Rueda asegura que “concentrar o voto no PP” posibilitará a Feijóo ter as “mans libres” para “reconstruír” o que destruíu o sanchismo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que é necesario “concentrar o voto” nas Eleccións Xerais do 29 de novembro no Partido Popular, porque será o que posibilite a Alberto Núñez Feijóo ter as “mans libres” para “reconstruír” todo aquelo que destruíu o sanchismo durante os últimos oito anos. Neste sentido, apelou a “empuxar o cambio” desde Galicia, dándoo todo durante estas semanas, para levar o candidato popular á Presidencia do Goberno.

O líder do PPdeG interveu nun mitin celebrado en Padrón, que inaugurou o presidente local do PP de Padrón e voceiro do grupo municipal, Ángel Rodríguez, e no que tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a número dous ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García. O acto tamén contou coa presenza da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.

No peche do mitin, Rueda lembrou que o cambio na Moncloa, para o que vén pedindo que Galicia sexa un actor decisivo, o seu “motor”, está máis preto que nunca, e só queda “un pasiño” cando restan menos de dúas semanas para acudir ás urnas. Despois da inxección de enerxía e moral que supuxo o mitin encabezado por Feijóo o pasado sábado en Santiago, ante máis de 8.000 persoas, o presidente dos populares galegos celebrou que nese acto quedou demostrado que o partido está “en forma”, mobilizado, con ganas e con ilusión.

Pero, o mesmo tempo, lembrou que “non sobra un voto”, porque non hai “nada gañado”. Puxo como exemplo o caso da provincia da Coruña, onde o PP aspira a mellorar o resultado de 2023 e lograr un quinto deputado, que pretende arrebatarlle o BNG. De aí que a “máquina” do partido, dixo, teña que funcionar “a tope”, mostrando a alternativa que encarna Feijóo e lembrando que os votos que non se traducen en escano son votos perdidos, e que “ó único voto do cambio” é o da papeleta do Partido Popular.

Rueda incidiu en que só o proxecto de Feijóo representa unha verdadeira alternativa ao sanchismo, porque non hai outro coa “súa experiencia, a súa xestión e o seu compromiso”. E porque “só Feijóo conseguirá que España funcione como Galicia”, devolverá as institucións aos cidadáns e barrerá coa corrupción.

DIEGO CALVO: “ESTAMOS CANSOS DE QUE SE RÍAN DE NÓS”

Diego Calvo asegurou que cada día que pasa é un día menos para poñer fin ao Goberno de Pedro Sánchez, marcado pola corrupción, os escándalos e unha forma de gobernar que está a esgotar a paciencia dos cidadáns. “Estamos cansos de que se rían de nós, de que pensen que todo vale e de que os españois teñamos que soportar cada día un novo escándalo”, sinalou.

O presidente provincial apelou á mobilización e ao traballo de todos os militantes e simpatizantes do Partido Popular ata o último minuto da campaña. “Non podemos confiarnos nin baixar os brazos. Hai que pelexar, saír á rúa, falar coa xente e pedir o voto ata o último día. Cada voto conta e cada esforzo é necesario para conseguir o cambio que España necesita”, afirmou, co obxectivo de acadar cinco escanos na provincia da Coruña.

Calvo destacou que España necesita a Alberto Núñez Feijóo, un presidente preparado, con experiencia e solvencia, que todos coñecemos e que xa demostrou en Galicia que outra forma de gobernar é posible. Fronte ao desgaste, a inestabilidade e os escándalos do sanchismo, o PP representa a alternativa de seriedade, confianza e boa xestión que España precisa para abrir unha nova etapa.

FABIOLA GARCÍA: “O CAMBIO TEN UN NOME: ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO”

Pola súa banda, Fabiola García reivindicou a importancia de defender os dereitos das mulleres con feitos e non só con palabras. Neste sentido, asegurou que o PSOE non está en condicións de dar leccións de feminismo a ninguén despois dos numerosos casos e escándalos que rodean o seu partido. “O feminismo non pode ser unha pancarta electoral nin unha ferramenta de propaganda; ten que traducirse en respecto, igualdade e protección real das mulleres”, sinalou.

A candidata tamén puxo o foco na necesidade de respectar e protexer os nosos maiores, aos que considera unha prioridade absoluta. “Non se pode xogar cos maiores, nin utilizar as súas necesidades como arma política. Merecen respecto, atención e garantías, non promesas incumpridas nin experimentos”, destacou. Fronte á falta de respostas do Goberno socialista, reivindicou o compromiso do Partido Popular cunha política centrada nas persoas, especialmente nas máis vulnerables. Por iso fixo un chamamento á mobilización e á participación nas urnas, subliñando que “o cambio necesario ten un nome: Alberto Núñez Feijóo”.

Alfonso Rueda destaca desde Melide a inxección de ilusión e enerxía que supuxo o multitudinario mitin de Feijóo en Santiago

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou hoxe a inxección de ilusión e de enerxía que supuxo a presencia a véspera de Alberto Núñez Feijóo no multitudinario mitin celebrado no Multiusos do Sar, en Santiago de Compostela. Desde Melide, Rueda insistiu en que os populares van dalo todo, ata o último minuto da campaña, para que a partir do 29 de novembro Feijóo sexa o novo presidente do Goberno de España, poñendo fin a 8 anos de sanchismo, que tantos agravios causou a Galicia.

