Feijóo: “Galicia é a miña decisión, a miña prioridade e a miña opción”

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2016.- O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que Galicia é a súa decisión, a súa prioridade e a súa opción e que a nosa comunidade foi o principal factor que inclinou a balanza na súa determinación de presentarse outra vez a liderar o PPdeG. “Galicia será a dona do meu destino e a que decida que vai ser Alberto Núñez Feijóo nos próximos anos”, dicía o dirixente nunha entrevista concedida á Radio Galega esta mañá. 
O mandatario popular subliñou que, ao ser presidente da nosa comunidade, decatouse da importancia de ter un pobo como o noso, que sabe que o resultado do sacrificio sempre é o éxito e viu que o camiño que fixeron os populares nos últimos anos non foi de balde, senón que nos leva agora a ser unha autonomía solvente, respectada en España, que non necesita do diñeiro dos demais para chegar a fin de mes e cuxa economía está crecendo. Así mesmo, Feijóo incidiu en que a súa posición política, dende que se presentou no 2006 a presidente do partido, é Galicia.
Do mesmo xeito, recoñeceu que, pese a que seguir en política non é fácil neste momento, “probablemente agora é cando máis aconsellable sexa para as persoas que temos interese e vocación polo servizo público dar a batalla”. Para o mandatario a opción é “non abandonar un barco que está nunha forte marexada que é a política galega e española” senón seguir trazando un rumbo que está marcado por dúas grandes ideas: ter un proxecto para Galicia e garantir a estabilidade dese proxecto, algo que, tal e como afirmou, si ten o PPdeG.
O presidente apuntou que, desde as eleccións municipais de 2015, cando viron que había unha desconfianza no ambito dos partidos políticos e  que xurdían movementos que naceron ao carón da recesión e da desilusión, entenderon que tiñan que empezar a reaccionar. Así, fixeron unha ponencia no partido, un cambio no Goberno, melloraron as políticas sociais, celebraron os congresos provincias e, “todo isto se desenvolveu conforme ao que pensabamos que era bo para o PPdeG para seguir servindo a Galicia”, dixo Feijóo.
Segundo indicou, foi precisamente tralo último congreso provincial de Pontevedra cando empezou a debuxar a decisión de continuar á fronte do PPdeG, confirmando que está preparado se os seus compañeiros así o queren e que, “a partir de aí o importante é o que Galicia diga, se quere eu estou disposto”, engadiu.
Se ben o presidente recoñece que gañar unhas eleccións por maioría absoluta vai ser moi difícil, “imos intentalo porque creo que Galicia xa está experimentando o que son cidades importantes con gobernos que non aproban os orzamentos, que non adoptan decisións de goberno porque probablemente non saiban cales son as súas prioridades e, ademais, non son capaces de pactalas coa oposición”. Segundo Feijóo, estámolo vendo non só en Galicia senón tamén en España, onde non hai goberno nestes momentos e, por iso, insistiu en que “nós non debemos pasar por aí e cometer os erros que se cometen noutros lugares”. 

TERRA DE CRECEMENTO ECONÓMICO E EMPREGO
Na entrevista, o máximo dirixente do PPdeG, recordou que esta semana coñecíamos datos moi alentadores que amosan que a economía galega crece máis que nunca. Por este motivo, apunta que mereceu a pena todo o que os populares fixeron os últimos anos porque estamos ante un crecemento económico e agora pódese augurar seguir baixando o paro, que é o principal problema de España e da nosa comunidade. 
“Quédannos catro anos para consolidar Galicia como unha terra de crecemento económico e de emprego”, asegurou Feijóo en referencia á que sería unha terceira lexislatura ao fronte da Xunta. Nesta liña, subliñou que, se ben agora hai camiños despexados e tense ordenado o territorio bastante ben dende o punto de vista legal, aínda hai que acabar moitas cousas entre as que salientou seguir traballando polo sectores lácteo e primairo, buscar rendabilidade no ámbito pesqueiro, finalizar as grandes infraestruturas, conseguir que o tren de alta velocidad estea aquí, preparar o Xacobeo do 2021, ou continuar poñendo os camiños de Santiago a disposición dos millóns de turistas que nos visitarán –agarda- aínda con maior intensidade. 

