos prezos dos alugueiros máis do 26 por cento, superando por primeira vez os 1.000 euros de media. “Sen esquecernos das 183.000 vivendas públicas prometidas por Pedro Sánchez, das que a finais de 2024 soamente acadou o 5 por cento do prometido”, incidiu.

“Pola contra, o Goberno galego triplicou neste exercicio o orzamento destinado á vivenda pública e solo residencial ata os 126 millóns de euros; puxo en marcha máis de 2.800 novas vivendas públicas, co obxectivo marcado de duplicar o parque ata as 8.000 ao remate da presente lexislatura; adquiriu e rehabilitou máis de 90 inmobles; e creou a Sociedade Pública de Vivenda para promover a construír vivendas de promoción pública, co reto de construír 2.350 vivendas de promoción pública ata 2028”, salientou a portavoz popular.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central o rescate e liberación de peaxes da AP-9 aproveitando o recente ditame da Comisión Europea

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que, aproveitando o recente ditame da Comisión Europea, acorde o inmediato rescate da concesión e liberalización da peaxe da AP-9 por ser esta a alternativa máis vantaxosa para o interese público, traer aparellados importantes beneficios sociais, ambientais e de seguridade viaria, e por contribuír á mellora da calidade de vida, aforro de tempo e maior competitividade para os usuarios desta infraestrutura.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lembrou o recente ditame da Comisión Europea no que advirte da vulneración das regras comunitarias en materia de contratación pública no proceso de prórroga da concesión da AP-9, ao entender que constitúe unha modificación substancial equiparable á adxudicación dun novo contrato de concesión e, polo tanto, tería que someterse a un procedemento de licitación competitivo.

RENUNCIAR Á OPORTUNIDADE

Desde a notificación do ditame de Bruxelas, o Goberno de España dispuxo dun prazo de dous meses para acatalo e anular a prórroga da concesión ou xudicializar o procedemento ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. “Falta unha semana para que remate este prazo pero o Goberno de Pedro Sánchez xa adiantou que esgotará as opcións de resposta e interporá os correspondentes recursos”, indicou Roberto Rodríguez, quen anotou que “isto supón na práctica que o Goberno de España van levar a concesión da AP-9 ata 2048 ou ata que a xustiza europea resolva, dentro de cinco ou máis anos, o litixio”.

“Non podemos renunciar á oportunidade que supón para Galicia este ditame e a posibilidade dun inmediato rescate e liberación de peaxes na AP-9”, incidiu o portavoz popular, quen lembrou que a avaliación feita pola Xunta cuantifica a estimación actual da indemnización polo rescate en algo máis de 2.300 millóns de euros, cantidade similar á que habería que pagar desde aquí ao final da concesión.

Roberto Rodríguez afirmou que “a partir da vindeira semana a responsabilidade de esgotar a vixente concesión da AP-9 será exclusivamente do Goberno de Pedro Sánchez e do seu socio o BNG”, polo que subliñou que “a partir da vindeira semana entra en vigor a prórroga de Sánchez”.

O Grupo Popular critica que a Xunta estea a aportar máis do 65% do custo da dependencia, cando só lle correspondería o 50%

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, criticou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que “a Xunta estea a aportar máis do 65 por cento do custo da dependencia, cando só lle correspondería o 50 por cento”. Neste sentido, lamentou que o BNG “permita no Congreso que o Estado sufrague o 50 por cento da dependencia no País Vasco mentres que para Galicia destine menos do 35 por cento”.

Raquel Arias salientou que, “a pesar de que o Goberno central debe a Galicia máis de 2.500 millóns de euros para a prestación da dependencia, os gobernos de Feijóo e Rueda conseguiron que se multiplicara por cinco o número de dependentes atendidos, ata superar os 84.000; multiplicar por tres a oferta de prazas de residencias sostidas con fondos públicos; multiplicar por seis as prazas en centros de día; e multiplicar por sete os beneficiarios do servizo de axuda no fogar”.

COMPETENCIA MUNICIPAL

“A Xunta é consciente da importancia do servizo de axuda no fogar, a través do que reciben atención máis de 23.000 persoas con dependencia”, sinalou a portavoz popular, quen lembrou que “se trata dunha competencia municipal por unha lei aprobada polo Goberno bipartito, pero para a que a Xunta aporta este ano 140 millóns de euros”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta ten aberto un novo proceso de negociación coa Fegamp para incrementar as aportacións aos concellos, do mesmo xeito que se fixo en 2021, cando se pasou dunha aportación de 9,7 euros a hora aos 12 actuais.

