Boqueixón, 3 de agosto de 2016.- O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que os populares galegos póñense o obxectivo dunha maioría excepcional, posto que cre que hai ilusión e motivación para vencer. Así se expresaba o dirixente durante a Xunta Directiva do partido celebrada esta mañá en Boqueixón. Malia ser conscientes de que unha maioría estable é unha excepción en España, o presidente indicou que teñen argumentos, feitos e razóns para pedirlla aos galegos, xa que a nosa comunidade tamén foi e é unha excepción de estabilidade, responsabilidade, solidariedade, sentido común, e polo que todos xuntos fixemos.
RESPONSABILIDADE E SERIEDADE
Durante a reunión, onde tamén estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e polo secretario xeral, Miguel Tellado, Feijóo afirmou a data para as eleccións autonómicas -o próximo 25 de setembro- foi escollida porque Galicia unha vez máis volve mandar a mesma mensaxe que enviou durante todo este tempo: “aquí somos serios. Aquí somos responsables. Aquí se chama Galicia”.
Nesta liña, recordou que fomos responsables nos momentos máis difíciles da crise, cando a ingobernabilidade chegou a moitas comunidades autónomas e concellos, e durante a parálise destes sete meses en España, desde o primeiro día. “E somos responsables ata o último día da lexislatura, tamén para convocar as eleccións”, enfatizou.
O líder popular galego recalcou que a inestabilidade, a irresponsabilidade e o bloqueo non foi, nin é, nin será, se de el depende, por Galicia. Así, namentres en España houbo eleccións pola irresponsabilidade aquí hainas porque completamos unha lexislatura estable e non hai incertezas nin irresponsabilidade.
E é que, para Feijóo, a nosa comunidade foi o que debería ter sido o país, por ese motivo afirmou que España debe “empezar a tomar nota das comunidades que cumprimos coa nosa responsabilidade”. “Eu quero unha Galicia que siga sendo Galicia”, engadiu.
Por outra banda, o dirixente manifestou que chama a atención que a oposición se sorprenda porque haxa eleccións en outono catro anos despois das anteriores. Malia isto, recoñeceu que xa sabían que os seus líos lles impiden presentar un proxecto serio e responsable para Galicia ou centrarse no que verdadeiramente importa, así como que os seus problemas agora tampouco lles deixan prever ata o máis obvio.
Así mesmo, sinalou que a nosa comunidade non sería máis importante se tivera eleccións días despois do País Vasco -tal e como considera a oposición-, senón que sería máis frívola. “Galicia é máis importante cando con máis responsabilidade e seriedade se actúa”, incidiu.
De igual xeito, recoñeceu que non é necesaria unha semana máis ou menos para prepararse cando se ten un proxecto, cando non hai que improvisar un partido e unha candidatura, ou cando se ten a motivación suficiente que, para os populares, é a nosa comunidade.
“Como non imos crer en Galicia se vemos o futuro moito mellor que hai catro anos? Nunca melloramos tanto en tan poucos meses como estamos mellorando nestes últimos”, precisou Feijóo.
VOCACIÓN E SENTIMENTO
Na súa intervención, o presidente explicou que non se presenta como candidato á Xunta por unha cuestión partidista, ideolóxica, profesional nin política, senón que o fai por vocación e sentimento.
Segundo engadiu, os populares non están para derrotar a ninguén, para faltar o respecto a quen pensa diferente, nin para ir á contra. Do mesmo xeito, dixo que non os convoca a división, o odio ou as revanchas; faino Galicia.
“Eu estou aquí porque quero a Galicia e me poño á súa disposición”, sinalou mentres apuntaba que non hai maior motivación, maiores ganas e maior ilusión que a nosa comunidade.
AS VITORIAS PARA GALICIA
Durante o seu discurso, o número un do PPdeG asegurou que o seu obxectivo é que Galicia saia gañando sempre, destacando que as vitorias que motivan son as que nos poñen como a segunda comunidade onde máis baixa o paro, as que permiten que poidamos seguir acadando avances como ter eliminado o imposto de sucesións, as da recuperación de sectores como a automoción e o naval, ou as vitorias ante o futuro, apostando pola innovación con proxectos como o aeronáutico en Rozas.
De igual modo, afirmou que os populares buscan unha mellor sanidade e educación públicas, máis servizos sociais ou poder vencer aos problemas de quen máis sofre a crise. Coa fin de conseguilo, Feijóo recalcou que son precisos catro anos máis de estabilidade para o que buscarán unha maioría estable nas urnas.