Iniciativa sobre o impulso pola Xunta de Galicia a que demande ao Goberno de España unha pronta negociación cos Estados membros de cara a obter do BAR Brexit Adjustment Reserve (Reserva de Adaptación ao Brexit), un apoio para os sectores afectados tanto directa como indirectamente polo acordo de saída do Reino Unido en materia pesqueira, e a buscar apoios e aliados entre as rexións europeas afectadas por este acordo de cara a defensa de criterios favorables para o sector pesqueiro galego neste ámbito
Consideramos necesario que os sectores da pesca, a transformación e a comercialización reciban apoio financeiro da Unión Europea para afrontar o impacto do brexit no caso de que non se chegue a un acordo.
A cantidade de fondos do “Brexit Adjustment Reserve” (“Reserva de Adaptación ao Brexit”), dotado con 5.000 millóns de euros, que recibirá a cadea mar-industria ante a inminente retirada do Reino Unido da UE, ten como fin contrarrestar as consecuencias imprevistas e adversas do brexit nas rexións e sectores máis afectados.
No caso de que non se chegue a un acordo despois deste período de cinco anos e medio, os buques da Unión correrían o risco de perder o acceso ás augas do Reino Unido e as posibilidades de pesca nelas a partir do fin do período de transición. Esta circunstancia tería un impacto significativo para a frota europea, e afectaría negativamente o sustento económico de moitas comunidades pesqueiras da Unión.
Apoiamos firmemente que o sector pesqueiro conte con apoio financeiro da Unión para facer fronte ás probables consecuencias do acordo do brexit en materia pesqueira, e aínda que seguimos considerando necesario un acordo pesqueiro completo, equilibrado e a longo prazo, e que manteña o acceso recíproco a augas e recursos, tamén apostamos por conseguir un BAR que achegue axudas para paliar os impactos directos e indirectos que este acordo poda ocasionar.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande ao Goberno de España unha pronta negociación cos Estados membros de cara a obter do BAR “Brexit Adjustment Reserve” (“Reserva de Adaptación ao Brexit”), un apoio para os sectores afectados tanto directa como indirectamente polo acordo de saída do Reino Unido en materia pesqueira, e a buscar apoios e aliados entre as rexións europeas afectadas por este acordo de cara a defensa de criterios favorables para o sector pesqueiro galego neste ámbito”.
Rexistro:https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001092