Feijóo anuncia a súa candidatura á Presidencia do PP de Galicia

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que volverá presentar a súa candidatura á Presidencia do partido porque “cando unha das opcións que da a vida é Galicia, non existen as outras”. “Estou na política porque creo nela, creo no meu partido, creo en xente como Mariano Rajoy e creo no servizo público, por iso, póñome a disposición do meu partido primeiro e, se os compañeiros así o queren, do conxunto dos galegos despois”, afirmou o mandatario.
Ante a Xunta Directiva do PPdeG, que aprobou a convocatoria do XVI Congreso Autonómico, Feijóo trasladou que concorrerá a este coa mesma ilusión que cando o fixo por primeira vez hai dez anos, coa experiencia de todo este tempo e coa forza necesaria para dalo todo polo seu partido e por Galicia. “Porque creo que o noso proxecto é o que máis convén a Galicia e porque creo que Galicia está por riba de todo. E non son eu, senón que son as galegas e os galegos os que teñen que elixir”, manifestou.
Así mesmo, o dirixente dixo que, despois de dez anos no PPdeG e sete na Xunta “podo mirar aos ollos a cada unha das persoas ás que me debo”, en referencia a todo os afiliados do partido e á cidadanía galega en xeral. 
Aínda que trasladou que é normal que xurdan as preguntas sobre se a política merece a pena e sobre o que un pode ofrecer ao seu partido e ao seu país, Feijóo asegurou que todas elas sempre concordaron ao longo da súa vida na mesma resposta, que é Galicia. “Sempre que tiven a honra e a oportunidade de elixir na miña vida, sempre escollín Galicia”, aseverou, e engadiu que “ante Galicia, calquera outra opción, calquera outra posibilidade faise minúscula e secundaria”.
Pese a que a política ben entendida obriga a renuncias persoais e trae sensabores, Feijóo engadiu que merece a pena cando un sente a responsabilidade do servizo público e ama ao seu país. “Merece a pena por todas as persoas ás que un se debe”, resolveu, e asegurou que iso se impón a outros sucesos que fan que moitas persoas non teñan esperanza na política e tamén provocan desencanto nos que cren nela.
“Parece que ter traxectoria de servizo público é aproveitarse da política pero se saes da política é para aproveitarte do teu paso por ela. Parece que a experiencia é un lastre en lugar de ser un valor a ter en conta. Parece máis efectivo frivolizar cunha frase que tomarse as cousas en serio e con rigor. Parece que é necesario odiar ao adversario, ser rancoroso con quen pensa diferente, poñerse barreiras e establecer vetos persoais”, dixo o presidente, e, fronte a iso, reivindicou a auténtica política na que un busca solucións aos problemas e non aproveitarse deles, puntos de encontro para non enredarse na diferenza dun país unido e non dividir a sociedade por interese, e na que poden confiar os galegos que aínda están a espera de máis solucións.
“Esa é a política que eu quero para Galicia e na que eu creo”, proclamou, e mostrouse convencido de que ese xeito de entendela permitiu dotar a España de garantías constitucionais, construír a Autonomía e axudar a crear máis oportunidades nestes últimos anos de crise económica.
Precisamente respecto a isto, Feijóo considerou unha honra que os galegos lle deran a confianza nos seus momentos máis difíciles e garantiu que non tería escollido un máis sinxelo. Neste senso, indicou que en Galicia hoxe hai máis esperanza, máis oportunidades e máis futuro e, onde antes había número vermellos, agora hai unha economía que crece; onde antes había crecemento do desemprego, agora hai baixada sostida de paro; e onde antes había risco de quebra, agora hai servizos públicos sostibles para os galegos de hoxe e os de mañá. 
Malia que recoñeceu que hoxe tampouco son tempos fáciles, Feijóo rememorou a situación na que se atopaba cando asumiu a Presidencia do PPdeG e constatou que hoxe conta cos mesmos vimbios que lle permitiron lograr a confianza maioritaria dos galegos nas primeiras autonómicas ás que concorreu.
Entre eles, citou a unidade e a renovación do partido para abrirse a unha sociedade que evoluciona, así como a humildade para recoñecer erros e tentar mellorar constantemente. Igualmente, tamén recordou que o partido se mantivo fiel aos seus principios, non empregou a ideoloxía como barreira e sempre amosou o orgullo de ser galegos e españois. “Así gañamos. Así gañou o partido. E así saíu gañando Galicia”, resumiu e, posto que esa actitude segue vixente, mostrouse convencido de que “poderemos volver a gañar”.
Precisamente, Feijóo referiuse ao lema co que se presentou á Presidencia do PPdeG por primeira vez en 2006 -sumar, seguir e gañar— porque, na súa opinión, esa foi a clave do éxito do partido tanto a nivel interno como nos procesos electorais posteriores.  “Sumamos, seguimos e gañamos”, resumiu en referencia ao primeiro conclave que o elixiu presidente dos populares galegos, e asegurou que o mérito dos anos seguintes non foi seu, senón “de todo un partido que se puxo a punto namentres os outros quedaron atrapados no pasado”. Igualmente, atribuíu á motivación, ás ganas e á mobilización de todo o PPdeG as vitorias electorais de 2009 e 2012.
Con todo, en clave persoal, concluíu que nunca lle poderá devolver ao partido a súa confianza nin á maioría dos galegos a maior honra da súa vida que é presidir Galicia. “Non hai maior honra que servir Galicia”, reiterou, e insistiu en que “nada que poida ter feito antes –porque isto non é para toda a vida— nin nada que poida facer despois será minimamente comparable”.

