Santiago, 20 de xuño de 2018.- O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, salientou hoxe que a Xunta dispón dun parque público de 3.500 vivendas en réxime de alugueiro, “unha cifra que se vai incrementar coas novas construcións que se levan a cabo nas grandes cidades e vilas de Galicia”.
Castiñeira explicou que “as vivendas promovidas pola Xunta e adxudicadas en réxime de compravenda non se contan como parque público porque deixan de ser propiedade da administración”. “Atenden ao mesmo obxectivo de dar vivenda de calidade a prezo moi reducido ás familias máis desfavorecidas economicamente”, apuntou.
Neste sentido, lembrou que o decreto aprobado polo Goberno bipartito en 2007 “non inclúe a posibilidade de adxudicación de vivendas en réxime de alugueiro con opción de compra”, unha situación que o actual Goberno galego quere resolver coa aprobación dun novo decreto que contemple a modalidade de alugueiro con opción de compra.
Na súa intervención, o portavoz popular indicou que a Xunta está a levar adiante a construción de novas vivendas ou rehabilitación de cascos históricos e núcleos rurais en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol, Betanzos, Cenlle ou Sober.