10, marzo, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir afondando e perfeccionando a Galicia familiar na vindeira década, para o que anunciou que os populares seguiremos respondendo ao que nos piden os fogares para a conciliación ou para facilitar a plena inclusión das persoas con discapacidade. Tamén para impulsar novas oportunidades ás familias desfavorecidas, avanzando na posta en marcha de novos centros sanitarios e promovendo o envellecemento activo con todos os apoios necesarios.
Feijóo lembrou que Galicia nunca investiu tanto en política social como neste 2020 no que a Xunta destinou a esta materia un 85% do total de fondos autonómicos. “E sempre intentamos prometer o que podamos cumprir e responder a todos os compromisos adquiridos”.
Na súa intervención, afirmou que “Galicia merece algo máis que unha política de trincheiras”, e lembrou que a política social ten que partir dunha boa política económica que dote de recursos a esa preocupación polos que máis o necesitan.
REPARTO EQUITATIVO
O presidente do PPdeG manifestou que “as institucións deben traballar para que os froitos do crecemento se repartan entre todas as galegas e galegos”, subliñando que “en ningún outro ano se investiu tanto na Galicia familiar como neste 2020: 4.100 millóns de euros na sanidade pública, máis de catro de cada dez euros xestionados polo Goberno galego; e 776 millóns de euros en axudas ás familias, mellora da conciliación, inclusión social, integración da discapacidade e atención aos nosos maiores, un 65 por cento máis do que se investía en 2009”.
“Ao longo destes últimos anos conseguimos avanzar malia as dificultades da crise económica, mellorando en todos os ámbitos, e nalgúns deles conseguindo logros históricos, como duplicar as prazas públicas en escolas infantís (de 12.000 a 25.000), multiplicar por catro o número de dependentes atendidos (de 14.000 a 62.500), contar co ensino máis inclusivo para os alumnos con discapacidade, reducir ao mínimo histórico as listas de espera na sanidade pública, reducir o fracaso escolar (do 26% ao 12,4) ou elaborar a primeira Lei de impulso demográfico de España”, sinalou.
Máis en concreto, sobre os apoios aos fogares que decidan ter fillos apuntou a posta en marcha da Tarxeta Benvida, ampliada ata os tres anos dos fillos e que desde este ano inclúe máis axuda para as familias numerosas e as que viven no rural; o Bono Coidado, para contratar a unha persoa coidadora en momentos puntuais; o Bono Concilia, para axudas a pagar unha praza de escola infantil a quen non puidese acceder á pública; ou as reducións da xornada laboral para os pais.
“As familias galegas tamén contan con máis servizos que nunca para atender e educar aos seus fillos, como as casas niño, a disposición do 100 por cento dos concellos pequenos de Galicia; a rede pública de escolas infantís; ou a universalización da educación infantil”, salientou. Ademais, destacou que “Galicia será a única comunidade de España que ofreza, a partir do 1 de abril, a educación infantil de xeito totalmente gratuíto para o segundo fillo e sucesivos”.
Dentro do ámbito da loita contra as desigualdades, Feijóo defendeu que “as persoas máis desfavorecidas poidan contar con oportunidades para saír adiante”. Así, lembrou que “xuntos evitamos máis de 1.450 desafiuzamentos e fomos pioneiros na posta en marcha do Bono Social Eléctrico; logramos que se reducise ao mínimo histórico o número de fogares que chegan con dificultade a fin de mes; conseguimos que a Risga sexa máis eficaz; e deseñamos e aprobamos un plan para atender ás persoas sen fogar”.
Outro dos aspectos aos que se referiu o presidente do PPdeG foi os apoios ás persoas con discapacidade, subliñando que “Galicia inviste hoxe en atención a este colectivo un 77 por cento máis que hai onde anos”. Este apoio tradúcese na prestación de asistencia persoal máis alta de toda España, un 25 por cento máis de prazas públicas para discapacitados, máis apoio económico para as entidades de discapacidade, procesos de valoración máis áxiles e sinxelos, incorporación de 25.000 persoas con discapacidade ao mercado de traballo.
Feijóo salientou que Galicia conta “cunha das mellores sanidades públicas do mundo” e afirmou que “nunca antes houbo tanto investimento en sanidade, un servizo de enfermería con máis de 11.000 profesionais, tantas ambulancias (125, un 13% máis) percorrendo a nosa comunidade, tantas doazóns e tantos transplantes e o 80 por cento das galegas e galegos contan cun centro de saúde ou hospital novo ou renovado na súa contorna”. “Nunca antes contáramos cunha sanidade pública tan completa, áxil, moderna e eficaz”, apuntou.