Iniciativa sobre as xestións que debe realizar o Goberno galego diante do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital en relación coas carencias e deficiencias existentes en Galicia en materia de conectividade
Na actualidade, e cada vez máis, a conectividade de forma similar as redes de electricidade, de abastecemento de auga ou de transporte, configúrase como unha infraestrutura esencial no desenvolvemento da sociedade.
A importancia da necesidade de cobertura púxose de manifesto sobre todos nos últimos meses debido á situación motivada pola pandemia da Covid – 19, que evidenciou a importancia desta ferramenta para o teletraballo de milleiros de persoas, na educación, no acceso aos servizos públicos e incluso como único medio de comunicación coas familias e amigos, entre outros.
Pero ademais, existen numerosos estudos que amosan unha correlación positiva entre a penetración das redes de alta capacidade nun país e o crecemento económico do mesmo.
A propia UE fixou como obxectivos estratéxicos de conectividade para 2025:
– A conectividade de alta velocidade para todos os principais motores socioeconómicos.
– Unha cobertura 5G sin interrupcións nas zonas urbanas e grandes vías de transporte terrestre.
– Un acceso á conectividade que ofreza polo menos 100 Mbps a todos os fogares europeos.
Na mesma liña, o Goberno do Estado na axenda dixital “España Digital 2025” establece como obxectivo, garantir unha conectividade dixital adecuada para o 100% da poboación, promovendo a desaparición da fenda dixital entre as zonas rurais e as urbanas e establecendo como meta para o ano 2025 o 100% da poboación con cobertura 100 Mbps).
Tamén a Xunta de Galicia, có obxectivo de configurar un futuro dixital para a cidadanía galega e contribuír ao desenvolvemento económico, social e medioambiental do noso territorio fixou como folla de ruta a Estratexia Galicia Dixital 2030, asegurando así a integración e perfecta coordinación co establecido pola UE e a España Digital 2025.
Neste senso, os Concellos como administracións máis próximas aos cidadáns atenden a diario as peticións de acceso á cobertura de banda larga e á cobertura de banda larga ultrarrápida que realizan as veciñas e veciños das zonas con falta de conectividade ou insuficiente conectividade.
Por tanto a conectividade, é dicir, o acceso a Internet máis rápida e de mellor calidade ten unha importancia crecente, non só para a competitividade empresarial, a innovación e a cohesión territorial, senón tamén pola súa contribución á inclusión social, e en definitiva á mellora da calidade de vida dos veciños, para evitar o despoboamento e mellorar o desenvolvemento dos Concellos.
Tendo en conta que as telecomunicacións son servizos de interese público, estando garantido o dereito de todos os cidadáns ao acceso en condicións adecuadas independentemente da dispersión poboacional, da orografía e o relevo do territorio, e dado as administracións públicas teñen a obriga de velar pola igualdade de oportunidades de toda a cidadanía e toda vez que detectamos que nos 313 municipios de Galicia existen zonas nas que non hai despregamento de redes nin conectividade dixital adecuada para o 100% da poboación.
En base ao anteriormente exposto o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- Trasladar ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a nula ou insuficiente conectividade en moitos núcleos de poboación situados nos 313 concellos de Galicia.
2.- Trasladar ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para que no territorio galego e no marco das súas competencias, a necesidade de priorizar o despregamento de banda larga nas zonas brancas das entidades de poboación menos poboadas, así como nas zonas que non están catalogadas como “zonas brancas” na listaxe elaborada polo dito Ministerio pero que o son de facto, e dote tamén de cobertura ás zonas que non dispoñen nin tan sequera de servizos básicos de telefonía móbil, como áreas de maior risco de fenda dixital.
3.- Trasladar ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para que no territorio galego e no marco das súas competencias, a necesidade de ter en conta as achegas dos Concellos e da Xunta de Galicia como institucións máis próximas á realidade e mellor coñecedoras das necesidades do seu territorio para asegurar así unha correcta provisión das necesidades de comunicación, eliminar a fenda dixital e as barreiras e desigualdades que xorden entre a poboación dependendo do seu lugar de residencia”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/eXdMBoxd1VIqaA7owGsnKUp6zh90RvDZF1c8mmGTxk0=