Iniciativa sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España respecto da inclusión na planificación de Rede Elécrica de españa para 2021-2026 da conexión de Vigo á rede de moi alta tensión e da construción dunha nova subestación no polígono de Balaídos
O Goberno central acaba de demostrar unha vez máis que a industria viguesa e galega non está na súa axenda, cumprindo os peores presaxios e deixando fóra da planificación da Rede Eléctrica Española para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de transporte de 220 kV, así como a subestación eléctrica de Balaídos, unha infraestrutura estratéxica para o futuro do sector do automóbil na comarca viguesa e en Galicia.
De nada serviron as solicitudes realizadas pola Xunta, Stellantis e a industria auxiliar da automoción en Galicia, mesmo do propio Parlamento galego que en marzo de 2021 aprobou por unanimidade o seguinte texto: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que o Ministerio para a Transición Ecolóxica rectifique e inclúa na Planificación de Rede Eléctrica de España para 2021-
2026 a construción dunha nova subestación para atender a demanda industrial de Balaídos e conectar Vigo á rede de transporte de 220 kilovolts, facilitando unha subministración eléctrica moderna con capacidade de ofrecer estabilidade ao servizo”.
Así, con esta decisión, o Goberno segue sen prestar a este sector a importancia que se merece, negándose a garantir a viabilidade da planta de Stellantis e abaratar os custos na fabricación de vehículos.
Trátase dun proxecto que ademais xa estaba comprometido na programación anterior aprobada polo Goberno de Rajoy e que o Executivo de Pedro Sánchez gardou nun caixón tras chegar á Moncloa en 2018.
Un golpe moi duro para Vigo, a súa industria e a súa economía, que estaban esperando con urxencia a rectificación do Executivo de Sánchez para poñer solución aos problemas dunha rede obsoleta, que sufre constantes caídas de tensión e avarías que causan perdas millonarias ao tecido industrial, especialmente ao motor. Unha decisión inaceptable que deixa ao polígono de Balaídos, as súas empresas e á cidade en clara desigualdade competitiva.
A negativa do Goberno socialista, polo tanto, volve prexudicar o desenvolvemento e o emprego industrial en Vigo, xa que a planta de Stellantis en Balaídos é actualmente a única gran fábrica española de coches sen subministro a máis de 220 kV e Vigo é a única cidade de España de máis de 250.000 habitantes conectada a unha rede básica.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España que rectifique e inclúa na planificación de Rede Eléctrica de España para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de Moi Alta Tensión e a construción dunha nova subestación no polígono de Balaídos para atender as necesidades de subministro da industria, demostrando así o seu compromiso con Vigo e a automoción viguesa”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/IK2o55kU4hu0TWUgoMa9RboNnWeK8c4ijq8DFqXnLWk=