O Grupo Popular critica que a condonación da débeda “é unha condenación ao contribuínte do resto de España para sufragar a república ensoñada do independentismo catalán”

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a condonación da débeda “é unha condenación ao contribuínte do resto de España para sufragar a república ensoñada polo independentismo catalán”. “Non cabe maior impunidade, ilegalidade e traizón por parte do Goberno de Pedro Sánchez, pero o máis triste é que o BNG se preste a esta trampa”, lamentou, para rematar criticando aos nacionalistas galegos “por defender os intereses de Cataluña antes que os intereses dos galegos”.

Cristina Sanz lembrou que a quita da débeda “non deriva dun acordo negociado co conxunto das comunidades autónomas, senón que é un dos peaxes que Pedro Sánchez ten que pagar por ser investido presidente”. “Galicia non se vai someter ás esixencias do independentismo catalán e á folla de ruta do seu chantaxe a Pedro Sánchez, que pasa pola aprobación da chamada condonación da débeda, como paso previo á aprobación do cupo catalán e dunha financiación singular para Cataluña”, asegurou.

CAMBIO DE MANS

Na súa intervención, a viceportavoz popular volveu botar abaixo os argumentos de BNG e PSdeG para defender a quita da débeda. En primeiro lugar, explicou que “a débeda non se condona, non desaparece nin se volatiliza, porque o que fai é cambiarse de mans: se traslada das comunidades autónomas ao Estado e todos os españois pagaremos a débeda xerada polo derroche independentista catalán”.

“Ademais, a quita non implica maior capacidade de gasto, porque se trata dunha operación exclusivamente financeira e o que se aforra en débeda non xera maior marxe de gasto para outras políticas públicas”, sinalou Cristina Sanz referíndose tanto ao propio anteproxecto de lei, á Lei de estabilidade orzamentaria ou a informes de expertos, como a propia AiREF.

Por último, insistiu que “estamos ante un negocio ruinoso para Galicia, porque tería que asumir uns 600 millóns de euros de débeda doutras comunidades autónomas”. “A cada galego se lle reduce a súa débeda autonómica en 1.477 euros, pero pasa a asumir 1.702 euros da débeda estatal, o que supón un incremento de 225 euros de débeda para cada galego”, explicou. Ademais, criticou que a parte que lle conceden a Galicia desta condonación é o 4,8 por cento do total, cando se o reparto se fixera por poboación corresponderíalle o 5,5 por cento ou se fora por poboación axustada sería o 6,7 por cento.

O Grupo Popular salienta que a nova licitación do transporte escolar suporá un incremento do 12,2% do orzamento destinado a este servizo

A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a nova licitación do transporte escolar en Galicia suporá un incremento do 12,2 por cento no orzamento destinado a este servizo e favorecerá ás pequenas e medianas empresas ao dividir a oferta en lotes máis pequenos.

Cecilia Vázquez asegurou que “o transporte escolar é un servizo esencial e nunca se interrompe por unha licitación, manténdose ata a adxudicación definitiva”. Este servizo “cumpre en Galicia unha función social imprescindible, porque garante o acceso á educación en termos de igualdade, sen barreiras socioeconómicas nin xeográficas”.

En concreto, a portavoz popular lembrou que o transporte escolar en Galicia move diariamente a 80.000 alumnos, en máis de 3.700 rutas e 33.000 paradas repartidas por todo o territorio. “Iso supón un investimento de arredor de 120 millóns de euros anuais, máis do 20 por cento de todo o gasto en transporte escolar de España, cando só representamos o 5 por cento da poboación escolar”, indicou.

O Grupo Popular cualifica de “innecesaria, incompleta e inoportuna” a proposta de lei de iniciativa popular para a reforma dos medios públicos audiovisuais galegos

A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar cualificou hoxe no Pleno do Parlamento galego a proposición de lei de iniciativa popular sobre a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia como “innecesaria, incompleta e inoportuna, na medida en que Galicia conta desde hai escasos meses, e xa está a aplicar, unha novidosa Lei de medios”. “Unha lei que vai máis aló do que propoñen agora, xa que deseña unha plataforma de servizos multimedia do século XXI dotándoa dun marco e das ferramentas necesarias, coa transformación e a innovación como piares, para cumprir con máis eficacia e garantías de futuro”, apuntou.