Acompañado polo candidato do á Alcaldía de Melide, Asier Polo, e a responsable da área de Política Social e Igualdade do Goberno galego, Ángeles Vázquez, así como outros candidatos ás Eleccións Xerais do 29N e cargos do partido, o líder dos populares galegos realizou un percorrido, que incluíu un paseo polo Cantón de San Roque e o mercado dominical na contorna da Praza das Universidades e do Parque Rosalía de Castro.

Paula Prado aposta pola mocidade “comprometida” co cambio necesario en España, da man de Alberto Núñez Feijóo, fronte á “política do medo e da autocracia”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pon en valor á mocidade “que se esforza”, a das NNXX de Galicia, á que define como a organización xuvenil “máis comprometida” coa súa terra e á que pide “unha marcha máis” durante estas dúas semanas de campaña electoral, instándoos a votar por Alberto Núñez Feijóo o próximo 29 de novembro, xa que son parte “fundamental” do cambio necesario no Goberno de España, para poñer fin “á política da autocracia e do medo” do Goberno central e defender a liberdade e a democracia. “Feijóo non vos vai traizoar, cumpre a palabra fronte a uns políticos do ‘Goberno Frankenstein’ que non nos representan”, sinalou.

Para Prado, a mocidade galega sairá gañando co proxecto do PP, “porque os mozos saben o futuro que queren para Galicia e para España”. “Non lle imos fallar a Núñez Feijóo”, manifestou durante un coloquio coa mocidade da provincia de Ourense, celebrado en Xinzo. Tamén participaron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor; a cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Vázquez; a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, e o presidente de NNXX da provincia de Ourense, Martín Gil.

A número dous dos populares galegos anima á mocidade a “cortarlle o paso” ao Goberno de Sánchez, xa que España “non merece esa política de sacar aos violentos á rúa”, sinalou. Así, lamentou os actos violentos das últimas semanas, como os piquetes “violentos” da folga xeral en numerosos puntos de toda España, ou a agresión que sufriu o candidato do PP en Guipúzcoa, Jon Echevarría, ou os militantes do PP da sede de Barakaldo, que no día de folga foron agredidos e tiveron que ser hospitalizados polas lesións sufridas cando os manifestantes atacaron a sede.

Prado tamén desmonta o lema do sanchismo de elixir “entre dereitos ou dereitas” o próximo 29N, asegurando que a verdadeira opción nas urnas será “escoller decencia ou delincuencia”. Neste sentido, saca músculo da dereita “dos que queren un futuro mellor para este país”.

Entre os agravios que os oito anos de Goberno de Sánchez e os seus socios -coma o BNG- causaron á mocidade, Prado destacou a dificultade de emanciparse, poñendo en valor o millón de vivendas que promete construír Alberto Núñez Feijóo, así como outras medidas do programa electoral do PP destinadas á rebaixa do IVA na primeira vivenda, á ampliación de avais hipotecarios ou as deducións por aluguer. “O PP si é o partido da mocidade, como se demostra en Galicia, onde o PPdeG é a opción máis votada polo electorado mozo”, lembrou a secretaria xeral.

LUIS MENOR: “A MOCIDADE DEBE OCUPAR UN LUGAR CENTRAL”

O presidente provincial do PP, Luis Menor, reivindicou que o futuro da mocidade debe ocupar un lugar central nas decisións do próximo Goberno: “Ourense non pode conformarse con formar mozos para que desenvolvan o seu talento sempre fóra. Queremos que quedar sexa unha opción real e que volver sexa un proxecto posible.

Menor destacou a participación de Novas Xeracións na candidatura e na campaña: “Os mozos teñen que estar onde se toman as decisións. Martín e os seus compañeiros coñecen as dificultades da súa xeración e achegan propostas para resolvelas. O 29 de novembro pedimos o voto para Feijóo para que esas demandas se convertan en prioridades do Goberno”. Tamén puxo de manifesto que as NNXX da provincia de Ourense “son una organización forte e ordenada trala recente celebración do seu congreso provincial”.

ANA VÁZQUEZ: “O NOSO COMPROMISO É FACILITAR A EMANCIPACIÓN”

A cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Ana Vázquez, situou o acceso á vivenda como unha prioridade: “Un mozo que traballa non pode seguir aprazando a súa vida porque non consegue pagar un alugueiro ou aforrar para a entrada dunha casa. O noso compromiso é facilitar a emancipación con máis vivenda dispoñible, menos impostos e apoio para acceder á primeira compra”.

Destacou as propostas do PP de impulsar un millón de vivendas, facilitar avais de ata o 100 % da hipoteca e establecer impostos cero na compra da primeira vivenda no rural. “Queremos que os mozos poidan construír o seu futuro nos nosos concellos, con conexións ferroviarias fiables e oportunidades de emprego”, afirmou.

