Iniciativa encamiñada a que se restablezan todos os servizos de tren suprimidos amparándose na pandemia tanto nas conexións interiores como con outras comunidades autónomas
O Grupo Parlamentario Popular avoga por un transporte público de calidade e pola mellora das infraestruturas que faciliten a mobilidade das persoas. Neste contexto, o ferrocarril é unha das posibilidades idóneas para garantir o dereito irrenunciable que teñen os cidadáns á mobilidade por, entre outros motivos, seguridade, comodidade, sustentabilidade ambiental, redución do tránsito de vehículos nas estradas e vertebración territorial.
Para garantir os servizos e a competitividade dos territorios, é preciso que os cidadáns teñan á súa disposición un transporte ferroviario de calidade. Iso supón que poidan dispoñer dunha oferta acorde coas súas necesidades, tanto no que respecta ás características dos trens, como a itinerarios, tempos de viaxe e frecuencias.
Estes requisitos, lamentablemente, non se están a cumprir na nosa Comunidade Autónoma, que nos últimos anos vén sendo obxecto dunha continua redución e supresión de servizos por parte do Goberno central presidido polo Partido Socialista.
Esta xa de por si situación precaria viuse agravada, neste últimos meses, polo contexto sanitario e a declaración do estado de alarma por mor da pandemia da COVID-19, que limitou ostensiblemente a mobilidade das persoas.
Unha consecuencia desta situación extrema, no que ao transporte ferroviario se refire, foi a drástica redución e mesmo a supresión de servizos que agora, pese a
restablecerse o dereito á mobilidade dos cidadáns, non se repuxeron por parte do Goberno central. Máis ben ao contrario, semella que Renfe, coa necesaria conivencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), pretende darlle valor de normalidade á excepcionalidade derivada da COVID-19. Así, constatamos con fonda preocupación, como o deterioro e a merma dos servizos ferroviarios se mantén co conseguinte agravio para os galegos.
Consideramos desde o Grupo Parlamentario Popular que a situación xerada pola COVID-19 non pode ser utilizada como escusa polo Goberno central para eliminar servizos ferroviarios na nosa Comunidade e privar aos galegos dun servizo público esencial, cos conseguintes prexuízos na mobilidade pero tamén na actividade económica que diso se deriva.
Por iso, desde este Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en pleno:
“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que:
1.- Restableza todos os servizos de tren que foron suprimidos amparándose na pandemia provocada pola COVID-19, tanto no que ten que ver coas conexións interiores na propia Comunidade galega como coas conexións de Galicia con outras Comunidades Autónomas, nomeadamente coas cidades de Barcelona e Madrid, ofrecendo servizos acordes ao incremento da demanda por parte dos usuarios.
2. Incremente o cadro de persoal de maquinistas e dote do persoal necesario aos servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios”.
Rexistro Iniciativa: http://www.parlamentodegalicia.gal/Expedientes/11/PNP-000056