O ditame modificación da Lei de Servizos Sociais inclúe o 83% das emendas oposición

O novo texto lexislativo, que introduce o concerto social, queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria


APROBADO O DITAME DA MODIFICACIÓN DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS DE GALICIA, IMPULSADA POLO GRUPO POPULAR E QUE INCORPORA O 83% DAS EMENDAS DO PSOE, BNG E AGE

Santiago, 17 de xuño de 2016.- A Comisión 5ª do Parlamento aprobou hoxe o ditame da proposición de Lei que modifica a Lei de Servizos Sociais de Galicia, impulsada polo Grupo Popular e na que se incorporaron o 83 por cento das emendas presentadas polos grupos do PSOE, BNG e AGE. O novo texto lexislativo, que introduce o concerto social como novo modelo de xestión dos servizos sociais, queda agora pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria.

 

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez, concretou que esta reforma puntual da Lei de Servizos Sociais, ademais de introducir o concerto social, reforza o papel das entidades de iniciativa social e garante dereitos esenciais ás persoas usuarias.

DOCUMENTO ABERTO

“Foi un documento aberto que intentamos consensuar coas entidades sociais e os grupos da oposición”, manifestou Rodríguez Arias, e mostra disto é que “o Grupo Popular non se rexeitou ningunha emenda nin do PSOE, nin do BNG, nin de AGE durante os traballos da ponencia, xa que todas elas ou foron aceptadas ou fíxose unha proposta de transacción”. Porén, lamentou que, a pesar destes acordos, os grupos da oposición non apoiaran esta proposición de lei e se abstiveran na votación do ditame.

A actual Lei de Servizos Sociais establece dúas fórmulas para prestar servizos sociais: a xestión directa e a xestión indirecta a través das distintas modalidades de contratación establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público. “Con esta proposición de lei se superan as limitacións da normativa actual e se regula o concerto social como novo modelo de xestión”, apuntou a portavoz popular.

SEGUINDO AS DIRECTRICES EUROPEAS

Marta Rodríguez explicou que o réxime de concerto social “é unha nova alternativa para a xestión dos servizos sociais seguindo as directrices europeas, diferenciada do concerto xeral regulado na normativa de contratación do sector público”.

“Para o establecemento do concerto social, as administracións públicas darán prioridade ás entidades sociais sen ánimo de lucro, aplicando medidas de preferencia e discriminación positiva, así como criterios sociais de calidade, experiencia e traxectoria acreditada”, sinalou.

Ademais, a modificación da Lei de servizos sociais recoñece por primeira vez unha serie de dereitos ás persoas usuarias no establecemento dos concertos sociais, atendendo os principios de dereito á libre elección; dereito ao arraigo da persoa á súa contorna social e continuidade da atención; e dereito á atención personalizada e integral.

Feijóo pide o voto para Rajoy porque ten a Galicia no seu corazón e nos orzamentos

Apunta que non é tolerable unha indefinición calculada que poida volver bloquear ao país durante os próximos anos
 
Feijóo pide o voto para Rajoy porque ten permanentemente a Galicia no seu corazón e nos orzamentos 
 
Afirma que Iglesias quere controlalo todo e que en Sánchez e Rivera destaca a ambigüidade, sen certeza ningunha do que poden chegar a facer
 
Pontevedra, 16 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que Mariano Rajoy ten a Galicia permanentemente no seu corazón, nos orzamentos e no Boletín Oficial do Estado. Por este motivo, pediu o voto para que o candidato do PP á presidencia do Goberno continúe ese compromiso coa nosa terra.
 
Así se expresaba nun mitin celebrado hoxe en Pontevedra e no que estivo acompañado da candidata ao Congreso, Ana Pastor, do presidente provincial, Alfonso Rueda, e do candidato popular á Moncloa, Mariano Rajoy.  
 
Segundo Feijóo, Rajoy demostrou o seu compromiso porque fala do que importa aos galegos, que é o emprego, poder chegar a fin de mes, que o presidente non deixe débedas, garantir as pensións e que se baixen os impostos. “Aos galegos nos importa Galicia e, en consecuencia, nos importa España”, engadiu. 
 