A Xunta directiva aprobará data, prazos e manifestos do XVI Congreso autonómico

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2016.- O voceiro dos populares galegos, Miguel Tellado, avanzou que a Xunta directiva do PPdeG aprobará mañá a data, os prazos, e os manifestos do XVI Congreso autonómico do partido.
O portavoz explicou que as datas que proporá a actual dirección dos populares galegos para a celebración do conclave –e que posteriormente terá que ratificar a Xunta directiva- será o fin de semana do 7 e 8 de maio na cidade de Ourense.
Así mesmo, a idea dos populares é elaborar dous manifestos titulados “A Galicia de hoxe: o camiño percorrido” e “A Galicia de mañá: o camiño por percorrer”. Segundo apuntou o voceiro, o primeiro deles tería como ponentes a Ángeles Vázquez, Mari Teijeiro, Cristina Romero, Nidia Arévalo e Pedro Rojo; mentres o segundo tería como ponentes a María Ramallo, Edelmira Barreira, Teresa Egerique, Juan de Dios Ruano e Antonio Basanta.
Ademais, estes dous documentos irían acompañados doutro informe presentado polo secretario xeral, Alfonso Rueda, que terá por título “O partido de hoxe, o partido de mañá”.
“Trátase de que o Congreso serva non só para elixir un novo equipo de dirección, senón para renovar ideas e pasar revista á nosa xestión na Xunta dende que os galegos nos deron a súa confianza no 2009”, engadiu Tellado ao tempo que afirmaba que, desta maneira, explicarán como xestionaron ese caudal de confianza recibida e como trasladaron tamén o apoio da súa militancia á xestión do día a día da Xunta.
Para o portavoz, o Congreso autonómico permitirá culminar un proceso de renovación que comezaba fai sete meses coa aprobación da ponencia política do partido e que continuaron no último mes cos catro congresos provinciais nos que había un grado de renovación do 75%.
“O congreso autonómico tamén nos ten que permitir fixar o eixo de actuación para que a nova dirección do partido teña como referente durante os próximos anos cal ten que ser o camiño a seguir para que o PPdeG siga sendo o primeiro partido de Galicia, sinónimo de estabilidade e de bo Goberno e para manter a confianza dos galegos e seguir á fronte da Xunta”, aseguraba Tellado.
O portavoz incidiu en que será mañá cando a xunta directiva aprobe o calendario de datas, así como os prazos de presentación de candidaturas que, segundo a proposta da dirección e co obxectivo de favorecer a participación, requirirá na fase inicial de 90 firmas das 101.000 sinaturas posibles dos afiliados. 
Xa unha vez que a Xunta directiva se posicione e adopte as decisións pertinentes, os populares darán a coñecer de forma pormenorizada o calendario e regulamento do seu XVI Congreso autonómico que, segundo Tellado, asumen con ilusión convencidos de que a renovación permanente é o que ten permitido ao partido sintonizar de forma continuada coa maioría dos galegos.