Carmen Pomar sinalou que esta proposición de lei “chega tarde e chega incompleta, agás que con ela se pretenda alongar e amplificar o ronsel argumentativo da oposición, que neste Parlamento nin está nin se lle espera á hora de achegar propostas viables que resulten de utilidade para a sociedade galega”.

MARCO NORMATIVO ACORDE COA LEXISLACIÓN EUROPEA E ESPAÑOLA

Neste sentido, destacou que a Lei de medios “axustou o noso marco normativo á lexislación europea e española na materia; habilita as fórmulas necesarias para que os medios públicos galegos afronten con éxito retos como a transición dixital; acentúa a pluralidade e buscou o consenso; recoñece e apoia o conxunto do sector audiovisual de Galicia; e blinda a misión de servizo público da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia”.

Na súa intervención, trasladou o respecto á Comisión promotora da proposición de lei que “se limita a propor un sistema de elección e nomeamento do director xeral e do Consello de Administración, cun modelo para dita elección que non é máis eficaz, como o demostra o estrepitoso fracaso do intento de concurso público na Corporación de Radio e Televisión Española”.

Así mesmo, a deputada agradeceu “o esforzo dos profesionais que traballan na CSAG para ter informada á cidadanía galega con rigor e seriedade, cunha cobertura rigorosa, obxectiva e extensa do que acontece en Galicia e en todo o mundo”.

O PPdeG anima aos afectados polos incendios forestais a solicitar as axudas da Xunta para recuperar no posible todo o que perderon

Os deputados do Grupo Popular salientaron estes días, nas visitas realizadas a diferentes puntos de Galicia afectados polos incendios forestais, a importancia dos traballos preventivos na loita contra o lume e a necesidade de que os veciños soliciten canto antes as axudas habilitadas pola Xunta.

Así, Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez visitaron o monte veciñal Cruz de Avelá en Dodro (A Coruña); Raquel Arias e Katy Varela, xunto a deputados do Congreso, percorreron Quiroga (Lugo); Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo mantiveron un encontro con veciños do lugar de Barreiros en A Cañiza (Pontevedra); e Víctor Baladrón e José Luís Ferro desprazáronse ata a comunidade de montes de Cabreiroá en Verín (Ourense).

17 OFICINAS DE INFORMACIÓN

“O Goberno galego é consciente da importancia destes traballos de prevención e mostra disto foron os arredor de 50 millóns de euros que destinou este ano para a realización de traballos de prevención de incendios forestais, o que representa un incremento do 35 por cento nos últimos dez anos» indicaron os deputados populares.

Tamén  incidiron en que “o Goberno galego estivo, está a estará ao carón dos afectados polos incendios, tanto no momento no que ardía o monte como agora poñendo á súa disposición un completo paquete de axudas que xa poden solicitar desde o pasado luns 1 de setembro”.

En concreto, os interesados teñen á súa disposición 17 oficinas de información distribuídas por toda Galicia nas que lles asesorarán e facilitarán a realización das solicitudes, así como o teléfono de información 012 onde poderán consultar calquera cuestión relacionada co procedemento de solicitude.

Estas axudas poderán destinarse tanto para a reconstrución das vivendas que sufriron danos a consecuencia dos incendios, como para a reposición do mobiliario ou os utensilios domésticos afectados. Ademais, hai achegas específicas para a reparación ou substitución de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrarias; a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou para as colmeas superviventes nas zonas afectadas, así como indemnizacións pola morte de gando ou abellas; ou a reparación dos danos causados en pistas forestais, captacións de auga, cerramentos, bebedoiros ou comedeiros.

“É o momento de valorar os danos e facer as correspondentes solicitudes de axuda, tendo presente o compromiso do Goberno galego de axilizar o máximo posible a súa tramitación para que os afectados polos incendios poidan recuperar, na medida do posible e no menor tempo posible, a súa normalidade”, sinalaron.