Así mesmo, salientou que tamén demostrou con feitos a importancia de que este país teña un goberno e recordou que, durante o seu mandato,  España evitou o rescate e converteuse no primeiro país en crecemento económico e de emprego da Unión Europea. 
 
 
INDECISIÓN POLA INDEFINICIÓN
Durante a súa intervención, o presidente do PPdeG tamén falou do elevado nivel de indecisión dos votantes, algo que considera comprensible polo alto nivel de indefinición por parte dalgúns dos candidatos a estas eleccións.
 
Nese senso, indicou que Rajoy si é claro e sempre mantivo o que dixo. Do mesmo xeito, recoñeceu que o candidato do PP só gobernará se gaña as eleccións.
Pola súa parte, lembrou que Pablo Iglesias quere controlalo todo e, no que respecta aos demais, destaca a indefinición e a ambigüidade. “Non hai certeza ningunha do que poden chegar a facer”, asegurou referíndose a que Sánchez é fiel a súa ausencia de criterio, e a que Rivera fixo o contrario do que dixo pois, logo de dicir que deixaría gobernar á lista máis votada, pactou con quen perdeu as eleccións.
 
“Non é tolerable nin admisible unha indefinición calculada”, admitiu Feijóo advertindo que non se pode permitir volver bloquear o goberno do país durante os próximos anos. 
 
“Eu non quero a parálise de Galicia. Preferimos a política estable de Galicia que a inestabilidade política do PSOE, das Mareas de Podemos e de Ciudadanos”, apuntou mentres indicaba que durante estes meses de bloqueo en España, na nosa comunidade continuáronse facendo cousas.
 
Como mostra disto, lembrou que se logrou eliminar o imposto de Sucesións, puxéronse impostos cero no rural, apoiouse ás familias e aos máis novos; conseguíronse máis vehículos para a factoría PSA en Vigo e máis contratos para os estaleiros galegos; ademais de dar inicio á fabricación de avións non tripulados en Rozas, Lugo. Por isto, mantivo que os populares non queren que os políticos que bloquearon España fagan o mesmo en Galicia.
 
Por outra banda, Feijóo tamén recoñeceu que, se Pablo Iglesias fora o candidato popular, diríalle que debería aprender da humildade dos galegos, así como se o fose Pedro Sánchez debería aprender da nosa responsabilidade. No tocante a Albert Rivera precisou que, de ser el o candidato do PP, non diría lle nada, posto que o líder de Ciudadanos non quere que fale ninguén que non sexa el.
 
Pola contra, o presidente si valorou a humildade e responsabilidade de Mariano Rajoy, un pontevedrés que cumpriu co seu deber durante os catro anos do seu mandato e que é unha garantía para España e para Galicia. 
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/O-pTpHogMEc» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo: “De ir tanto contra o PP fóiselles a man e o que están é en contra de España»

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que só hai un voto co que volveu a creación do emprego a España e ao naval galego: o voto ao PP.
 
Segundo admitiu o dirixente popular, non hai goberno alternativo ao PP e, por iso, cando o resto de partidos perden, bloquean, non propoñen e van á contra. “O seu voto é contraproducente”, engadiu.
 
Durante un mitin celebrado en Ferrol e no que estivo acompañado polo presidente local, José Manuel Rey, polo candidato ao Congreso, Juan Juncal, e polo presidente provincial, Diego Calvo; Feijóo insistiu en que votar a Ciudadanos non ten sentido e é contraproducente ata para os votantes deste partido, xa que pode acabar transformándose nun voto ás Mareas de Podemos. “O voto a Ciudadanos non suma, o voto a Ciudadanos resta”, engadiu.
 
Así mesmo, fixo fincapé en que “o máis contraproducente para Galicia é o voto a Podemos”. Segundo indicou, eles din ser “os da xente” pero o primeiro que fan no Congreso é pedir un referendum en Galicia, para que nos dividamos entre nós e teñamos que escoller entre ser ou galegos ou españois. 
 