Feijóo anuncia licitación do proxecto básico e de execución da intermodal da Coruña

Santiago, 31 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a licitación do proxecto básico e de execución da nova estación intermodal da Coruña, que terá “un período de entrega de doce meses”. Este contrato terá un importe de 600.000 euros, que será aboado integramente polo Goberno autonómico, “aínda que as actuacións van ser cofinanciadas polo Concello”.
 
Trátase da cuarta intermodal que a Xunta está a fomentar en Galicia, dentro do esforzo por “facer que os autobuses e os trens cheguen ao mesmo sitio e desde alí parta o transporte público ás principais arterias da comunidade autónoma”, segundo dixo Feijóo. O proxecto construtivo da estación intermodal de Vigo xa está a ser redactado, mentres que nos casos de Ourense e Santiago este acaba de licitarse. Tal e como recordou o presidente, a Xunta ten consignados 34,4 millóns de euros, en parte procedentes de fondos europeos, para o fomento da intermodalidade.
 
A nova estación intermodal da Coruña vaise situar onde está agora mesmo a estación do tren de San Cristóbal e elevarase en altura ata a cota da avenida da Sardiñeira. O edificio terá tres plantas: na baixa estarán os aparcadoiros e a plataforma ferroviaria; na primeira, trinta dársenas para autobuses interurbanos e, á altura da devandita avenida, unha praza pública e cinco dársenas para autobuses metropolitanos e 1.000 metros cadrados que se reservan para servizos varios.
 
Proxecto a tres bandas
“Calculamos que a execución do edificio terá un custo de entre 17 e 18 millóns de euros —explicou o presidente—, dos cales a Xunta de Galicia pon 10 millóns e o Concello da Coruña os outros 7 ou 8, destinados a urbanizar a praza e facer os aparcadoiros”. A esta cifra habería que sumar o custo dos accesos, que corresponde executar ao Concello.
 
Por último, a ADIF corresponderíalle redactar os proxectos das obras da estación ferroviaria, executalas e financialas, así como ceder os terreos necesarios para que se execute a nova estación. “Deste xeito, finalizamos a licitación dos proxectos construtivos de todas as estacións intermodais”, concluíu Feijóo.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/aYZAGTOW56Q» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo avanza a reforma da antiga sede da Xunta en Pontevedra

Santiago, 31 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a reforma da antiga sede da Xunta en Pontevedra, situada na rúa Benito Corbal, co obxectivo de concentrar alí dúas oficinas de emprego que agora mesmo están situadas nun local de alugueiro e para converter o inmoble nun edificio de usos múltiples.
 
Nesta liña, o mandatario indicou que está prevista unha remodelación integral do edificio, que conta con case 6.000 metros cadrados, está en desuso dende que a Xunta se trasladou ás novas instalacións en Campolongo e lembra que a última reforma no inmoble fíxose xa hai máis de 30 anos.
 
Por tanto, a proposta da Xunta propón instalar nas primeiras plantas do edificio as oficinas de emprego, unificando nun único espazo a atención ao cidadán e aforrando os 150.000 euros ao ano que custaba o alugueiro das oficinas.
 
As dúas plantas seguintes poñeranse a disposición de entidades e asociacións de interese social e sanitario para que poidan situar alí as súas oficinas e locais. No que atinxe ás plantas superiores, ofreceranse á Universidade de Vigo para que sitúe nelas os servizos e proxectos que decida.
 
Segundo Feijóo, con esta actuación non só se facilita ao servizo de emprego, ás asociacións e á Universidade un lugar idóneo para desenvolver a súa actividade, senón que tamén se rehabilita e recupera para a cidade de Pontevedra un edificio agora en desuso.
 
Así mesmo, o presidente indicou que, de forma inmediata, presentarase este proxecto por parte da Vicepresidencia e da Consellería de Facenda á cidade de Pontevedra e, posteriormente, licitarase o proxecto construtivo toda vez que a Xunta xa conta cun proxecto básico.
 