NICOLE GRUEIRA: “O GOBERNO CENTRAL LEVA OITO ANOS MÁIS PREOCUPADO DOS SEUS INTERESES QUE DA XENTE NOVA”

Por outra banda, a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, agradeceu o traballo das NNXX locais e provincial, así como de toda a mocidade que participou nun coloquio “ameno” pero tamén cheo da “seriedade” que corresponde porque “a mocidade hoxe está nun momento moi crítico, porque temos un Goberno que leva oito anos máis preocupado polos seus intereses persoais que pola xente nova”.

A representante da organización xuvenil galega defendeu que a mocidade quere unha España “rigorosa, con facilidades para emanciparse e para emprender, co futuro que merecemos”. Por iso se referiu a Alberto Núñez Feijóo como o candidato ao que votar, dende a “humildade e a liberdade”, defendendo que o líder do PP nacional é “quen mellor defenderá á mocidade”.

MARTÍN GIL: “QUEREMOS VIVIR, TRABALLAR E FORMAR UNHA FAMILIA NA NOSA TERRA”

O presidente provincial de Novas Xeracións e candidato suplente ao Congreso, Martín Gil, tamén reivindicou unha provincia na que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida. Gil chamou aos mozos a implicarse e acudir ás urnas: “A política é o que determina se podes pagar un alugueiro, atopar traballo aquí ou volver á túa terra. Se os mozos non estamos onde se decide, outros decidirán por nós. O 29 de novembro tamén votamos as oportunidades que terán os nosos amigos para volver. Por iso pido que votemos e que convenzamos a un máis para facer posible o cambio con Feijóo”.

Rueda pide un esforzo para que Galicia lle dea o 29N un “magnífico resultado” a Núñez Feijóo “porque o merece e o necesitamos”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu un esforzo para que Galicia lle dea o 29N un “magnífico resultado” a Alberto Núñez Feijóo, “porque o merece, sabemos como é e porque Galicia e España necesitámolo”. Por iso, insiste na importancia de “dalo todo” estas dúas semanas para poñerlle fin a estes oito anos de sanchismo no Goberno.

Así o trasladou ao comezo dun xantar popular celebrado no concello de Oroso, no que tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a nº2 ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, exercendo de anfitrión o alcalde Alex Doval.

Rueda sinalou que Feijóo “necesita todos os votos, todos e cada un” para acadar a maioría suficiente nas urnas coa que converterse no novo presidente do Goberno, e advertiu de que “as eleccións non se gañan con enquisas”. Nesta liña, apelou a conseguir en Galicia “os mellores resultados para o PP nestas eleccións”.

“A única maneira de sacar da Moncloa a Sánchez é votando ao Partido Popular”, dixo. Así o remarcou o líder dos populares galegos, pois “votar a outras forzas, como o BNG, é apoiar a Sánchez, como demostrou estes oito anos”. De feito, “son os mesmos que apoian a aqueles que no País Vasco atacaron ao candidato de Guipuzkoa Jon Echevarría”, sinalou, facendo fincapé en que “eses son os verdadeiros fascistas, os que tiran pedras a un rapaz valente e democrático”.

O líder do PPdeG subliñou que Feijóo é o idóneo para “devolver o respecto, o sentido e a reputación a este país”, o único capaz de devolver aos cidadáns unha España “que funcione como Galicia”, con estabilidade e orzamentos e onde se constrúa vivenda. Acabando así con “oito anos de decadencia”, marcados pola corrupción, as subas de impostos e o declive dos servizos públicos.

DIEGO CALVO: “SAIAMOS A RÚA E FALEMOS CON TODO O MUNDO”

O presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, puxo en valor a importancia da estrutura municipal do partido como unha das súas principais fortalezas. “A nosa forza son os concellos, os nosos alcaldes e alcaldesas, os portavoces e todos os compañeiros que están cada día ao pé da rúa, escoitando aos veciños e dando resposta aos seus problemas”. Calvo destacou que o contacto directo coa cidadanía e o traballo diario desde os municipios son os sinais de identidade do Partido Popular e a mellor carta de presentación do seu proxecto político.

Neste sentido, animou a todos os asistentes a implicarse e mobilizarse de cara ás próximas Eleccións Xerais, subliñando que o cambio político que necesita España debe comezar tamén desde a fortaleza dos territorios. “Temos un gran partido, unha organización forte e equipos comprometidos en todos os municipios. Esa é a nosa maior vantaxe e temos que poñela ao servizo dun obxectivo común: conseguir que Alberto Núñez Feijóo chegue á Presidencia do Goberno”.

Calvo rematou facendo un chamamento á participación e ao voto: “Pídovos que saiamos á rúa, que falemos con todo o mundo e que convenzamos aos nosos veciños para encher as urnas de votos do Partido Popular e facer posible o cambio necesario”.

A número dous da candidatura ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, pediu o voto para o Partido Popular para protexer ás mulleres, “que nos sentimos desprotexidas por parte do Goberno de España”, o que presume de “feminista” e do que “só vemos escándalos”.

Rueda afirma que Galicia ten que aproveitar a “oportunidade” de cambio do 29N e ser “unha peza fundamental da vitoria” de Feijóo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, afirmou que “Galicia ten que ser unha peza fundamental na vitoria de Alberto Núñez Feijóo” nas Eleccións Xerais do 29 de novembro, cun voto masivo ao Partido Popular que permita aproveitar a “oportunidade” que ofrecen as urnas de cambiar o Goberno de España.