Do mesmo xeito, recordou tamén que din querer un estatus diferente para Cataluña e o País Vasco, algo que, segundo asegurou Feijóo, non pagaremos os galegos, “xa que nós non pagaremos os privilexios doutras comunidades autónomas”.
 
Ademais, o líder do PPdeG puxo en valor o esforzo que custou suprimir en Galicia o imposto de Sucesións, un tributo que Podemos quere restaurar pero que o presidente asegurou que o PP non vai permitir.
 
Se isto fose pouco,  lembrou que Podemos tamén se amosa en contra do naval, contra Reganosa, contra a factoría PSA, contra o aeródromo de Rozas e mesmo contra o AVE, que consideran “dos ricos”. “De ir tanto en contra do PP e de ir tanto en contra Feijóo, fóiselles a man e o que están é en contra de España”, precisou.
 
Por todos estes motivos, o dirixente pediu o voto para que si haxa un goberno útil que sirva ao españois ante os que empregaron o voto da cidadanía en que non servira para nada. 
 
“Fronte a un partido reformista está o inmobilismo”, indicou Feijóo incidindo en que a irresponsabilidade trae consigo unhas novas eleccións, mentres a responsabilidade, como a que demostrou ter o PP, sempre da resultados.
 
“Hoxe estamos mellor que cando chegamos ao Goberno en 2012 e en 2009”, incidiu Feijóo mentres salientaba que, durante o parón en España, Galicia seguiu funcionando. 
 
Ademais, tamén fixo fincapé en que o que non pode ocorrer é que o presidente do país sexa o perdedor das eleccións e que o xefe da oposición sexa o vencedor dos comicios. Así, apuntou que España xa perdeu seis meses e, por este motivo, pediu non dispersar o voto para lograr gañar con contundencia e poder ter un goberno. 
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/Zup3LAEEFQ8″ frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo di que a estabilidade garante emprego e a alternativa desgoberno

Apunta que non é posible parecer alternativa de Goberno en dúas horas cando non foron capaces de sela en seis meses
 
Feijóo di que o debate foi a constatación televisada de que a estabilidade garante emprego e de que a alternativa é desgoberno
 
Indica que Sánchez, Rivera e Iglesias “non suman un goberno”, e engade que con Rajoy si vimos experiencia, resultados, humildade e o balance dos catros últimos anos
 
“A única opción é votar a un goberno seguro, moderado e que só pensa nos intereses xerais”, afirma indicando que a alternativa ao PP é o populismo
 
Carballiño, 14 de xuño de 2016-. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe o debate mantido onte polo candidato do PP, Mariano Rajoy, cos aspirantes de resto de partidos que concorren a estas eleccións. 
 
O dirixente popular destacou nun mitin celebrado en O Carballiño e no que estivo acompañado do candidato ao Congreso pola provincia de Ourense, Miguel Ángel Viso, e polo presidente provincial, Manuel Baltar; que o debate foi a constatación televisada de que a estabilidade garante emprego e de que a alternativa é o desgoberno e a obstrución. Ademais, dixo que non é posible parecer alternativa de Goberno en dúas horas cando non foron capaces de sela nos seis meses transcorridos entre as eleccións de decembro e a convocatoria destes comicios de xuño.
 
Pola contra, Feijóo destacou que o que si se constatou tamén foi a posibilidade de constituír un goberno cun presidente que é Mariano Rajoy. “Había un presidente e tres candidatos que nunha gobernaron en ningún sitio, nin nun concello e sen experiencia”, engadía admitindo que “a suma dos tres non da un goberno senón que é unha liorta entre eles e un desgoberno evidente”.
Nesa liña, tamén destacou que pese a que “estaban no seu momento culmen porque son especialistas en tertulias televisivas” resultoulles mal porque fronte tiveron a Rajoy, que si acreditou ter un proxecto para España.
 
“Os tres candidatos non suman un goberno”, engadía o presidente facendo referencia a Pedro Sánchez, Albert Rivera e Pablo Iglesias, mentres apuntaba que co candidato do Partido Popular si vimos a experiencia, os resultados, a humildade, os datos e o balance dos catros últimos anos. “Mentres, o resto só se dedicaban a rirse e insultarse amosando a súa pouca educación”, dixo. 
 
