O Partido Popular de Galicia esixe ao Goberno central unha postura clara sobre os seus plans de futuro para Muface e sobre a atención sanitaria aos mutualistas de xeito que se garanta a súa continuidade asistencial e, de ser necesario, tamén a súa integración progresiva na sanidade pública.
Unha demanda que se produce logo dunha reunión entre deputados do PPdeG no Congreso e representantes do sindicato CSIF na que se abordou a preocupación dos 1,5 millóns de funcionarios que agora están en Muface –máis de 58.000 só en Galicia– polo futuro da súa asistencia sanitaria. Especialmente logo do fracaso que supuxo a primeira licitación efectuada polo Goberno.
«Os prazos vanse rematando e o Goberno central, como en tantas outras cousas, segue sen ter unha postura común e clara sobre esta situación tan complexa”, sostén a deputada Marta González ao tempo que demanda unha maior vontade de negociación coas aseguradoras «para garantir que os empregados públicos reciban a atención sanitaria que demandan».
Ante isto, os populares galegos trasladaron ao sindicato maioritario de funcionarios o seu compromiso coa defensa, a continuidade e o fortalecemento do modelo de Muface. De aí a súa esixencia dunha solución definitiva por parte do Goberno central que poña fin á incerteza e á intranquilidade de milleiros de empregados públicos que ven perigar a súa asistencia sanitaria.
IMPACTO NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA
Cómpre recordar que, ante a falta de información e planificación do Goberno central, o Goberno galego realizou un informe sobre o impacto que suporía dar atención aos 58.000 asegurados de Muface no sistema sanitario público de Galicia.
As principais conclusións deste informe apuntan a un aumento do gasto sanitario de case 170 millóns de euros ao ano e a un incremento da actividade asistencial actual de entre un 2 e un 3%. Tamén aumentarían en 11,4 días a lista de espera cirúrxica e en 4,3 días a de consulta co especialista.
De aí que desde o PPdeG consideren necesario máis información, máis planificación e máis coordinación por parte do Ministerio de Sanidade. Especialmente ante a posible incorporación ao Sergas destes mutualistas, que, apuntan, deberá ser progresiva e escalonada para non colapsar algúns servizos e garantir a continuidade asistencial.