Así o indicou nun mitin celebrado en Vilagarcía de Arousa, no que tamén participaron o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña, e o tamén candidato ao Congreso, Juan Andrés Bayón. A cita, na que exerceu de anfitrioa a presidenta da Xestora do PP local, Ana Granja, tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.

Na súa intervención, Rueda insistiu en que dentro de dúas semanas exactas votaranse “dous camiños”: un supón seguir igual, “coa decadencia, a corrupción e as mentiras” que definiron os oito anos de sanchismo; mentres que o outro devolverá a España a “seriedade, a palabra e a xestión” da man de Feijóo. En definitiva: “sentidiño” fronte a “sen sentido”. “Xogámonos moito”, remarcou.

O líder do PPdeG insistiu en que a maquinaria do PPdeG ten que funcionar “a tope” para -como vén reclamando nas últimas semanas- ser o “motor” do cambio que precisa España. Neste sentido, lembrou que a xente está farta dun Goberno, o de Pedro Sánchez, que só trouxo “incumprimentos” e “discriminacións” para a nosa Comunidade, á que deixa soa no seu plan de duplicar o parque público de vivenda ao tempo que provoca conflitos na sanidade en lugar de solucionar o déficit de médicos.

Rueda incidiu en que é necesario mudar o “show” do Goberno pola “xestión” que demostrou Feijóo á fronte da Xunta durante 13 anos, e impulsar unha “rexeneración” despois dun ronsel de escándalos que ten no chófer de Sánchez e o posible fraude na compra das pulseiras antimaltrato como últimos exemplos. Así mesmo, censurou o “paripé que nunca se cumpre” do acordo de investidura do BNG co PSOE. “Esa non é Galicia, Galicia é esforzo, e ese esforzo merece un respecto”, remachou.

GARCÍA COMESAÑA: “SÁNCHEZ ASFIXIA Á XENTE A IMPOSTOS”

O cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, apelou aos vilagarciáns para pedirlles a confianza en Alberto Núñez Feijóo e o PP «para deseñar un futuro cunha fiscalidade máis xusta, con impostos máis baixos e coa máxima eficacia na xestión do diñeiro público para mellorar os servizos públicos».

«Mentres as familias teñen cada vez máis dificultades para chegar a finais de mes, o Goberno de Sánchez está a asfixiar á xente a impostos», aseverou o candidato popular, antes de concretar que nos últimos sete anos a recadación tributaria na provincia medrou un 70% «sen que iso se nótase na calidade de vida, no estado da estradas, na construción de vivenda pública, nos investimentos e en absolutamente nada, porque Vilagarcía e a provincia están totalmente abandonadas polo PSOE”.

Comesaña insistiu en que España precisa «a xestión e atención aos cidadáns» que representa Feijóo e advertiu de que o 29 de novembro «temos unha oportunidade extraordinaria que temos que aproveitar co voso traballo e implicación no proxecto do PP».

Finalmente, o candidato vilagarcián Juan Bayón marcou que o obxectivo é que Feijóo sexa presidente do Goberno «para que Vilagarcía por fin poida ser escoitada e atendida desde Madrid» tras máis de oito anos de esquecemento de Sánchez e exemplificou os incumprimentos co proxecto de humanización da N-640, que foi anunciado polo Goberno central en marzo de 2023 -hai tres anos e medio- por 5,7 millóns de euros e nin sequera está proxectado.

Ademais, rematou cunha apelación ao voto útil: «Na nosa provincia calquera papeleta que non sexa a do PP, absolutamente todas, son votos para a continuidade de Sánchez, así que está claro que o cambio hai que concentralo en votos ao PP, só ao PP».

Alfonso Rueda e a “forza do PPdeG” arroupan a Alberto Núñez Feijóo como o político “forte, honrado e motivado” que liderará o cambio “imprescindible e inaprazable” en España

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, defende a forza do partido en Galicia cunha mobilización “impresionante” no Multiusos Fontes do Sar, “xusto cando máis o precisamos neste país”, poñendo en valor este gran mitin dentro dunha campaña de Eleccións Xerais na que “os galegos e galegas iremos a por todo”, dixo, pedindo de novo o apoio para Alberto Núñez Feijóo para que dende a súa terra “sexamos o motor do cambio”. Así, definiuno como un político “forte, honrado e motivado” que “está no seu mellor momento”, polo que lanzou unha mensaxe para o resto de españois, asegurándolles que “non se van arrepentir de votalo”, porque será bo para Galicia e para España. Para Rueda, o cambio necesario é, ademais, “imprescindible e inaprazable”.

Así o manifestou no mitin celebrado esta mañá en Santiago de Compostela e encabezado polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, no que tamén interveu o secretario xeral do PP, Miguel Tellado; o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a número dous ao Congreso pola Coruña, Fabiola García. Estiveron acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, así como outros cargos do partido, militancia e simpatizantes das catro provincias galegas, ademais doutros representantes e apoios trasladados desde toda España para arroupar ao líder do PP nacional.