“Din que teñen solucións para todo aínda que nunca solucionaron nada”, reflexionou Feijóo lembrando como exemplo que en Galicia levamos un ano de gobernos das Mareas e comprobamos xa a súa inoperancia, a súa vagancia e a súa falta de proxecto. 
 
Tal e como indicou, “os políticos que están en prácticas non poden conducir o Goberno de España”. Así, insistiu en que é imposible ver neles un goberno responsable.
 
O presidente do PPdeG tamén asegurou que comprende a decepción e que hai xente que non entende para qué se votou en decembro. Así mesmo, advertiu que o voto que empeza no PSOE pode acabar en Podemos pola vía do pacto ao igual que o que comeza en Ciudadanos pode acabar en Podemos polo sistema de reparto de escanos.
 
 “A única opción é votar a un goberno seguro, moderado e que só pensa nos intereses xerais”, afirmaba indicando que “a alternativa a Rajoy é o populismo”. 
 
Para concluír, Feijóo aseverou que só o voto ao PP acaba no crecemento económico, na sanidade e na educación públicas, nas infraestruturas, nas pensións, no tren de alta velocidade e, en definitiva, en todas as cousas que lle interesan á xente.
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/lbOrRCyakyQ» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo pide o voto para os que se mollan por España e son garantía de esperanza

A Coruña, 14 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe o voto responsable para aqueles que se mollan por España e son garantía de esperanza, porque hoxe hai máis esperanza que hai catro anos, fronte a aqueles que, por vagancia ou inoperancia, nunca chegarán a nada e só son garantía de frustración, porque hoxe hai máis frustración alá onde gobernan.
 
Así se expresaba o líder dos populares galegos nun encontro sobre economía e emprego organizado na capital coruñesa, onde asistiu acompañado do candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Lorenzo, e polo presidente provincial, Diego Calvo. 
 
Como lembrou Feijóo, só hai dúas alternativas: un goberno presidido pola maioría das persoas que apostan por unha política rigorosa, realista e responsable; ou un Goberno secuestrado polas minorías e incapaz de evitar una nova frustración na cidadanía. 
 
A EXPERIENCIA DO PP EN ESPAÑA E EN GALICIA
Máis polo miúdo, o presidente do PPdeG analizou as dúas opcións e, sobre a primeira, lembrou que, entre a España na que crecía o paro máis que en ningún sitio de Europa e a España de hoxe, que é a que máis crece na Unión, o que pasou é que houbo un novo Goberno que fixo posible o cambio de ciclo. “Traballamos a favor de España, contra a presión de Europa e contra a presión da oposición”, subliñou.
 
Segundo engadiu, o balance do Goberno do PP en España resúmese en máis emprego, crecemento económico, menos impostos, máis esperanza, máis credibilidade internacional e pensións garantidas.
 
No que atinxe á xestión do PPdeG na comunidade, Feijóo destacou que, como en Galicia hai estabilidade, a economía vai medrar máis do previsto (ata un 2,8%) e máis que en España (2,7%), e tamén o paro vai reducirse algo máis do estimado inicialmente (ata o 17%).  
 
Do mesmo xeito, o líder do PPdeG destacou que Galicia logrou novos proxectos para os sectores estratéxicos e abriuse a novos sectores. Ademais, puxo en valor o progreso e as axudas aos emprendedores, que poden producir máis, innovar máis e exportar máis, tal e como indican os indicadores macroeconómicos. 
 
Do mesmo xeito, lembrou que a recadación fiscal en Galicia é a terceira máis alta en España no que vai de ano e que foi quen de aprobar uns orzamentos autonómicos para o 2016 que baixan e mesmo eliminan impostos e manteñen o esforzo para que Galicia poida seguir sendo a comunidade que máis inviste en toda España. 
 
