Santiago, 24 de abril de 2018.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, acusou hoxe ao BNG de traer ao Parlamento unha proposición de lei sobre o sector eléctrico “cargada de demagoxia, de irresponsabilidade, de insolidariedade e, incluso, de falta de constitucionalidade”. Ademais, manifestou que “pretenden beneficiar aos consumidores que poden pagarse unhas instalacións de autoconsumo, inalcanzables para as persoas con menos recursos, e que estes consumidores beneficiados non paguen unha importante parte da súa factura, que será repercutida aos que non se poden permitir o luxo de autoconsumir”.
Puy salienta as comparecencias sobre directrices enerxéticas e a PAC e as iniciativas do GPP sobre a tarxeta social universal e o Plan estratéxico da conserva no pleno desta semana no Parlamento
Santiago, 23 de abril de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana a posta en marcha da tarxeta social universal, unha ferramenta que “vai incrementar a capacidade de axudar a quen realmente o necesita e a eficiencia do conxunto de axudas que dan as administracións”, sinalou o portavoz popular Pedro Puy.
O GPP solicita prioridade para as comunidade de montes que cumpran as súas obrigas e dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal
Santiago, 21 de abril de 2018.- O Grupo Popular vén de presentar unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que dea prioridade nas axudas públicas e na cesión dos montes veciñais en grave estado de abandono a aquelas comunidades de montes que cumpran a totalidade das súas obrigas legais e dispoñan dun instrumento de ordenación ou xestión forestal para os seus montes.
O Parlamento demanda á Xunta que impulse e financie un plan de actuación de xestión da biomasa nas proximidades de vivendas e núcleos de poboación
Santiago, 20 de abril de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dun acordo entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se demanda á Xunta que impulse e financie maioritariamente un plan de actuación de xestión da biomasa en faixas secundarias, é dicir, nas proximidades das vivendas e núcleos de poboación. Neste sentido, neste plan priorizarase que os propietarios realicen a limpeza dos montes sen que o seu coste exceda do que se estima un prezo xusto e se incidirá nas parroquias de alta actividade incendiaria.
Medio Rural comparecerá no Parlamento para informar sobre a situación actual da praga da couza guatemalteca da pataca
Santiago, 20 de abril de 2018.- A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, comparecerá no Parlamento galego para informar sobre a situación relacionada coa couza guatemalteca da pataca, logo de que esta mañá rexistrara unha solicitude de comparecencia a petición propia e de que na Comisión 7ª tamén se aprobara por unanimidade que a Xunta informe sobre o avance desta praga e as medidas que se van tomar a fin de erradicala.
O Parlamento insta á Xunta a desenvolver a figura das agrupacións de defensa contra os incendios forestais
Santiago, 20 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a desenvolver a figura das agrupacións de defensa contra os incendios contempladas na normativa de incendios forestais. “A loita contra os incendios require da colaboración cidadá, sobre todo se temos en conta que tres de cada catro lumes teñen carácter intencionado”, manifestou o portavoz de Montes, Silvestre José Balseiros.
O GPP avanza que as obras de restauración do Pazo do Bispo en Ourense poderían comezar no outono
Santiago, 19 de abril de 2018.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández Gil, avanzou hoxe a previsión de que as obras de rehabilitación do Pazo do Bispo en Ourense poidan iniciarse no outono do presente ano. “Para isto, é necesario que o Goberno central aprobe os orzamentos do Estado, polo que demandamos ao Partido Socialista o seu apoio para sacar adiante as contas e se poidan executar estas obras”, manifestou.
María Antón Vilasánchez critica que En Marea rexeite un acordo para solicitar a delimitación da Vía da Prata ao seu paso polos barrios de Canedo e Beiro en Ourense
Santiago, 19 de abril de 2018.- A deputada do Grupo Popular María Antón lamentou hoxe a negativa de En Marea para chegar a un acordo no Parlamento e demandar que a Xunta realice un estudo histórico previo á delimitación para a inclusión da variante da Vía da Prata-Camiño do Sueste ou Camiño Mozárabe que discorre polos barrios de Canedo e Beiro en Ourense. Deste xeito, estas zonas poderán acceder ás axudas do Programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago habilitadas dentro do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas.
O PPdeG critica que «En Marea-Podemos defenda en Galicia a independencia xudicial cando se levantou e abandonou a subcomisión creada no Congreso para definir unha Estratexia Nacional de Xustiza»
Santiago, 18 de abril de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira criticou esta mañá no Parlamento que En Marea-Podemos “traia a esta Cámara unha proposta sobre a independencia do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e a elección dos maxistrados do Tribunal Constitucional cando é consciente de que este Parlamento non é o lugar adecuado para este debate e cando Podemos se ten levantado e abandonado a subcomisión creada no Congreso creada para definir unha Estratexia Nacional de Xustiza”.
O Grupo Popular solicitará á Xunta o desenvolvemento do Plan Estratéxico da Conserva Horizonte 2020, así como o inicio da elaboración do Plan estratéxico do conxelado
Santiago, 17 de abril de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana demandar que a Xunta desenvolva o Plan Estratéxico da Conserva Horizonte 2020 e inicie a elaboración do Plan estratéxico do conxelado así como ao Goberno central a inmediata posta en marcha da tarxeta social universal.
Pedro Puy concretou que, ben desde o Goberno galego ou desde o Grupo Popular, “traemos ao Pleno temas importantes e relevantes para Galicia que afectan ao sistema produtivo, tanto ao sector enerxético, a aplicación da Política Agraria Común ou o sector conserveiro; e temas de índole social, como a implantación da tarxeta social universal, a ampliación do Hospital de Montecelo en Pontevedra ou os centros de información á muller”.
Máis en concreto, especificou que na sesión plenaria comparecerán os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, para falar das directrices enerxéticas de Galicia; e do Medio Rural, sobre o futuro da Política Agraria Común en Galicia.
No apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará que a Xunta desenvolva o Plan Estratéxico da Conserva Horizonte 2020, que recolle as liñas principais para asegurar a competitividade e viabilidade do sector cara ao futuro. O portavoz popular subliñou que a produción da conserva en Galicia supuxo en 2016 un total de 1.291 millóns d euros, sendo o 85 por cento da produción de España.
Así mesmo, solicítase que se inicie a redacción do Plan estratéxico do conxelado, que determine as oportunidades que se abren neste sector e fortalecer as liñas de traballo que permitan a expansión da produción e a obtención de maior valor engadido para os produtos galegos.
INFORMACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá que o Goberno central poña en marcha de xeito inmediato a tarxeta social universal. Pedro Puy salientou a importancia desta identificación porque, “ademais de permitir a mobilidade de información entre as diferentes administracións públicas, facilita coñecer a situación real de cada titular da tarxeta e poder prestar os servizos dun xeito máis racional e eficaz”.
No apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre os resultados do fomento da xestión compartida dos centros de información á muller existentes en Galicia; os avances e novidades respecto da ampliación do Hospital Montecelo en Pontevedra; e o balance da primeira fase do Plan de transporte público de Galicia.