“A Galicia non ten que vir ninguén a presentar a Alberto Núñez Feijóo, porque o coñecemos nas duras e nas maduras”, sinalou durante a súa intervención o presidente do PP autonómico. Tamén lamentou os oito anos de Goberno de Sánchez e os seus socios, baseado na “indecencia, na corrupción e nas mentiras” que, ademais, tamén fixo dano a Galicia, sendo “incompetentes e inxustos” coas preocupacións e necesidades dos galegos e galegas.

Rueda insistiu na necesidade dun Goberno que “coñeza a nosa xente, o noso rural, e que valore Galicia. Porque pedimos lealdade e compromiso”. Así, insistiu na súa xa tradicional mensaxe para criticar os acordos de Sánchez con outras comunidades autónomas que lle son máis útiles: “Non pedimos máis que ninguén, pero non imos deixar que nos quiten as cousas para darllas aos demais”, dixo.

A PEOR SUCURSAL DE SÁNCHEZ, EN GALICIA

Tamén fixo referencia aos radicalismos e aos partidos que deron o seu apoio a Sánchez durante estes oito anos de goberno, como o caso do BNG. “En Galicia temos a peor sucursal do PSOE en toda España”, subliñou, en referencia á UPG, “os que mandan no BNG”, que, en realidade, “son os máis bravos no Parlamento”, mentres no Congreso, “o seu único candidato é o máis manso”, afeando que apoiaron ao sanchismo a cambio de nada para Galicia.

Neste sentido, tamén mencionou “aos que veñen a levantar muros” a unha Galicia á que “non lle gusta crispación”. Así, defendeu que na nosa terra “somos galegos e españois, con orgullo e sen complexos”, polo que insta a que ninguén “nos faga elixir”.

Co Multiusos Fontes do Sar cheo, auguroulle a Alberto Núñez Feijóo que o acto en Galicia lle dea “forza” para o que resta de campaña. “Alberto Núñez Feijóo está no seu mellor momento”, reivindicou, mentres as gradas lle amosaron o seu apoio con aplausos e con cánticos de “Oa, oa, Feijóo a la Moncloa” ou “Feijóo, presidente”.

DIEGO CALVO: “ESTÁ EN XOGO O FUTURO DE ESPAÑA”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, apelou á mobilización e á unidade do partido, xa que “está en xogo moito máis ca un cambio de Goberno: está en xogo o futuro de España”. Calvo destacou a importancia dunha cita electoral na que os cidadáns terán a oportunidade de apostar por un proxecto de estabilidade, confianza e xestión fronte ao desgaste do Goberno de Pedro Sánchez.

O dirixente popular reivindicou a figura de Alberto Núñez Feijóo como “un valor seguro que os galegos coñecemos ben”, lembrando a súa traxectoria e a súa capacidade de xestión á fronte da Xunta de Galicia. Así, amosouse convencido de que Feijóo representa a alternativa que necesita o país para recuperar a estabilidade institucional, a confianza e a atención aos problemas reais dos cidadáns.

Por último, asegurou que o PP da provincia da Coruña vai implicarse ao máximo nesta campaña, mobilizando todos os seus equipos e chegando a cada concello, vila e parroquia.

Tamén interveu no mitin a número dous ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, que lembrou que a súa etapa como responsable da área de Política Social e Igualdade do Goberno galego ensinoulle a poñer en valor ás persoas máis vulnerables.

8.000 PERSOAS AMOSARON O SEU APOIO AO “SUPERHEROE” FEIJÓO

O Multiusos Fontes do Sar acolleu unha mobilización masiva de apoio ao presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo. Un total de 8.000 asistentes, chegados de toda Galicia, achegáronse a Santiago de Compostela para darlle o seu apoio a un galego que aspira a ser o presidente que o Goberno de España precisa e merece. Baixo o lema “O cambio necesario”, miles de simpatizantes e afiliados apoiaron a candidatura de Alberto Núñez Feijóo para desaloxar a Pedro Sánchez da Moncloa o próximo 29 de novembro.

Durante o acto, tamén se proxectaron varios vídeos, como a peza audiovisual estreada no inicio da campaña no que un Feijóo convertido en superheroe de cómic protagoniza unha batalla épica contra un adversario que encheu de “escuridade” España. Tamén se visualizou un emotivo vídeo no que a nai de Feijóo falou dos aspectos máis persoais do seu fillo, ao que desexou a maior das sortes de cara ao 29 de novembro.

Rueda chama a converter o “enfado” con Sánchez en votos a Feijóo para ter un Goberno que “respecte” a Galicia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo un chamamento a aproveitar a “oportunidade” que ofrecen as Eleccións Xerais do 29 de novembro e converter o “enfado” con Pedro Sánchez e o seu Executivo, en votos a Alberto Núñez Feijóo, e así ter un Goberno en España que “respecte” a Galicia, rematando con oito anos de “decadencia”.