Ademais, grazas á responsabilidade do Goberno galego cos obxectivos do déficit nos últimos anos, Galicia conta hoxe cun superávit de responsabilidade que fai posible destinar 50 millóns aos nenos e aos mozos, 60 á sanidade pública e a axudas para as vivendas das familias, case 30 a actuacións de dinamización do emprego, e preto de 20 ao medio rural. 
 
Por outra banda, como nesta comunidade non hai bloqueo nin parálise nin aventuras estériles como noutras autonomías, Galicia non ten nada que envexar de ningún outro lugar do Estado, mentres que España ten moitas cousas que imitar desta terra.
 
A EXPERIENCIA DOUTRA ALTERNATIVA
Con respecto á outra alternativa, a de reproducir a nivel estatal os pactos que permitiron a Podemos mandar en distintas corporacións locais e parlamentos autonómicos no último ano, Feijóo lamentou as consecuencias dos mesmos. Por exemplo, lembrou que nalgúns lugares os orzamentos locais aprobáronse con retraso e non se poderán executar ou, directamente, non se aprobaron como no caso de Ferrol. 
 
Nesta liña, citou outras promesas incumpridas, como o rigor nas contas ou a estabilidade, cando o único estable que lograron son as pelexas continuas co PSOE; ou facer política para a xente, cando gastan máis recursos en aproveitar actos públicos para convertelos en mitins.
 
O líder dos populares galegos fixo balance doutros fracasos destas formacións e lamentou que, por exemplo, na Coruña esta será a primeira vez en 10 anos que os mozos non van poder disfrutar do Programa de Becas USA; que en Ferrol se incrementase o tempo de espera para as axudas de emerxencia social; ou que en Santiago se reducisen as axudas para Cáritas ou para o Proxecto Home ou se lle retirase ao Banco de Alimentos. 
 
Segundo concluíu Feijóo, non teñen proxecto nin rumbo e serán recordados como aqueles que o prometeron absolutamente todo e que, cando tiveron a súa oportunidade, non fixeron absolutamente nada. Neste senso, asegurou que “hai algo moito peor que executar nun país un proxecto equivocado, e é dicirlle a xente que es capaz de calquera cousa cando despois, non sabes ou non podes facer nada”. 
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/THhIamerQRM» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Tellado avanza as visitas de Rajoy, Cospedal e Soraya nunha campaña de proximidade

Fronte aos “animais de plató”, reivindica aos candidatos “con currículo de servizo” que saen a “falar cara a cara cos galegos”
 
Tellado avanza as visitas de Rajoy, Cospedal e Soraya nunha campaña de proximidade e de “boas sensacións”
 
Espera que no debate de hoxe Sánchez non insulte, Rivera explique o seu apoio ao PSOE, e Iglesias confirme que se é presidente haberá referéndum en Cataluña
Fai un chamamento ao voto “dende a responsabilidade” e destaca que os votos a Sánchez e Rivera dende Galicia poden “acabar en Podemos”
 
Santiago, 13 de xuño de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, avanzou hoxe as visitas a Galicia de Mariano Rajoy, María Dolores de Cospedal e Soraya Saénz de Santamaría. 
 
Os tres estarán esta semana en territorio galego. O primeiro será o candidato popular, que estará o xoves na súa cidade natal, Santiago de Compostela, e na cidade na que máis anos residiu: Pontevedra.
 
A secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, estará co presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo durante parte da xornada de sábado, e a vicepresidenta do Goberno fará o propio o domingo.
 
Por iso, fronte aos das visitas exprés ou os que nin sequera veñen a Galicia por non consideralo prioritario, tanto o presidente nacional do partido como as súas número dous no Goberno e no PP estarán pedindo o apoio aos galegos sobre terreo. 
 
Tellado valorou positivamente a campaña que está levando a cabo o PPdeG, “con poucos atrís e moita rúa” e na que a xente está recibindo aos dirixentes do partido con cariño. “Temos boas sensacións”, dixo, e “agardamos que esas boas percepcións se traduzan en votos”.
 
