Iniciativa sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno español en relación coa alta velocidade
Para Galicia, dada a súa situación xeográfica periférica en relación co resto do Estado, a chegada do AVE a Ourense a finais do pasado ano supón un fito histórico que abre un importante abano de posibilidades en todos os ámbitos, como o económico, o turístico ou o social, entre outros.
Para que esas potencialidades se convertan en realidade e permitan aproveitar ao máximo a alta velocidade ferroviaria é preciso que se cumpran unha serie de condicións, entre elas e a prioritaria, que o AVE chegue non só a Ourense, senón ao resto das cidades galegas.
Dada as particulares características da rede viaria interna de Galicia, con distintos anchos de vía, para que o resto das cidades galegas, como Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Vigo, poidan dispoñer realmente de alta velocidade e desfrutar dos tempos de viaxe comprometidos con Madrid, é preciso dispoñer do material rodante axeitado, de ancho variable, os chamados trens AVRIL.
É preciso pois, que o Goberno de España dote, canto antes, a rede ferroviaria galega dos trens AVRIL. Con todo, non temos certezas de cando vai ser isto posible, pois o Ministerio non ten ofrecido concreción a este respecto.
Polo exposto, dende o Grupo Parlamentario Popular consideramos necesario presentar esta proposición non de lei para o seu debate en pleno:
“O Parlamento insta ao Goberno galego a requirir ao Goberno español que garanta os tempos de viaxe do AVE comprometidos dotando a rede ferroviaria da Comunidade de trens AVRIL; que concrete o cronograma para a chegada da alta velocidade aoconxunto das cidades galegas; e informe de forma certeira de cando estarán dispoñibles eses trens de rodadura desprazable, algo que, en todo caso, deberá ser no prazo máis breve posible”