Aproveitar o patrimonio da Xunta
O líder do PPdeG sinalou que se trata de proseguir co camiño de diminución de alugueiros.
 
Como sinalou, búscase o máximo aproveitamento do patrimonio da Xunta a través da concentración de espazos administrativos, da unificación da imaxe corporativa dos espazos pertencentes á Administración e da implantación dunha xestión integral e unificada do patrimonio do Goberno galego.
 
Trátase, por tanto, dun paso máis na busca de integrar todos os servizos da Xunta dentro dos edificios de titularidade autonómica. Este esforzo intégrase no Plan de Alugueiros, que vai permitir un aforro de 5,65 millóns de euros cada ano.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/2c10RfJQe3w» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo di que a Xunta convocará axudas de 3,5M€ para empresas non agrícolas no rural

Santiago, 31 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta acaba de coñecer a aprobación unha nova liña de axudas destinada a fomentar a creación e desenvolvemento de pequenas empresas non agrícolas no rural, dotada con 3,5 millóns de euros para este 2016. “Sen dúbida é importante impulsar a diversificación do tecido produtivo no noso mundo rural”, explicou o presidente.
 
Estas axudas son totalmente novas. Teñen como precedente máis próximo unhas axudas para implantar as TIC nas microempresas rurais. Agora “ábrese o abano de posibilidades”, tal e como dixo Feijóo, pois elévase o limiar de persoal (de menos de 10 traballadores a menos de 50) e de facturación anual (de 2 a 10 millóns de euros) para que as empresas poidan acceder ás axudas. Ademais, tamén eliminamos a necesidade de que as empresas estean orientadas a sectores ou actividades concretas.
 
O importe das axudas alcanzará o 45% do investimento total, cunha achega máxima de 200.000 €, e poderá cubrir proxectos como industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais, agás empresas de maquinaria agrícola e forestal e de servizos enerxéticos; iniciativas de servizos sociais coma garderías, coidado de anciáns, persoas con discapacidade ou granxas-escola; actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria; comercio polo miúdo e restauración turística, agás actuacións en bares e cafeterías.
 
Criterios de valoración
Entre os criterios que se terán en conta á hora de conceder as axudas están: a localización do proxecto —“imos valorar positivamente os que se sitúen en zonas de montaña ou en concellos moi envellecidos”, indicou—; a tipoloxía do promotor, primando ás mulleres, persoas menores de 35 anos, con discapacidade ou desempregados maiores de 55 anos; a tipoloxía do proxecto e o número e calidade dos empregos creados.
 
“Estas axudas ás empresas non agrícolas do mundo rural complementan coa liña de axudas de subvencións que puxemos en marcha en 2016 e que totalizan 85,3 millóns de euros para o mundo rural”, lembrou o presidente. Isto engloba as axudas aos investimentos en explotacións agrícolas, para a creación de empresas polos agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións (que ascenden, en conxunto, aos 57,5 millóns de euros); os 10 millóns de euros que investimos en apoiar o sector forestal nos seus investimentos en tecnoloxía e comercialización dos seus produtos e os 14,3 millóns de euros consignados para axudas para o sector agroalimentario.
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/FBg2WfQA64E» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo: «A Axencia Galega de Infraestruturas xestionará case 500M para a rede viaria»

Santiago, 31 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Axencia Galega de Infraestruturas xestionará entre 2016 e 2017 un orzamento de case 500 millóns de euros para conservar, mellorar e ampliar a rede viaria autonómica; “o que supón –aseverou- un 6% máis que nos dous anos anteriores”.
 
Feijóo lembrou que a Axencia Galega de Infraestruturas concreta a súa actuación en catro grandes obxectivos estratéxicos: exercitar as competencias de planificación e programación en materia de estradas; optimizar a construción de novas infraestruturas viarias e a mellora das existentes; garantir a seguridade no transporte, mellorando as condicións das infraestruturas e dos usuarios; e mellorar o funcionamento e a calidade dos servizos da axencia. E, nese marco, subliñou que a axencia levará a cabo entre 2016 e 2017 varios programas e varias liñas de traballo.
 