Sobre o debate desta noite, dixo que “confiamos en que sexa construtivo e desexamos que Pedro Sánchez non insulte a Mariano Rajoy, que Albert Rivera diga se volverá a usar os votos dos galegos para entregarllos ao PSOE, e que Pablo Iglesias confirme que organizaría un reférendum en Cataluña a cambio de desbancar do poder á lista máis votada”.
 
O contraste entre os candidatos, cre Tellado, está entre os que son “animais de plató” e “viven pensando permanentemente en tertulias” e os que teñen “currículo de servizo” e son capaces de “falar cara a cara cos galegos”, entre os que situou a Mariano Rajoy.
 
Por todo isto, Tellado concluíu facendo un chamamento a concentrar o “voto útil” no PPdeG. O secretario xeral dos populares galegos destacou que “pensando en España, cómpre votar dende a responsabilidade” e, dende esta perspectiva, descartou a utilidade dun voto a un Pedro Sánchez que aínda non descartou que vaia a “permitir o ascenso do populismo” así como dun voto a Ciudadanos cuxo efecto en varias provincias galegas é non só “tirar o voto á papeleira” senón “acabar en Podemos”, ao reforzar as súas posibilidades de obter os seus escanos.
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/XGVgQQeYoto» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo contrapón a supresión do imposto de Sucesións co afán de Podemos de restauralo

Madrid, 13 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que “o mellor que fixemos nestes últimos catro anos é devolver a esperanza ao noso país”, ao tempo que indicaba que os populares exercen a política sendo un equipo e queren seguir exercendo a defensa dos intereses xerais con responsabilidade. 
 
Así se expresaba nun foro celebrado esta mañá en Madrid no que estivo acompañado pola presidenta desta Comunidade, Cristina Cifuentes, e onde puxo en valor que tanto en Madrid como en Galicia, o goberno do PP, ademais de reducir o custe do transporte para os mozos, logrou baixar os impostos e eliminou o de Sucesións e Doazóns, “xa que parécenos máis razoable que sexan as familias as que xestionen a herdanza dos seus pais e non que o fagan os gobernos”.
 
Nese senso, afeou o obxectivo de moitos partidos -como Podemos- de querer implántalo de novo, mantendo unha presión fiscal máis alta e volvendo poñer un imposto que co esforzo da xente se puido eliminar. 
 
Ademais, Feijóo tamén fixo fincapé na importancia de dar liberdade á cidadanía sen querer adoutrinala así como o fundamental que é que un político non lle deixe unha débeda ao seu país cando marcha. Nese sentido, insistiu en que cando un dirixente do PP marcha pode mirar aos ollos á xente e dicirlles “non deixei un pufo, paguei o que debía, marcho coas contas ordenadas, non fun un problema para a comunidade autónoma”. “Nin Madrid nin Galicia deixaron ningún pufo e iso é o que nos anima a seguir pedindo o voto para a política da liberdade e da responsabilidade», dixo.
 
PROXECTO PARA ESPAÑA
“Hai un proxecto para España e chámase Partido Popular”, apuntou o presidente ao tempo que lembraba que o PSOE tívoo durante moito tempo pero xa non o ten; que é evidente que Ciudadanos tampouco é un partido para o país, intentando buscar persoas de UPyD e do PP para ir concretando as súas candidaturas ao longo de España; así como tampouco teñen proxecto os nacionalistas, que só queren manterse no poder nas comunidades autónomas onde están no goberno.
 
Nesta liña, afirmou que un dos activos máis grandes do PP é que non fai falta optar entre ser de Galicia ou de España “porque sabemos que a nosa forma de ser españois é ser galegos”. “Non podemos facer unha política local que é a destrución dun proxecto común”, engadiu.
 
Segundo apuntou, gobernar é facer un proxecto a favor e non discutir e ir en contra, “é buscar as vantaxes para que o país mellore”. Así, insistiu en que cando se pon o ego por riba do país e se busca o interese propio por riba dos intereses xerais o país bloquéase, tal e como aconteceu en España. 
 
