Inicitiva de impulso do uso de madeiras locais nos edificios públicos

 

iniciativa sobre o impulso polo Goberno galego do uso de madeiras locais nos edificios públicos, como elemento decorativo e construtivo

A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) impulsou, en colaboración coa universidade e coa participación activa da industria forestal, a elaboración da “Axenda de impulso da Industria Forestal 2019-2021”, unha folla de ruta dirixida a mobilizar máis de 125 millóns en favor da modernización deste tecido empresarial e aproveitar as oportunidades que ofrece a transición en Europa cara un modelo de economía máis sustentable e circular. Trátase de conseguir, en definitiva, que a madeira e os produtos forestais como recurso renovable, reciclable e biodegradable actúe en Galicia como elemento central de impulso á bioeconomía.

 

A concorrencia da pandemia provocada pola Covid-19 evidenciou a necesidade de acelerar esta volta a produtos e procesos produtivos máis respectuoso co medio ambiente, impulsando ademais as cadeas de valor e os mercados de proximidade.

 

Por outra banda, puxo de manifesto a necesidade de desenvolver hábitats máis saudables, que potencien a comunicación entre as persoas e a natureza, valorándose aquelas contornas que recuperan a utilización de materiais naturais, como a madeira, que contribúan a reducir a pegada de carbono.

 

Neste ámbito, cómpre recordar que a metade da madeira que se corta en España procede dos montes galegos, e que ademais contamos cun ecosistema industrial específico sólido e competitivo, formado por máis de 3000 distribuídas por toda a xeografía galega, ocupando a case 22.000 persoas e xerando riqueza sobre todo en contornas pouco industrializas. Un sector estratéxico que posúe coñecemento e capacidades axeitadas para poñer en uso madeiras locais na construción.

Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia para que fomente o coñecemento e divulgación de deseños de hábitats naturais, promovendo nos edificios públicos a utilización de madeiras locais como elemento decorativo e construtivo, que permitan unha maior humanización dos espazos destinados á cidadanía, ademais de servir como referente para o sector privado”.

Rexistro iniciativa: http://www.parlamentodegalicia.gal/Expedientes/11/PNC-000319