Alberto Pazos pide a BNG e PSdeG que “deixen de mentir aos galegos coa súa defensa da quita da débeda, un negocio ruinoso para Galicia que suporá que cada galego se endebede en 225 euros máis”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe a BNG e PSdeG que “deixen de seguir enganando aos galegos coa súa defensa da quita da débeda, un negocio ruinoso para Galicia que se traduce en que cada galego se endebede en 225 euros máis”. Así mesmo, demandou ao Goberno central que “aproveite o recente ditame da Comisión Europea, que advirte de que as prórrogas da concesión feitas polo Goberno de España vulneran as regras comunitarias en materia de contratación pública, para proceder ao rescate da concesión e a liberalización das peaxes da AP-9”.

Alberto Pazos pediu aos grupos da oposición que “deixen de enganar aos galegos coas virtuais vantaxes desta quita, porque esta decisión do Goberno central só responde aos seus compromisos asumidos cos independentistas cataláns para garantir o seu apoio tanto á investidura de Pedro Sánchez como de Salvador Illa”. En concreto, referíndose ao BNG demandoulles que “deixen de ser o tonto útil do independentismo catalán e defendan por unha vez os intereses reais de Galicia, recoñecendo que esta quita da débeda é un negocio ruinoso para os galegos que só responde aos intereses de Pedro Sánchez por manterse na Moncloa”.

Na súa intervención, o portavoz popular explicou que coa quita da débeda “cada galego verá incrementada a súa débeda pública en 225 euros, unha cifra que resulta dunha conta ben sinxela: por unha banda, a cada galego se lle reduce 1.477 euros da parte que lle corresponde da débeda galega; pero, ao mesmo tempo, a parte que lle corresponde a cada galego da débeda española se incrementa ata os 1.702 euros”. “É dicir: a quita non é outra cousa que traspasar unha parte da débeda das comunidades autónomas ao Estado”, afirmou.

DESPREZO ÁS POLÍTICAS RESPONSABLES

Ademais, engadiu que “non é so que cada galego vexa incrementada a débeda que lle corresponde respecto do conxunto do Estado, senón que tamén supón un desprezo ás políticas responsables desenvolvidas polo Goberno galego ao premiar a quen xestionou pesimamente e malgastaron os seus recursos”.

“Deixen de mentir cando afirman que esta quita suporá máis cartos para investir en políticas sociais, porque a verdade é que, tal e como e fixa a propia Lei de estabilidade orzamentaria, non se poderá destinar os aforros dos xurros para aumentar o gasto en sanidade, educación ou políticas sociais, ou nas axudas ás vítimas dos incendios”, solicitou a BNG e PSdeG.

Alberto Pazos referiuse tamén ao Pleno do Parlamento de Galicia que terá lugar a vindeira semana, que dará comezo cunha comparecencia do Presidente da Xunta sobre os incendios forestais. Neste sentido, salientou “o traballo e a dedicación do Presidente Rueda ao longo destas últimas semanas, desprazándose diariamente ás zonas afectadas polos lumes e recabando información de primeira man sobre a evolución dos incendios e as medidas que se estaban a tomar, porque a prioridade, como xa se dixo, foron as persoas e as vivendas”.

Así mesmo, puxo en valor “o excelente traballo feito por todos os profesionais, bombeiros, brigadas municipais e persoal da policía autonómica, UME e forzas e corpos de seguridade do Estado que teñen participado nas labores de prevención e extinción e extinción dos lumes, afrontando unha situación que, se non fora pola súa capacidade e efectividade, seguro que estaríamos falando de consecuencias moito peores provocadas por estes lumes de natureza explosiva que este verán arrasaron moitas zonas da nosa Comunidade autónoma”.

“A implicación e o compromiso do Presidente Rueda, e de todo o seu goberno na loita contra os incendios forestais viuse, primeiro, estando en todo momento ao carón dos afectados e do operativo que loitaba contra os lumes, e, agora, coa posta a disposición de todos os galegos que se viron afectados polos lumes un amplo paquete de axudas, que abrangue apoios para a recuperación de vivendas, explotacións agrogandeiras, negocios ou instalacións municipais, que buscan chegar a todos os afectados o máis rápido posible e, ademais, ás que o Goberno galego non lles puxo límite orzamentario”, subliñou o portavoz popular.