Nun primeiro termo, o mandatario referiuse ao Plan de reforzo de firmes que este ano suporá un investimento de máis de 23 millóns de euros, “e que permitirá o arranxo de 570 quilómetros de estradas, neste 2016”. E precisou, ademais, que na liña de mellora da seguridade viaria e ampliación da rede de estradas investiranse 36 millóns de euros neste 2016, tendo xa 39 proxectos licitados.
 
No tocante ao Plan de sendas, Feijóo subliñou que esta iniciativa prevé executar 170 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas seguros, recollendo na primeira fase 55 sendas en sete comarcas galegas.
 
Sobre a execución de novas estradas, o presidente resaltou que actualmente están en construción obras que supoñen un investimento de 266 millóns de euros, tales como: a finalización da autovía da Costa da Morte; o acceso ao porto de Burela, “que esperamos rematalo este mesmo ano”; o tramo Celeiro-San Cibrao da vía de alta capacidade do norte; “e estamos apurando os treitos un e dous do Corredor do Morrazo, e posteriormente faremos o tres”.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/28Tq8OBUzgY» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo trasládalle Noriega a aposta da Xunta por un traballo coordinado

Alberto Núñez Feijóo trasladoulle hoxe ao alcalde de Santiago que a aposta do Goberno galego pola estación intermodal pasa por un traballo coordinado entre as administracións que permita facer realidade o antes posible esta infraestrutura na capital de Galicia. Este foi un dos asuntos principais abordados na reunión que esta mañá mantiveron o presidente autonómico e o rexedor compostelán.
 
No encontro, Feijóo puxo de manifesto o labor que está a desenvolver a Xunta para dotar Santiago de Compostela dunha auténtica estación intermodal na que sexa posible conectar o transporte colectivo por estrada co ferroviario, unindo ademais os barrios da cidade situados a ambos os lados das vías férreas entre si e coas terminais de autobuses e ferroviarias.
 
O presidente da Xunta lembrou que a Administración autonómica está a avanzar con determinación nas actuacións da súa competencia, encamiñadas á integración da estación de autobuses na parcela da terminal ferroviaria. E, nese sentido, informou ao alcalde de Santiago da recente adxudicación do proxecto construtivo da nova terminal de autobuses.
 
Feijóo comprometeu que o proxecto da nova estación de autobuses estará rematado e poderá presentarse neste mesmo ano. Por ese motivo, o titular do Executivo autonómico reclamou a implicación do Concello de Santiago no proxecto e solicitou ao rexedor compostelán que no vindeiro mes de maio o Concello comece a desenvolver os traballos da súa responsabilidade, tales como a adecuación do planeamento urbanístico a través da tramitación dun plan especial ou a expropiación dos terreos para posibilitar a execución das obras.
 
Coordinación aeroportuaria
Na reunión desta mañá, o presidente galego manifestoulle tamén ao alcalde de Santiago que o Goberno galego reiterou a aposta pola coordinación aeroportuaria na Comunidade Autónoma, defendendo Galicia como un único destino aeroportuario.
 
A este respecto, Feijóo solicitoulle a Noriega que o Concello de Santiago contribúa a ese obxectivo e que as decisións se tomen no Comité de coordinación aeroportuaria, para a promoción de rutas aéreas, tanto desde o aeroporto da Lavacolla como desde o resto dos aeroportos galegos.
 
Finalmente, Alberto Núñez Feijóo manifestou o compromiso do Goberno galego de impulsar a Variante de Aradas, unha infraestrutura que facilitará o acceso desde a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, aliviando o barrio de Vite de gran parte do tráfico pesado que rexistra na actualidade. Nese sentido, o presidente avanzou que neste mesmo semestre se iniciarán as expropiacións necesarias para acometer esta nova estrada.
 