Así o dixo no mitin celebrado este venres no Teatro Principal da Estrada, no que exerceu de anfitrión o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e que tamén contou coa participación do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida. Estiveron presentes o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a secretaria provincial do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro. O alcalde de Madrid percorreu hoxe Galicia, a que el define como a súa segunda casa, acudindo previamente a actos na Coruña, Ordes e Santiago e pechando no concello pontevedrés, onde o alcalde, Gonzalo Louzao, agradeceu que a súa localidade fora a escollida para albergar este primeiro mitin de campaña coa presencia do presidente Rueda e Martínez-Almeida do 29N na nosa Comunidade.

Na súa intervención, Rueda afirmou que é “normal” que a cidadanía estea enfadada e decepcionada polos incumprimentos do Goberno con Galicia, os privilexios aos socios de Sánchez, os casos de corrupción, as mentiras, o uso das institucións en beneficio propio, a inflación e as subidas de impostos. Pero, o mesmo tempo, insistiu en apelar á “esperanza” que representa o “cambio” da man de Feijóo, que ten proxecto e está preparado para recuperar a seriedade, a xestión e a palabra. Para mudar o “sensentido” polo “sentidiño”.

O presidente do PPdeG lembrou que abundan os motivos para impulsar nas urnas un cambio, porque tanto Galicia como España en xeral precisan dun Goberno que cumpra co financiamento, a vivenda e a sanidade; que “mire por todos” e que rexenere as institucións. Neste sentido, enxalzou Galicia -estable, con orzamentos, con xestión, onde se constrúe vivenda e se atraen investimentos, sen pagar peaxes ao independentismo- como espello no que pode mirarse España.

Por iso pediu “dalo todo” e traballar sen descanso na campaña, para que Galicia sexa o “motor” do cambio, sabendo que o “único” voto que pode facelo posible é o do PP, e lembrando que non hai nada “gañado”, polo que hai que aproveitar “cada minuto” das vindeiras dúas semanas.

GARCÍA COMESAÑA: “SÁNCHEZ APLICOU UNHA POLÍTICA SECTARIA”

Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, lamentou estes máis de oito anos de abandono da provincia de Pontevedra por parte do Goberno de Sánchez, ao que acusou de «aplicar unha política sectaria de maltrato, discriminación e castigo» con este territorio malia impoñer unha presión fiscal asfixiante «que afoga o día a día dos cidadáns de Pontevedra».

Así, indicou que nesta provincia «hai a sensación de que se lle entrega ao Goberno moito máis do que se recibe» e exemplificou esta circunstancia co caso da N-640 ao seu paso pola Estrada, «que se atopa nunhas condicións indignas e moi perigosas para a seguridade viaria».

Finalmente, anunciou que o futuro Goberno de Feijóo aplicará unha fiscalidade moito máis xusta e benigna para os cidadáns, con rebaixas xeneralizadas que se notarán especialmente nas familias con fillos e os autónomos, e garantiu que as pensións se subirán todos os anos en base ao IPC, «o que desmonta a desesperada política do medo» que está tentando transmitir o PSOE aos nosos maiores.

O PPdeG pide o voto para Feijóo para que o cambio en España leve a Galicia menos impostos, máis vivenda e mellores servizos

O PPdeG pediu no Pereiro de Aguiar o voto para Alberto Núñez Feijóo cun compromiso: que o cambio en España se traduza en menos impostos, máis facilidades para acceder á vivenda e mellores servizos en Galicia. O primeiro mitin da campaña na provincia de Ourense reuniu a Paula Prado, Luis Menor, Ana Belén Vázquez, Rosa Quintana e Román Rodríguez, nun acto no que a cabeza de lista ao Congreso reivindicou o papel da provincia na nova etapa que os populares queren abrir o 29 de novembro.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, desmontou o lema do sanchismo de que o 29N toca elixir entre “dereitos ou dereitas”. Así, pregúntase de que dereitos fala Sánchez. “Do dereito das mulleres a vivir libres, seguras e protexidas? Ou do dereito dos agresores sexuais a beneficiarse das rebaixas de condena que fixo posible a súa lei do só ‘si e si’, aprobada con apoio do BNG?”, ironiza Prado. Do mesmo xeito, tamén se pregunta se Sánchez se refire ao dereito á folga ou, máis ben, ao dereito a “manipular á xente” e promover unha folga “electoralista” que, no último que pensa, é nos traballadores.

Para a número dous dos populares galegos, resulta «indecente» que o Goberno do PSOE e os seus cómplices intenten dar leccións coma estas. Pola contra, subliñou Prado, quen si pensa nos dereitos dos traballadores é Alberto Núñez Feijóo, “representante da Galicia e da España que se esforza e que reconstruirá este país”.

Ademais, pediu á veciñanza de Pereiro un plus de esforzo nestas dúas semanas de campaña, para defender a única opción válida e útil para desaloxar a Sánchez da Moncloa: o Partido Popular. “Queremos un Goberno de España como o que temos en lugares como Pereiro, onde o PP goberna para a xente, con proxectos e servizos”, defendeu.

Por último, puxo en valor a candidatura de Ourense, encabezada por Ana Vázquez, e a Luis Menor como exemplos de «políticos serios e de palabra», que encarnan os valores de «rigor e xestión» do PP fronte a «indecencia» do Goberno do PSOE e os seus socios do BNG. A estes últimos lembroulles que, despois de oito anos de “desgoberno”, foron incapaces de retirar o seu apoio ao Executivo “que máis dano lle ten causado a Galicia”.

