Iniciativa obre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central para a apertura ao tráfico do túnel do Folgoso, da autovía das Rías Baixas, ou A-52, en sentido Ourense
A Autovía das Rías Baixas, a A-52, rexistrou o pasado 25 de xaneiro o incendio dun camión que circulaba pola vía en dirección Ourense, tendo como consecuencia o peche ao tráfico dun treito desa infraestrutura estratéxica para Galicia. O tratamento do Ministerio de Transportes Mobilidade e Axenda Urbana a esta incidencia pon de manifesto o desinterese que o Goberno de España ten cara ás infraestruturas de Galicia.
É comprensible que o accidente, acontecido no interior do túnel do Folgoso, na Cañiza, pola súa envergadura e peculiaridades, interrompera momentaneamente a circulación de vehículos, pero resulta inaceptable que tres semanas despois de que se teña producido o sinistro a autovía continúe pechada ao tráfico e sen data de reapertura a curto prazo.
Este peche está a provocar que os usuarios teñan que dar un rodeo de máis de 20 quilómetros, ao ter que circular pola N-559 ata Covelo e despois pola N-120 dende Fontefría ata A Cañiza. Deste xeito o tempo de viaxe increméntase en ata media hora, dado que o itinerario alternativo ten que realizarse por estradas dun único carril por sentido e mesmo polo casco urbano, o que está a causar un grave prexuízo a todos os usuarios, pero cunha maior incidencia se cabe ao transporte pesado e de mercadorías.
E é por iso que dende o Grupo Parlamentario Popular presentamos esta proposición non de lei para o seu debate en Comisión:
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España o arranxo urxente do túnel do Folgoso, en sentido Ourense, da A-52, que permita a súa apertura ao tráfico con todas as garantías de seguridade no prazo máis breve posible”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001132