O presidente galego manifestou a súa vontade de manter unha relación de cordialidade co Concello de Santiago para traballar desde a máxima lealdade institucional polo benestar dos veciños de Compostela e a prol dos intereses da cidade como capital de Galicia.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/RhyKnRQQDps» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo salienta que Galicia é hoxe unha das comunidades máis solventes

Alberto Núñez Feijóo destacou que Galicia é hoxe unha das comunidades máis solventes: con mellores datos económicos, máis educación pública e con máis servizos públicos, coa atención de 1.100 dependentes máis a partir do mes de abril. “Mantemos un Goberno solvente e estamos intentando sacar Galicia da dobre recesión económica que padecemos durante estes anos”, aseverou, en resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara.

Deste xeito, e nun primeiro termo, Feijóo salientou que Galicia ten mellores datos económicos que a maioría das comunidades, reflectidos nun incremento do PIB, no récord de exportacións e no récord do índice de produción industrial; “e onde había paro e baixas de afiliación á Seguridade Social, agora hai emprego -23.000 parados menos- e se incrementaron as altas”, engadiu.

No tocante aos servizos públicos, o titular do Goberno galego aseverou que este ano 2016, o 70% dos galegos terán na súa área sanitaria un hospital novo ou un hospital reformado. E, no eido da dependencia avanzou que a partir do mes de abril atenderanse a 1.100 dependentes máis, lembrando así mesmo que se en 2009 a ratio de atención era do 30%, actualmente é do 64%.

“E temos tamén máis educación pública, con menos abandono escolar, con máis prazas de comedores escolares e máis prazas de formación profesional e, hoxe, os universitarios galegos son os que menos taxas pagan de España”, abundou.

Durante a súa intervención, Feijóo referiuse tamén ao problema demográfico, “o primeiro problema estrutural de Galicia”, dixo, incidindo no problema do envellecemento da poboación.

Sobre este punto, destacou que Galicia é unha das comunidades autónomas cunha das políticas máis beneficiosas para a dedución por fillos e cun 68% máis de prazas públicas de garderías que ao inicio da crise económica.

Feijóo concluíu a súa intervención facendo fincapé en que Galicia é a terceira comunidade autónoma que menos renda perdeu en converxencia coa UE. Neste sentido, abundou en que Galicia tivo un comportamento mellor en termos globais que a media do PIB español. “A nosa Comunidade perdeu nove puntos de converxencia coa EU no contexto da recesión económica fronte aos 11 puntos que perdeu España, dous puntos máis”, explicou.

O presidente da Xunta aseverou que no ano 2015 Galicia está volvendo a converxer con Europa e asegurou que a nosa é unha das rexións europeas nas que máis creceu a economía.

[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/XOaVLw7ZmwQ» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo adianta que a Xunta levará ao Parlamento unha nova Lei de transporte público

Alberto Núñez Feijóo adiantou hoxe que a Xunta levará ao Parlamento unha nova lei para garantir o normal funcionamento do transporte público de viaxeiros por estrada en Galicia, logo de que o Tribunal Supremo anulase a prórroga das concesións autorizadas pola Administración autonómica a través da Lei de medidas urxentes de novembro de 2009, concretada na posterior resolución da Dirección Xeral de Mobilidade de febreiro de 2010.
 
O mandatario galego lembrou que ese texto actuou para garantir o funcionamento do servizo público ante a entrada en vigor do novo regulamento comunitario sobre a materia. E apuntou que desde 2007 o bipartito coñecía o dito regulamento e só foi quen de aprobar varios borradores de lei, polo que Galicia se expoñía a perder todas as concesións de transporte interurbano aprobadas ata o momento.
 
Pola contra, sinalou que a Xunta, coa norma de 2009, deu unha resposta ao sector nun prazo de sete meses, pactando con el unha solución similar á de outras 12 comunidades autónomas que establecía unha prórroga de dez anos para as distintas concesións. Un procedemento, dixo, que foi considerado conforme a dereito polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. “Como consecuencia de que cando tomamos posesión quedaban uns meses para que fosen decaendo todas e cada unha das concesións de transporte”, lembrou, “tivemos que sacar esa lei co acordo do sector e coa abstención do partido socialista”.
 
Agora, asegurou, logo da decisión do Tribunal Supremo, a Xunta presentará unha nova lei ao Parlamento para garantir a prestación adecuada dos servizos de transporte público aos cidadáns.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/F2fbi7uk1ik» frameborder=»0″ allowfullscreen ]