Pola súa parte, a cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Vázquez, asegura presentarse “para defender Ourense e para que as necesidades desta provincia se convertan en decisións do Goberno. Queremos que traballar permita chegar a fin de mes, que os mozos poidan acceder a unha vivenda e que vivir no rural non signifique ter menos servizos”, afirmou Ana Belén Vázquez no seu primeiro mitin da campaña.

A candidata concretou ese compromiso nas propostas do PP de baixar o IRPF e adaptar a súa tarifa á inflación, mellorar o tratamento fiscal das familias con fillos e facilitar a primeira vivenda, con impostos cero na súa compra no rural. “En Ourense, facilitar unha casa é tamén dar unha oportunidade para quedar, formar unha familia e desenvolver un proxecto de vida”, sinalou.

Vázquez defendeu tamén reforzar os medios e o respaldo á Garda Civil e á Policía: “A seguridade dos nosos veciños debe ser unha prioridade, vivan onde vivan. Os profesionais necesitan medios para chegar a todo o territorio”.

Pola súa banda, Luis Menor reclamou un Goberno que responda ás prioridades da provincia. “O cambio ten que notarse en Ourense: nas comunicacións, na seguridade do rural e nas oportunidades para quedar a vivir aquí. Non pedimos privilexios; pedimos que se atendan as nosas necesidades”, afirmou.

O presidente provincial destacou a experiencia de Ana Belén Vázquez e chamou a mobilizarse: “Temos unha candidata que coñece Ourense e sabe defender os seus intereses no Congreso. Cada voto ao PP achega a Feijóo á Presidencia e á nosa provincia ás solucións que necesita”.

Pola súa parte, Rosa Quintana salientou o compromiso co rural: “Ourense necesita que vivir e traballar nos seus concellos sexa unha opción con futuro, con menos trabas para quen produce e emprende”.

Pola súa banda, Román Rodríguez reivindicou a «ampla» experiencia de xestión do PP e de Feijóo, «a única persoa que pode facer cambiar o despropósito ao que o goberno de Sánchez someteu a España durante estes anos».

Paula Prado asegura que Alberto Núñez Feijóo será “un presidente para todos” fronte “o odio, e as mentiras” do sanchismo e os seus socios

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou no primeiro día da campaña electoral do 29N que Alberto Núñez Feijóo será “un presidente para todos”, tanto para os que o voten como para os que elixan outras opcións, e “devolverá a confianza á xente nas institucións” se acada a maioría suficiente nas urnas, fronte “o odio, as mentiras e o medo” que propugnan o PSOE de Pedro Sánchez e os seus socios, como o BNG.

Así o asegurou durante unha visita á Praza de Lugo da Coruña, xunto ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e o presidente do PP da Coruña e candidato á Alcaldía, Miguel Lorenzo. Prado afirmou que os populares farán unha campaña “en positivo”, escoitando primeiro as “necesidades” da cidadanía e dos traballadores -como os que esta mañá estaban no mercado-, para despois traballar por “poñerlle solución a eses problemas e necesidades”. Unha campaña á altura do que merece o país, na que se porán en valor as “propostas” do programa electoral do Partido Popular.

Do líder do PP subliñou que é “unha persoa responsable” e “con palabra”, Feijóo, avalado por 13 anos de xestión á fronte do Goberno galego e que se presenta ás Eleccións Xerais convencido de que pode levar a cabo unha “reconstrución nacional”, mediante a rexeneración democrática, reconciliando a cidadanía coa política, saneando o país para facer real a baixada de impostos, o mantemento das pensións, as facilidades no acceso á vivenda e medidas para a mocidade. En definitiva, dando a España un “futuro próspero”, en lugar de mirar “cara atrás”, como fan “outros partidos”.

Prado insistiu en que a papeleta do Partido Popular representa “a única alternativa”, é o voto útil para o cambio necesario, porque calquera outra papeleta só servirá para darlle opcións a Sánchez de seguir na Moncloa. Incluída a do BNG, o que acusou de vender a Galicia “a cambio de absolutamente nada”, ao “poñer os intereses” propios “e os intereses de Sánchez por riba dos intereses dos galegos”. Para concluír, mostrouse “convencida” de que Feijóo “será o próximo presidente do Goberno de España”.

Pola súa banda, José Luis Martínez-Almeida, quen percorrerá hoxe varias localidades de Galicia para rematar participando na Estrada nun mitin encabezado por Alfonso Rueda, lembrou que lle gusta definirse como “madrigalego” e celebrou estar en Galicia no “primeiro día de campaña electoral”, que asegurou que será “apaixonante”. “Imos conseguir ese cambio necesario”, vaticinou, “da man do único candidato que de verdade ten unha idea do que necesita España e a capacidade para levalo a cabo, que é Alberto Núñez Feijóo”.

MIGUEL LORENZO: “FEIJÓO XA DEMOSTROU QUE SABE XESTIONAR BEN”

O presidente do PP local da Coruña e candidato á Alcaldía, Miguel Lorenzo, destacou que é necesario baixar impostos, como xa “fixo” Alfonso Rueda en Galicia, “fará” Alberto Núñez Feijóo en España e “eu, por suposto, cando sexa alcalde desta cidade” en 2027.