RESCATE E ELIMINACIÓN DE PEAXES NA AP-9

Por último, e tamén relacionado coa sesión plenaria da vindeira semana, Alberto Pazos lembrou que o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de Pedro Sánchez que aproveite o recente ditame da Comisión Europea, que advirte de que as prórrogas da concesión feitas polo Goberno de España vulneran as regras comunitarias en materia de contratación pública, para proceder ao rescate da concesión e a liberalización das peaxes da AP-9.

“Estamos convencidos de que, neste momento, esta é a alternativa máis vantaxosa para o Goberno de España, tendo presente, ademais, que o custo que suporía o rescate, arredor de 2.356 millóns de euros na actualidade, é semellante á cantidade que se deberá aboar á concesionaria ata o remate da concesión”, explicou.

Pazos afirmou que “estamos ante unha demanda sensata, viable e que compensará a nivel económico o esforzo que neste momento teña que facer o Goberno central”, e avogou porque o Goberno de Pedro Sánchez teña máis receptividade a esta solicitude que a que lle está dando á tramitación no Congreso da proposición de lei de transferencia da AP-9 a Galicia, “un conto sen fin que xa vai por 54 prórrogas na súa tramitación”.

Alfonso Rueda abrirá o primeiro Pleno do novo período de sesións cunha comparecencia centrada na vaga de lumes que sufriu Galicia este verán

O Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, será o encargado de abrir o primeiro Pleno ordinario deste período de sesións coa súa comparecencia, a petición propia e tamén atendendo unha solicitude do BNG, centrada na vaga de incendios forestais que sufriu a Comunidade galega neste verán, na que dará conta tanto das medidas de prevención levadas a cabo, como do funcionamento do dispositivo de extinción de incendios e, tamén, das axudas que xa están habilitadas.

Así mesmo, o Grupo Popular demandará na sesión plenaria que o Goberno central proceda ao rescate da concesión e á liberalización das peaxes da AP-9, logo do ditame da Comisión Europea sobre as prórrogas da concesión da autoestrada; e que inicie a negociación dun acordo estatal de vivenda 2026-2030, tal e como se comprometeu Pedro Sánchez antes da Conferencias de Presidentes celebrada no mes de xuño.

“Transparencia e información foi a máxima que guiou nestas últimas semanas as accións realizadas tanto polo Presidente Rueda como por todos os departamentos da Xunta na loita contra os incendios forestais”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos, quen afirmou que ese é o camiño que se sigue coa comparecencia do Presidente da Xunta no vindeiro Pleno, “na que se porán enriba da mesa todos os datos e as accións levadas a cabo para, primeiro, a prevención dos incendios e, despois, para conseguir a súa extinción, priorizando en todo momento a protección das vidas humanas”.

Alberto Pazos salientou a actuación do actual Goberno galego na loita contra os incendios e sinalou que o dispositivo “é o mellor que existe en toda Europa, e estamos orgullos de todo o esforzo que se fixo para combater uns lumes que os propios técnicos están a definir como inextinguibles, con moita dificultade e moito traballo e, ás veces, con menos apoio do que nos gustaría ter recibido”

Relacionado tamén cos incendios forestais, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre a colaboración e os medios dispostos desde o Goberno central, tanto para a extinción dos incendios como para a recuperación e restauración das superficies queimadas. “Queremos coñecer cal foi e é a resposta do Goberno central ante as demandas feitas desde o Goberno galego para atender as necesidades derivadas dos incendios forestais sufridos estas últimas semanas”, concretou.

DISTRIBUCIÓN DE MENORES E FUTURO SECTOR EÓLICO

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular tamén se interesará pola súa valoración sobre a pretensión do Goberno de España de impoñer, dun xeito unilateral e sen diálogo, un sistema de distribución de menores non acompañados entre as distintas comunidades autónomas; e sobre a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que avala a tramitación dos proxectos eólicos seguida pola Xunta de Galicia, o que contribúe a normalizar o futuro deste sector na Comunidade galega.

Respecto das proposicións non de lei, o Grupo Popular centrará as súas demandas en dúas cuestións. A primeira está relacionada co rescate da concesión e a liberalización da peaxe na AP-9, unha vez que se coñece o ditame da Comisión Europea que advirte da vulneración das regras comunitarias en materia de contratación pública no proceso de prórroga da concesión desta autoestrada.

