O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, salientou esta tarde que, fronte a outras formacións, para o PPdeG “a política non é pelexar por un escano, non é ser deputado en diferido, non é dividir aos nosos veciños entre bos e malos galegos”, senón que “é escoitar aos galegos, traballar polos galegos, apoialos nos fracasos e acompañalos nos éxitos”.
O líder dos populares galegos sinalou que Galicia sempre espera e pide moito máis do seu partido que do resto das formacións, polo que subliñou que “se somos o Partido Popular de Galicia é porque nos gustan os retos difíciles e porque nos gusta estar orgullosos da nosa identidade galega, española e europea”.
EN GALICIA, SI
Durante o acto de entrega de 60 carnés a novos afiliados da provincia de Pontevedra, recordou que hai 20 meses lográbase a única maioría absoluta da España autonómica, cunha proposta formulada en positivo. É por iso polo que avogou porque nas eleccións municipais de 2019 “temos que ser quen de repetir en todos os concellos que en Galicia si”.
Neste senso, Feijóo fixo fincapé en que, en todo este tempo no que nin Galicia nin o seu goberno pararon un só minuto conseguíronse importantes logros: o crecemento da economía durante máis de catro anos consecutivos e a un ritmo maior que Alemaña e Francia; unhas contas públicas estables para non endebedar aos nosos fillos; unha educación máis plurilingüe e máis dixital; unha Sanidade pública galega cada vez máis tecnolóxica e con máis comodidades para os usuarios; que as familias galegas paguen ata 2.800 menos que a media española pola formación universitaria dos fillos ou que se baixen por primeira vez máis da metade o prezo dos máster.
“E aquí, en Pontevedra, teredes un centro hospitalario de primeirísimo nivel no Gran Montecelo e o primeiro campus de Formación Profesional de España situarase tamén nesta provincia, en Vigo”, indicou Feijóo.
MILITANTES DE GALICIA
Alberto Núñez Feijóo sinalou que o proxecto político do PPdeG é o que non só mellor conecta co sentir dos galegos, senón tamén “o máis eficaz para contribuír ao crecemento de Galicia e ao benestar das familias galegas”. Neste senso, referiuse a que a única esixencia para entrar a formar parte do Partido Popular de Galicia é ter gañas de traballar para facer unha Galicia mellor: “O único carné que importa á hora de gobernar é o de militante de Galicia, e ese permite dobre militancia. Por iso, pídovos que o levedes sempre xunto ao do PPdeG”.
Dixo que a política necesita da implicación de xente con ideas, talento e iniciativa; que escoite moito antes de falar; que pense máis no benestar dos outros que no seu propio; con vocación de liderado; con espírito reformista, pero que saiba apreciar todo o bo que ten Galicia. E é que tal e como indicou Feijóo, “a solución aos problemas da política non é desvincularse dela, senón comprometerse máis”.
A POLÍTICA ÚTIL E CONSTRUTIVA
O presidente dos populares galegos pediulles aos novos afiliados que, a pesar dos exemplos da antipolítica, non perdan a confianza nela. Así, dixo entender que pode desmotivar ver como practicar unha política radicalmente oposta ao do PPdeG parece ter o apoio da xente, que políticos que apostan todo á división, á confrontación constante e á crispación parecen gozar do favor popular. “Pero, máis tarde ou máis cedo, os cidadáns poñen a cada un no seu lugar”. Tal e como puxo de manifesto, só “a política útil e construtiva” ten potencial para ilusionar.
Do mesmo xeito, Feijóo destacou que esta é unha formación que non está pensando en afundir aos demais partidos, senón que pensa “en impulsar o benestar de todas as familias galegas”. “Somos un partido -engadiu- que ten o corazón, a cabeza e os pés ben plantados en Galicia. Por iso, somos o partido preferido polos galegos”. “Formar parte da familia do Partido Popular” supón formar parte dun “partido diverso, da costa e do interior, de mariñeiros, gandeiros ou profesionais liberais, da xente da aldea ou da cidade; e representar aos maiores e representar tamén aos máis novos”, finalizou o presidente.