Lorenzo censurou que o goberno local, en contra da demanda dos populares, prometera conxelar os impostos municipais, cando tería que baixalos. Nesta liña, destacou a José Luis Martínez-Almeida, alcalde de Madrid, como referente, con rebaixas fiscais para axudar ás familias, que “non poden máis” por culpa das políticas dos “falsos gobernos progresistas”, en alusión aos de Sánchez e Inés Rey.

Alfonso Rueda anima aos galegos e galegas a “encher as urnas de futuro” dándolle o voto á “reconstrución nacional” de Núñez Feijóo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide o voto para o Partido Popular e Alberto Núñez Feijóo, “a única persoa capaz de emprender a reconstrución nacional”, como “ben saben” os galegos e galegas. Para Rueda, hoxe comeza a conta atrás para “o cambio necesario”, tras oito anos de desgoberno do sanchismo e os seus socios -como o BNG-, polo que anima a que Galicia sexa “o motor de cambio”, “enchendo as urnas de futuro para España” o próximo 29 de novembro nas Eleccións Xerais.

Así o manifestou o líder do PPdeG no tradicional acto de inicio de campaña electoral, que se celebrou no hotel Eurostars San Lázaro de Santiago de Compostela, xunto ao secretario xeral do PP nacional e cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Tellado. No acto tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e o presidente do PP de Santiago e candidato á Alcaldía, Borja Verea. Tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e outros cargos e representantes do partido.

O presidente do PPdeG pediu aos seus unha “marcha máis” nestas dúas semanas de traballo intenso e ilusionante de campaña, co obxectivo de “non confiarse”, xa que cada voto conta e as eleccións “só se gañan nas urnas”. Para Rueda, é fundamental o cambio da man de Alberto Núñez Feijóo, xa que “España merece algo mellor”, e chama aos galegos e galegas a “non fallar”, para que a vitoria do líder nacional do PP sexa con maioría sólida e ampla.

De Alberto Núñez Feijóo valora a súa experiencia, o seu compromiso inquebrantable co país e o proxecto de reconstrución nacional para todos os españois. “Vainos o futuro nisto”, sinalou Rueda.

O presidente dos populares galegos reivindica que España “non merece” un Goberno coma o de Sánchez e os seus socios, lembrando os casos de Koldo e Ábalos, a falta de orzamentos xerais, a desprotección e abandono das fronteiras en Ceuta ou o feito de que este Goberno central se blinda os pluses a directivos de Adif mentres o sistema ferroviario “fai augas” en todo o país.

“España merece algo mellor. Un Goberno de reconstrución, de esperanza. Un Goberno con Alberto Núñez Feijóo como presidente”, concluíu Rueda. Na mesma liña interveu Miguel Tellado, quen tamén pediu o voto para Alberto Núñez Feijóo e agradeceu a acollida e o apoio que sempre ten en Galicia.

DIEGO CALVO: “É O MOMENTO DE ESTAR NA RÚA”

Pola súa banda, o presidente do PP da provincia da Coruña, Diego Calvo, cualificou como “decisivas” as xornadas de campaña, polo que aspira que os populares “percorramos toda a provincia, para estar en cada concello, en cada comarca e para chegar a todos os galegos e galegas”. Para Calvo, é o momento de estar na rúa e trasladar a mensaxe do Partido Popular, cunha campaña que, sinala, “debemos afrontar coa máxima ilusión, responsabilidade e intensidade”.

“O noso obxectivo é claro: conseguir que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno de España. Queremos que a súa voz, o seu proxecto e as súas propostas estean presentes en toda a provincia da Coruña”, sinalou, polo que pide aos cidadáns que confíen no proxecto popular. “Cada voto conta, cada apoio importa e cada conversa pode ser decisiva”, engadiu.

Calvo aspira a que a provincia da Coruña “estea á altura”, e pide a todos os galegos e galegas que dean a súa confianza a Alberto Núñez Feijóo para “abrir unha nova etapa política en España”, onde A Coruña “ten moito que dicir nese futuro”.

BORJA VEREA: “SANTIAGO VAI SER A PUNTA DE LANZA DA VITORIA DE ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

Por último, o presidente do PP de Santiago e candidato á Alcaldía, Borja Verea, agradeceu a elección da capital de Galicia para un momento tan importante como o inicio da campaña electoral en Galicia. Para Verea, é “un acerto, porque Santiago vai ser a punta de lanza da vitoria de Alberto Núñez Feijóo”.

Verea definiu a Feijóo como “o mellor candidato”, destacando, entre outros valores, a honestidade, a solvencia, e o rigor. “Temos un candidato que sabe gañar, temos as mellores ideas e representamos o cambio necesario”, apuntou.

O portavoz do PP local tamén se dirixiu a todos os santiagueses e santiaguesas, lembrando que despois das Eleccións Xerais chegará o reto das municipais, onde se elixirá ao próximo alcalde de Santiago. “Non vai haber ningún presidente do Goberno que se preocupe e vaia apoiar máis a Santiago que Alberto Nuñez Feijóo”, concluíu.