“Consideramos que esta situación supón unha oportunidade para avanzar no obxectivo de acadar unha AP-9 galega e libre de peaxes, e para iso é necesario que o Goberno de Pedro Sánchez asuma, de xeito inmediato, o rescate da AP-9 e a liberación das súas peaxes, a alternativa máis vantaxosa para todos os galegos e os usuarios desta autoestrada e unha decisión que trae aparellados importantes beneficios sociais, ambientais e de seguridade viaria, así como aforro de tempo e maior competitividade para os usuarios desta autoestrada”, explicou Alberto Pazos.

A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten como obxectivo demandar ao Goberno central que cumpra o compromiso anunciado polo Presidente Sánchez, nunha comunicación enviada ás Comunidades autónomas nos días previos á Conferencia de Presidentes celebrada o pasado 6 de xuño, e inicie a negociación dun Acordo Estatal de Vivenda 2026-2030, acompañado de cronogramas, financiamento e garantías de execución.

Neste ámbito, Alberto Pazos demandou que “calquera medida que a Administración central adopte en materia de vivenda sexa previamente consensuada e dialogada coas comunidades autónomas, para o que consideramos fundamental que convoque a Conferencia Sectorial de Vivenda, que leva case un ano sen reunirse e é o foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao seu autogoberno”.

Pazos: “O presidente Alfonso Rueda estivo, está e seguirá ao fronte da emerxencia, traballando sempre en favor dos galegos”

O portavoz parlamentario do Grupo Popular, Alberto Pazos, subliñou hoxe na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo, está e estará ao fronte da emerxencia incendiaria que afectou nos últimos días a Galicia, así como a práctica totalidade de España e gran parte de Europa, priorizando sempre traballar en favor dos galegos.

“O presidente da Xunta estivo dando a cara, acompañando aos afectados, dirixindo o dispositivo máis grande da historia de Galicia e aprobando medidas inmediatas de apoio ás vítimas, sempre do lado dos afectados”, indicou Alberto Pazos, en contraste cunha oposición “que decidiu que a súa prioridade era atacar ao Goberno en lugar de arrimar o ombreiro”.

Pazos recordou que o presidente da Xunta estivo “no centro de coordinación de Ourense, en Santiago e no CECOPI; visitando concellos afectados, escoitando a gandeiros e veciños; solicitando medios adicionais ao Goberno central; dirixindo consellerías para artellar a axuda; comparecendo practicamente a diario para informar con transparencia e serenidade; e presidindo hoxe un Consello de Goberno extraordinario para aprobar as primeiras axudas”.

PRIORIDADE DO GOBERNO GALEGO

O portavoz popular destacou que “a prioridade do Goberno galego foi e segue sendo combater e extinguir os lumes, atender ás vítimas e facilitar información con transparencia, e por iso están xa en marcha axudas útiles, rápidas e de tramitación sinxela para reconstruír vivendas, restaurar viñas e explotacións e reactivar economicamente as zonas afectadas, porque iso é o que esperan os galegos e non o ruído estéril da oposición”.

Alberto Pazos puxo en valor na súa intervención o maior dispositivo antiincendios da historia de Galicia, con máis de 3.000 profesionais, máis de 200 bombeiros, GES e Protección Civil, 343 efectivos de brigadas municipais, Policía Autonómica, UME e Forzas de Seguridade, máis de 30 medios aéreos, 380 motobombas, 36 buldóceres e 12 unidades Batracio.

Un continxente público que se enfrontou a centos de lumes, moitos deles provocados. “Galicia non arde, a Galicia quéimana, e malia a magnitude desta vaga de incendios, o Goberno galego respondeu con eficacia e coa máxima implicación”, sinalou.

UNHA OPOSICIÓN CENTRADA NOS ATAQUES

Fronte a este traballo, Pazos criticou que a oposición “se dedicase a repetir consignas de Moncloa, a espallar bulos e a cuestionar o labor dos técnicos, profesionais que merecen respecto e non ataques políticos”.

“Mentres Alfonso Rueda e o seu Goberno deixaban a pel, a oposición dedicouse á confrontación estéril, ás vacacións interrompidas a medias e a pedir dimisións ou comisións de investigación antes sequera de analizar a realidade”, apuntou o portavoz popular.