GOBERNO ESTABLE OU POPULISMO
“Estes meses puidemos comprobar que se pode estar peor que co PSOE no goberno e é estar con Sánchez, con Iglesias e con Rivera. Con España en mans dun equipo sen proxecto e cun conxunto de egos que teñen unha característica en común, que nunca solucionaron nada”, indicaba Feijóo. Polo contra, o presidente si valorou que, co PP, España despexou as súas incertidumes e hoxe está mellor que cando Rajoy chegou á Moncloa. 
 
Así mesmo, apuntou que o Partido Popular é o único voto seguro para ter un goberno estable cuxa única alternativa é o populismo.
 
O dirixente tamén advertiu que nos xogamos a posibilidade de deixar o noso futuro en mans de persoas que nunca xestionaron nin nun concello pero que agora pretenden ser primeiro ministro e, por iso, recordou que nas urnas está a solución. 
 

Feijóo sinala que o PP é a única vía segura para a moderación e o goberno

Salienta que o voto que empeza no PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto
 
Feijóo sinala que o PP é a única vía segura para a moderación e o goberno e di que os votos a Ciudadanos en Galicia deron escanos ao populismo
 
Asegura que a Podemos non lle interesa o país, que non teñen proxecto para España e que presentan un programa que só vale para gobernar seis meses
 
Apunta que culpar ao partido que gaña eleccións de que non hai goberno ou que se diga que se ten que ir o candidato gañador  “é a democracia ao revés”
 
Monforte, 12 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o voto ao Partido Popular é a única vía segura para que haxa moderación e goberno.
 
O dirixente, que participou nun mitin en Monforte acompañado polos candidatos ás Cortes pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro e Joaquín García Díez, e pola presidenta provincial, Elena Candia; dixo que a alternativa ao goberno dos populares co que crece España non é outro goberno senón o populismo, “que non ten ningún interese en gobernar senón en enganar”.
 
Do mesmo xeito, tamén incidiu en que os votos a Ciudadanos en Galicia non serven para dar escanos a esta formación, lembrando como en Lugo, Ourense ou Pontevedra todos eses apoios transformáronse en máis escanos para as Mareas de Podemos.
 
Tal e como explicou, o voto que comeza en Ciudadanos pode rematar no partido de Pablo Iglesias polo sistema de reparto de escanos, así como o que empeza no PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto. Ante isto, insistiu en que o que empeza no PP remata no propio PP e na creación de emprego, nunha política económica e nun goberno.
 
Así mesmo, o dirixente incidiu en que a Podemos non lle interesa o país porque só están interesados en eles mesmos, non teñen proxecto para España e presentan un programa que “como moito vale para gobernar seis meses”. 
 
O presidente tamén lembrou que esta é a primeira vez que ocorre que os que perderon as eleccións bloquean o país, recordando que “votar é o único que non nos poden quitar nin bloquear”.
 
Nesa liña, admitiu que, tras estes últimos meses con España en mans do PSOE, de Ciudadanos, de Podemos e dos nacionalistas, comprobamos que estes partidos non son quen nin de repartirse os cargos e que, cando aos populares se lles nega a posibilidade de gobernar hai desgoberno, división e actos só para os medios de comunicación.
 
Por outra parte, tamén fixo fincapé en que se o PP non gaña os comicios si vai facilitar que gobernen os vencedores, “porque hai que aceptar as reglas do xogo, aceptando que o que perde ten que estar na oposición e o que gaña no goberno”. Nese senso, engadiu que culpar ao partido que gaña eleccións de que non hai goberno ou que se diga que se ten que ir o candidato gañador “é a democracia ao revés”.
 
Feijóo asegurou que agora temos a opción de votar libremente a aqueles que cremos que poden solucionar mellor os problemas do país. E é que, segundo apuntou, os populistas, que nunca gobernaron nin solucionaron nada, din que teñen solución para todo dedicándose exclusivamente a falar pero non a facer.
 
Por este motivo, o presidente salientou que, se o voto se divide non haberá goberno. “Nós non estamos aquí para gobernar seis meses senón para sacar a España da crise económica”, sentenciou.
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/dXH813qsL2Q» frameborder=»0″ allowfullscreen ]