Iniciativa sobre a extensión por parte da Xunta de Galicia das casas do maior naqueles concellos onde non estea en funcionamento ningún centro de día
O principio reitor do sistema de atención ás persoas dependentes debe garantir que cada galego e cada galega poida decidir libremente como e onde facerse maior. É dicir que ser dependente non implique obrigatoriamente recorrer a unha residencia xa que as persoas maiores adoitan preferir ser atendidas nas súas casas, barrios ou parroquias.
Neste sentido, e atendendo ás preferencias das persoas maiores, o Goberno galego puxo en marcha no ano 2018 as casas do maior, mini centros de día nos concellos pequenos. As casas do maior preséntanse como alternativa cando na contorna non existan recursos de atención para persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, graos I e II respectivamente, así como para persoas maiores sen dependencia.
Este servizo de conciliación contribúe na atención e prevención da dependencia, mantén e mellora a calidade de vida dos seus usuarios e promociona a autonomía persoal.
Desta forma aténdese, por unha banda, ao benestar dos coidadores familiares, xa que contribúe a diminuír a carga dos coidados e a favorece que a permanencia das persoas en situación de dependencia na súa contorna se realice nas mellores condicións de equidade no acceso a recursos de proximidade, con independencia do lugar onde residan.
E por outra banda foméntase a prevención das situacións de dependencia en persoas maiores que aínda gozan de autonomía, paliando así mesmo as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.
Cada centro atende de xeito totalmente gratuíto a un máximo de 5 persoas maiores durante un máximo de oito horas diarias de luns a venres, con flexibilidade horaria, e garantías de seguridade e calidade, posto que os seus responsables teñen formación ou experiencia profesional específica.
Ademais, con este recurso impúlsase e apóiase a prestación destes servizos de atención aos maiores mediante fórmulas de autoemprego e de economía social, que demostran ser eficaces para a dinamización económica local e para a fixación de poboación ao territorio.
Dende a súa posta en marcha, Galicia conta con 90 casas do maior repartidas polas catro provincias, poñendo a disposición dos nosos maiores 450 prazas públicas asistenciais.
O éxito desta iniciativa fai preciso que se siga apostando por implantar máis recursos deste tipo naqueles concellos onde non existan servizos de conciliación para as persoas maiores. Un recurso, por certo, moi ben valorado naqueles lugares onde se instalou.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar apostando polo envellecemento de proximidade estendendo as casas do maior naqueles concellos onde non estea en funcionamento ningún centro de día.”